Nace A Nova Peneira.gal

Nace anovapeneira.gal
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Ventos do pobo lévanme,

ventos do pobo arrástranme,

císcanme o corazón

e airéanme a garganta.

………………….

Se morro, que me morra coa cabeza moi alta.

Morto e vinte veces morto,

a boca contra a grama,

terei apertados os dentes

e decidida a barba

………

Miguel Hernández

O 25 de Xullo ,día da nación galega e día que sae ás rúas o número 111 da edición en papel de A NOVA PENEIRA, nace A NOVA PENEIRA.GAL, coa ambiciosa pretensión de sermos un diario dixital galego de información xeral, focalizada nas oito comarcas de Pontevedra nas que polo momento distribuímos a nosa edición impresa: O Morrazo, Vigo, Redondela, O Val Miñor, Baixo Miño, O Condado Paradanta, A Louriña e Pontevedra . Nada vai mudar no periódico en papel, que seguirá tendo unha ou dúas edicións mensuais co ánimo intacto e a vontade firme para írmonos espallando a máis corredoiras, máis camiños, máis rúas, máis estradas, máis barrios ,máis parroquias, máis concellos, máis comarcas e máis corazóns dos homes e mulleres do noso pobo, o pobo galego.

A nova peneira.gal, nace como fillo leal de A Nova Peneira, e como tal xurde coa inequívoca intención de ser fiel aos postulados que defende o seu pai, os mesmos que de maneira tan fermosa reflectiu Miguel Hernández nestas estrofas do seu inmortal “ Viento del pueblo”.

Non é certo que xa estea todo feito, que o estado que xurde no pos franquismo sexa o máximo ao que se poida aspirar, que un pobo non poida decidir libremente o seu futuro, nin que o mundo deseñado ao rematar a segunda guerra mundial, sexa o mellor dos mundos posibles. Hai millóns de persoas que teñen fame, que sofren a miseria, a negrura da pobreza e de múltiples tipos de violencia. E si, pódese escoller entre defender aos que explotan , entre practicar a equidistancia ou entre, sen que a ninguén se lle teña porque esixir actitudes heroicas, estar do lado dos que sofren de inxustiza Nós, cidadáns e cidadás libres do país galego, coa palabra como única arma, entre os que asoballan e os asoballados escollemos aos asoballados, entre os provocadores e os e os provocados eliximos aos provocados, entre o feminismo e a equidistancia desprezamos á equidistancia, entre os carcereiros e os encarcerados escollemos aos encarcerados, entre os que se afogan e os que queren pór valados, eliximos tenderlle a man aos que se afogan, entre os poderosos e os miserables escollemos aos que padecen a miseria, entre os soldados e os mansos eliximos aos pacíficos, entre Marrocos e o Sahara escollemos ao Sahara, entre Israel e Palestina eliximos a Palestina, entre Turquía e o Kurdistán escollemos ao Kurdistán e o e como dicía aquel fermoso monólogo:

cambiar de camisa para obter posición? NON, GRAZAS.

Dedicar se vén ao caso versos aos banqueiros, converterme en pallaso, adular con vileza os cornos dun cabestro por temor a que me lance un xesto sinistro? NON, GRAZAS.

Almorzar cada día un sapo? Ter o ventre panzón? Un papo que me chegue os xeonllos con doenzas pestilentes de tanto facer reverencias? NON, GRAZAS.

Adular o talento dos canelos, vivir atemorizado por infames libelos, e repetir sen tregua: Señores, son un loro, quero ver o meu nome en letras de ouro? NON, GRAZAS.

Sentir temor aos anatemas? Preferir as calumnias aos poemas, coleccionar medallas, urdir falacias? NON, GRAZAS; NON, GRAZAS; NON GRAZAS…

Pero cantar… soñar…. rir, vivir, estar só ser libre ter o á espreita a voz que vibre poñerme por chapeu o universo, por un si ou un non baterme ou facer un verso, desprezar con valor a gloria e a fortuna, viaxar coa imaxinación á lúa, só ao que vale recoñecer os méritos, non pagar xamais por favores pretéritos, renunciar para sempre a cadeas e protocolo, Posiblemente non voar moi alto, pero só.

PS. Toneladas de emocionadas grazas aos e ás anunciantes, aos subscritores e ás subscritoras, aos lectores e lectoras e a todas e todos que dun ou doutro modo fannos sentir o seu acubillo. Nada disto sería posible sen vós. Por favor, non nos abandonedes aquí está a vosa voz.