Unha xeración de redondeláns e de redondelás somos fillos e fillas de “ Xogos Xan”.Nese local aprendemos a xogar e a amar o billar. E para min , que gocei entre as súas paredes nas infinitas tardes do verán de Redondela de incontables partidas de billar, é un orgullo ver que o paso do tempo fixo que dous dos cativos que comezaban a xogar na devandita sala, están agora no máis alto do podio do billar galego. Eles son Josué e Rodrigo,xunto co seu compañeiro Telmo, campións dun prestixioso torneo por equipos que disputaron os máis importantes xogadores de billar de todo o país galego. Non podiamos deixar pasar a ocasión de conversar con eles, para que nos explicaran mellor a súa historia, e as características deste marabilloso deporte. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
Josué Alejandro e Rodrigo Veiga campións de billar.
“No billar é esencial a confianza. Se existe conexión ente a mente e o brazo podes con todo”
Imos comezar polo principio: por coñecervos mellor?
Ben, pois ei son Josué o do Guay, un local moi coñecido en Redondela. Comecei a xogar ao billar con 12 anos porque hai moito tempo, no noso local había unha mesa de billar. Gustoume moito abofé, pero as circunstancias da vida fixeron que o deixara durante máis de 10 anos, ata que un día Rodrigo me convenceu para retomalo. E ata agora que continúo practicándoo con paixón.
O billar é un deporte?
Para min si, claramente si. Compites e tes desgaste físico e mental exactamente igual que en calquera outro deporte.
Ben, agora tócache a ti, Rodri?
Eu son un rapaz de Redondela que teño dúas grandes paixóns: A música, unha faceta pola que son moi coñecido no pobo, e o billar, que o practico xa desde hai moitos anos. Tamén, como Josué, tiven unha importante parada, de anos, na práctica do billar.
Ti tamén sentes paixón polo billar?
Si, o compañeiro e eu somos dous namorados do billar. Quería puntualizar o que dixo Josué
Sobre?
O billar é un deporte, claro que si. Pero tamén é un xogo de pensar. Hai que desenvolver estratexias constantemente en todas e cada unha das partidas.
Agora temos un club de billar en Redondela, verdade?
Si, o “Club Billar Na Lúa”, algo que antigamente era impensable.
Cantos membros ten?
Entre 17 e 19.
Por onde xogades?
Por toda Galicia, con xente marabillosa. Incluso Rodrigo foi varias veces a La Vegas.
Cando foi,Rodri?
No 2003, por vez primeira cheguei a disputar un mundial. Foi algo impresionante, alí vívese o billar cunha dimensión que non hai aquí nin por asomo.
O billar é como montar en bicicleta, unha vez que aprendes non se esquece?
Non exactamente. Necesita moito adestramento.
Canto tempo lle dedicades ao día?
Depende das circunstancias e do momento da vida, pero podemos dicir que arredor de dúas horas ao día. En calquera caso adestrar é importante, pero non o máis importante. Unha alta porcentaxe de culpa no éxito que teñas esta na túa situación mental persoal.
O billar ten unha parte de creatividade?
Si, rotundamente si. Non hai dúas partidas iguais.
Hai algún xogador que vos pareza especialmente destacable?
Pois si, quixeramos destacar ao noso compañeiro Telmo Torres, un xogador portugués que vive en Cangas e que ten unha calidade enorme.
Hai varias modalidades de billar. A vosa é “bola 9”.En que consiste?
Son nove bolas, que forman un rombo, e hainas que meter por orde.
Como é o campionato galego que gañastes?
Gañamos un campionato dos mellores equipos de Galicia de bola 8.O campionato galego é outra cousa. En calquera caso foi un orgullo enorme e unha satisfacción absoluta podelo gañar
Ides presentarvos ao campionato galego?
Si, por suposto que si. Comeza o 13 de Xullo. Xa nunha ocasión lograramos facer un segundo posto e este ano imos a polo primeiro.
Vaia, non sabía que en Redondela tiveramos un nivel de billar tan elevado?
Pois si, si que o temos Marcos. E aproveitamos a túa amabilidade ao facernos esta entrevista, para dicirlle ao Concello desde as vosas páxinas que lle dea máis visibilidade ao noso deporte. Non creo que haxa en Redondela clubs de ningún deporte que teñan o palmarés de trofeos que ten o “ Club de billar na Lúa”.
Como vos financiades?
Pagamos unha cota mensual ao club, e o que non chegue para algún evento concreto, pois poñémolo dos nosos petos.
E ás veces que Rodrigo foi a Las Vegas?
Primeiro tes que xogar unha clasificación, se a gañas podes ir, e páganche a viaxe, só a viaxe. As dietas non.
Se tiverades que destacar algunha característica como esencial para ser un bo xogador de billar, cal sería?
A confianza. Por moito traballo que leves detrás, se chegas ao momento da partida e a confianza falla, non hai nada que facer. Pola contra se estás motivado e con confianza podes con todo o que veña. No billar a conexión do brazo coa mente é esencial, se falla estás perdido.
Rematamos: Creo que a conexión entre volos dous é espectacular, verdade?
Pois si, hai algunha anécdota por aí ao respecto, pero separarnos a nós sería case como se separasen ao dúo Pimpinela. Antes de acabar quixeramos agradecer a importancia que tivo Joaquín Lago en que nós, despois de anos sen xogar ao billar, volveramos retomar a práctica deste marabilloso deporte.
