O amigo Solla é un adestrador de primeiro nivel cun periplo moi importante por algunha das ligas máis prestixiosas de Europa, case sempre acompañando a Javi Gracia que exercía de primeiro adestrador. Na actualidade traballa na canteira do primeiro equipo da cidade de Marsella, e no pasado mundial tivo a oportunidade de integrar o corpo técnico da selección de Marrocos, a grande revelación do campionato que acadou un máis que meritorio 4º posto. Nós conversamos con el.
“ O mundo do fútbol ten partes moi sacrificadas para o profesional”
Como chega un rapaz de Reboreda á formar parte do corpo técnico da selección de Marrocos?
Pois habería que mirar bastante para atrás .Eu xoguei en distintos equipos como o Choco ou o Sárdoma de Vigo e decidín dedicarme a adestrar, gustábame e dábaseme ben. A parte de adestrar inicieina aquí, en concreto na Xunqueira. O factor educativo que ten o adestramento gustábame moito e comecei entón a formarme en Pontevedra e na Coruña. Adestrei nas categorías inferiores do Choco. Rematei a carreira e fixen as prácticas no Celta. Alí estiven tres anos de adestrador asistente na categoría cadete.
Non tiveches opción de continuar no Celta?
Vía escasas posibilidades de progresar e apareceume unha opción de ir ao Pontevedra xuvenil que considerei máis interesante. Alí chego a facer a función de adestrador asistente do primeiro equipo. A partir de aí xa comezo a ver a posibilidade de poder vivir do meu traballo no mundo do fútbol
Foi con Javi Gracia verdade?
Si. Unha vez que el deixa o Pontevedra recibe unha oferta do Cádiz e lévame a traballar alí con el. Logo estiven no Villareal B en segunda división
Vaia periplo¡
Espera que non acaba aí a cousa. Despois fomos a Grecia, estivemos en dous equipos nese país, e logo volvemos a España, en concreto ao Almería. Logo pasamos polo Osasuna, polo Málaga. Tamén estivemos an Rusia ata que nos apareceu a opción dunha liga enormemente atractiva como a Inglesa onde creo que fixemos un gran papel
O que os abriu as portas a volver de novo a España, a un dos grandes equipos de España?
Si, chegamos ao Valencia aínda que foi unha temporada de bastantes problemas. A verdade tivemos moitos atrancos para poder formar un bloque competitivo.
E volta de novo a viaxar?
Pois si, e non a carón da casa precisamente, fomos a Qatar. Fixemos unha boa temporada e o adestrador decide parar a descansar unha temporada
E ti?
A min aparéceme a oportunidade de ir a Marsella a dirixir o departamento de desenvolvemento de talento
De que anos son os rapaces cos que traballas?
De entre 16 e 20 anos, son proxectos de xogadores para o primeiro equipo. Estando alí chámame Eduardo que acababa de incorporarse á selección de Marrocos e tiña a necesidade de contar cun preparador físico máis.
Xa estamos logo na selección de Marrocos, e vaia mundial fixestes eliminando a un campión do mundo como España?
Fixemos moi bo mundial si, pero nós tratabamos de non fixarnos no rival que tiñamos na cancha, a nosa filosofía e considerar que a calquera conxunto se lle pode gañar.
Cal era o voso obxectivo inicial?
Pasar da fase de grupos malia que nós sabiamos que tiñamos moi bo equipo, aínda que para a maioría da xente foi unha sorpresa para nós non. Moitos dos nosos xogadores están a xogar en ligas europeas de máximo nivel
Nalgunha entrevista dicías que o teu traballo comeza cando remata o partido. Por que?
Referíame á selección pois o meu traballo fundamental é controlar a carga. Despois do partido teñen arredor de media hora para relaxarse un pouco e logo teñen que practicar distintos tratamentos e traballos co obxectivo de regular a carga de esforzo.
Ti probas os exercicios que lles mandas facer aos xogadores?
Eu probei moitas das cousas pero o que teño moi claro é que un xinete é un xinete, e un cabalo é un cabalo. Hai partes nas que si son necesarias as experiencias previas pero hai partes nas que non , con ter capacidade para comunicalas de maneira correcta abonda.
Non cres que o que pode chegar a cobrar un xogador de elite é desmedido?
Pode ser si, pero tes que considerar que é un mundo que xera moitísimos cartos. Entre entradas, TV e publicidade prodúcese moito diñeiro e se non se xerase non o cobrarían. Asemade supoño que a pregunta refírese aos xogadores TOP, pero a inmensa maioría non está nese nivel económico. Incluso os xogadores medios de primeira división non o teñen fácil para poder vivir toda a vida dos cartos que gañen nos seus anos en activo. E en segunda división é practicamente imposible.
É dicir, non todo o que rodea ao universo do fútbol é luxo e glamour?
De ningún modo. Hai partes que son moi sacrificadas
Un xogador sacrifica moito da súa vida persoal para chegar á elite?
Si, claro. E non só os xogadores que chegan á elite. Calquera persoa que practique deporte de competición ten que renunciar a unha parte da súa vida social e persoal. A maioría non teñen o premio de chegar á elite, ou de poder vivir profesionalmente da práctica deportiva pero esfórzanse, renuncian a cousas e sacrifícanse igual.
Como te sentiches cando eliminastes a España?
Moi contento , igual que cando gañamos ao resto de equipos aos que gañamos. Para min foi un partido máis que queriamos gañar como calquera outro. Cada partido que gañamos foi un enorme momento de alegría.
Pagou a pena todo ese tempo sen ver á familia entón?
Pagou a pena claro que si. Asemade a selección de Marrocos pagou parte da estancia das nosas familias en Qatar co que todo se fixo moito máis levadío. Pero fose como fose a experiencia do mundial foi impagable.
Para cando un equipo galego?
Para cando me chamen e para cando me valoren
O futuro?
De momento vou volver a Marsella. Eu traballo para o Olympique , o equipo desa cidade francesa, que me dá permiso para ir coa selección de Marrocos só cando hai algún torneo de seleccións que implique parada no torneo de liga. Teño outro ano máis de contrato en Marsella, a miña familia está contenta e eu tamén.