O Torneo de fútbol sen resultados dos amigos de Casa Paco volve por fin ás canchas

Torneo Casa Paco

O pasado 17 de maio, día das nosas letras, retomouse, despois de dous anos de obrigada parada pandémica, o torneo de exhibición de fútbol que organizan os amigos de Casa Paco. Este torneo teu unha singularidade que consiste en que os rapaces se divirten, xogan e tratan de dar o mellor de si mesmos na cancha pero os goles non se computan. Si, non hai resultados pois a súa filosofía consiste en que todos os participantes se sintan gañadores por igual. Para min foi un pracer asistir como espectador a unha nova edición deste torneo e charlar cos amigos de casa Paco, pois se algo teño claro é que A Nova Peneira é de casa Paco, e eles son un máis da casa do noso medio de comunicación.

Despois de dous anos de parada como foi a volta ás canchas?

Estamos moi contentos. A verdade todo o mundo puxo o mellor de si mesmo e o resultado foi enormemente satisfactorio

Neste torneo participan nenos e nenas verdade?

Si, desde logo

De que idade son os máis cativos e cativas?

Son de categoría” biberón”, nacidos nos anos 2016 e 2017

O pavillón de Redondela tal como está deseñado facilita o desenrolo do torneo non?

Pois si, porque permite que se poidan desenvolver partidos en dúas pistas ao mesmo tempo o que facilita a interacción dos nenos e as nenas que xogan

Cantos clubs participan?

Oito. Son clubs do noso concello e algún de fóra como por exemplo os nosos amigos do Salcedo, ou o Val Miñor

Facédeme un balance da temporada do Casa Paco?

Unha temporada soberbia, de matrícula de honra. Xa temos postas as nosas miras no torneo da Xunqueira, que é a nosa “champions league “particular. E nós non somos capaces de vivir sen ela.

Xa sabemos cantos equipos van participar nesta edición do torneo da Xunqueira?

Aínda non. Penso que despois de dous anos de parada imos ter desta volta unha demanda moi importante

Manolo, creo que querías facer unha mención especial a un dos vosos amigos máis queridos verdade?

Sí, quería aproveitar a oportunidade das páxinas da Peneira para agradecer desde o máis profundo de min a colaboración leal e xenerosa que a panadería Pili ten con nós desde sempre. Eu animo a todos os lectores a que coñezan a esta marabillosa empresa da nosa comarca pois ademais de ter un produto de grande calidade son unhas persoas extraordinarias.