Marín, xullo de 2019.
A primeira visita oficial da Alcaldesa de Marín foi ao presidente da Autoridade Portuaria. E de ben nacidos ser agradecidos, e a Sr. Ramallo sabe a quen ten que darlle as grazas.
A intención desta xuntanza era “profundar na liña de colaboración e coordinación porto-cidade mantida nos últimas mandatos”. Descoñecemos cal foi esa colaboración entre a Autoridade Portuaria e o Concello nestes últimos anos, como non fora a colocación dunha muralla de contedores diante da Alameda para tapar as vistas ao mar. Iso si que foi abrir Marín ao mar.
A nosa alcaldesa tivo a oportunidade nesta xuntanza de demandar ante este organismo estatal unha maior achega a Marín, como fan outras autoridades portuarias, e deixar de ser unha illa autónoma separada por un valado do resto dos mortais. Non só cedendo terreos que non teñen utilidade nin uso actualmente, senón colaborando economicamente co enramado asociativo marinense.
Nesta xuntanza de vellos amigos o Presidente da autoridade portuaria de Marín anunciou o proxecto de ampliación do novo peirao comercial de Marín coa intención de mellorar a oferta de “atraques polivalentes do porto” e dar opción ao tráfico esporádico de pasaxeiros. Esta ocorrencia, pensada para acadar titulares de prensa, dálle continuidade a tradición que temos neste país de multiplicar até o absurdo as infraestruturas. Temos tres aeroportos e agora queren que teñamos en Galiza cinco terminais de cruceiros. E por suposto, a coordinación entre portos non existe nin vai existir e continuarán competindo entre eles sen que ningunha administración se preocupe de pensar a política portuaria galega. Á Xunta non está nin se lle espera.
Un novo recheo na ría.
Un novo recheo na ría, seguimos apostando por deteriorar o noso entorno, alterar as correntes e encher o mar de formigón. Desta vez co caramelo de encher Marín de transatlánticos e milleiros de turistas.
Turistas que colleran un coche de liña e marcharan correndo a Pontevedra, Combarro ou Santiago. Ninguén pretenderá vendernos a moto de que van encher as rúas de Marín. Ula infraestrutura hostaleira, ulos restaurantes? Ulo casco vello e fermoso en Marín para que visiten os turistas? Non hai, as nosas autoridades municipais encargáronse nos últimos anos de cargarse o Priorato, a Villa Echegaray e recentemente o pouco de valor histórico que quedaba no centro de Marín.
Temos que lembrar que as actuacións da autoridade portuaria de Marín non se caracterizan pola claridade e a xustiza declarou ilegais parte dos recheos e o plan de usos do porto por non avaliar os posíbeis impactos ambientais.
E que supón a chegada de cruceiros, se é que chegan.
Segundo datos da organización Oceana o consumo de combustíbel dun cruceiro é similar ao de 12,000 vehículos, co inconveniente de que o fuel dos barcos é 50 veces máis tóxico. Os portos de Barcelona e Palma presentan elevados índices de contaminación pola chegada masiva destes barcos. Os grandes cruceiros que chegan a Barcelona contaminan o aire até unha distancia de 400 quilómetros, chegando ao Pirineo, Aragón ou Valencia.
Esta contaminación tamén é provocada polo tratamento do lixo a bordo, que na maioría das veces consiste na incineración xerando cinzas e emisións de fume con substancias tóxicas (bifenilos policlorados (PCB’s), dioxinas e furanos). A ONG alemá Naturschutzbund Deutschland (NABU) afirmaba nun informe que os cruceiros botaban á atmosfera 3.500 veces más dióxido de xofre que os vehículos terrestres, provocando problemas respiratorios e contribuíndo ao cambio climático.
Unha vez máis teríamos que soportar a contaminación, e xa temos abondo coa Celulosa, mentres os beneficios económicos irían para as grandes empresas que dominan o sector dos cruceiros.