Paco Carballo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Celebrouse o 15 de marzo deste ano no que andamos un acto de memoria de Paco Carballo, o ben querido amigo e historiador, fabulador de tantos soños e andainas, moitas delas aínda por andar e das que deixou ronsel. É xa o centenario do nacemento e organizaba a Asociación de Amigos de Francisco Carballo, o Concello e a Fundación Terra e Tempo. Foi un sábado e fíxose todo pola mañá en Asadur, onde el era. O meu comentario chega tarde, como así quero que sexa. Ofrenda floral, visitas, lecturas de textos del diante da súa casa, encontro na biblioteca pública que leva o seu nome e despois, no Salón de Actos da Casa do Concello de Maceda, música e vídeos, intervencións de parentes e amizades, coñecedores da súa vida e obra. Entre eles, o meu querido amigo Manuel Peleteiro, de quen di o programa que é cura inculturado. Reparo nel, porque se souberades canta cultura “de obra” ten no seu haber, canto fixo no seu silandeiro andar e cos seus irmáns, Bieito e Carlos, loitadores insubornables, exemplos de loita sen violencia e desde ese anonimato cheo de honras. Seres que non se repetirán, non. Eran paúles! Dos que, como Carballo, predicaron co exemplo, e silentes, sen facer ruído. Os Peleteiro, seguidores de Carballo,  mantiveron o criterio veraz, sublime e humilde, mesmo diante de autoridades bastardas que galanteaban co poder e esquecían o deber, para castigalos. Vergoña, só de pensalo!

O certo é que foi -así estaba previsto- un acto sinxelo pola mañá, ao que non puiden asistir e ben que o sentín, pero que me fixo lembrar ao Carballo persoa, xa non ao histórico nin teórico do nacionalismo, senón ao Paco na súa pureza, limpo e decidido, transparente, cabal e competente, sabedor do pasado cun maxisterio trazador de inspiracións e aspiracións, sedutor e sabedor do acontecido, precursor de aconteceres. Era todo un ser extraordinario e cheo de coñecementos e ilusión, que sabía contaxiar. Sen complicadas formas pero que reparaba no mínimo detalle. Non se lle pasaba unha! Ría a cachón coas parvadas que se nos presentaban espontáneas, cheas de vida, de atractivo para divertir e darlle voltas á filosofía do humano e do transcendental, que tanto nos preocupa e que se envolve en palabras e devezos, pero sobre todo nos adobía daquilo que reborda en ironías e retranca, nas mesmas nosas contradicións. Si, todo o que pasaba ao seu/noso redor era festivo e mellor, se compartiamos anécdotas que a todos nos levaban a vida en sucesos. Se era por Ourense, moito mellor. Se era tomando os viños e compartindo orella e ribeiro, polas rúas da vella cidade, moitísimo mellor. Creo que el mesmo era a felicidade, o destrutor das teimas que os demais tiñamos para favorecernos da súa ledicia, da súa moral de vitoria con ansia de seguir sen desfalecer. Amigo leal e fiel, dos que se contan nunha soa man e sobran dedos. Así foi sempre porque era un gran señor e, nas distancias curtas, semellaba xigante contaxiado dos desexos de vivir e de loitar por unha Galiza Nosa e mellor. Ánimo decidido, da sublime conquista.

No programa dos actos aparece unha foto de cando era novo. Coñecino cando era un pouco maior, nesa distancia da amizade enteira e inesquecible, compartida con moitas máis persoas da contorna e do camiño, como O Rubén, cando aínda andaban por Marín e arredores. Veu a concertos e atinaba a facer xuízos tanto a nivel musical como de mensaxe. Gustábanlle as pezas ousadas e atrevidas, fortes e as pícaras. Veu a presentacións de libros e collía dos meus versos referencias para comentar. Aínda conservo aquela -unha das derradeiras- no Museo do Pobo Galego e que quixo rematar cos versos que querían reescribir a Nosa Historia, a que nunca foi ben contada. Gustábanlle o teatro e participaba cunha empatía extraordinaria, ría das controversias humanas que representabamos, daquelas, en Volta e Dálle. Sempre lle agradecín moito o seu criterio que comentaba e alentaba novas angueiras, soños interminables, anceios desa Matria liberada, utopías que un día serán certas. Que xa daquelas abrían na cabeza e no corazón un sentimento agradecido de pertenza, de loita sen remedio ata ser donos de nós e da Casa que nos terma. Gardo os seus recordos e correos como unha bendición venturosa. Eran unha festa en alborada cando chegaban. _Asadur_ no cursor e corría a lelos. Sempre me contestaba de noite, cando recollía. Facíao desde un ordenador portátil e cativo, que alguén lle agasallara. Era a súa única pertenza. Non tiña máis, esa era toda a súa fortuna. Vivía por riba da materialidade humana. Nada tiña e nada pedía porque canto tiña era dabondo. Con iso tiña todo, tamén esa sublime condición das xentes que deixan permanente pegada. Un ronsel, como xa dixen, que aínda nos fortalece e fai ser militantes da razón poderosa que nos asiste, como Pobo e Nación.