Sobre a finalidade da arte, as Tanxugueiras, a España carpetovetónica e o país galego

Sobre a finalidade da arte, as Tanxugueiras, a España carpetovetónica e o país galego
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Maldigo a poesía concibida como un luxo cultural polos neutrais….”

Gabriel Celaya.

A consideración de cal debe de ser a finalidade da arte non está pechada, nin é algo que se poida obxectivar pois ao longo da historia existiron distintas interpretacións e non houbo ningún acordo unánime entre filósofos e historiadores para definir uns parámetros obxectivos entre os que se poida encadrar a finalidade das distintas creacións artísticas. Eu, como calquera persoa sensible, teño a miña propia opinión ao respecto que basicamente coincide co verso de Gabriel Celaya que encabeza este artigo. A arte ,calquera produto da vontade humana de crear unha obra que transcenda á propia persoa que a crea, é unha interacción dun individuo coa realidade e non debe de obviar á propia realidade da que agroma. A creación artística, sexa do tipo que sexa, leva un proceso cuxo paso inicial xorde da mente de persoa que quere facer arte, cando se ve na necesidade de transmitir algo ao mundo. A mensaxe transmitida pode ser tan variada como diferentes son as interpretacións das múltiples arestas que poida ter a realidade pero o que non pode ser é nada porque nese caso non é arte, pode ser calquera outra cousa ; un negocio, unha chafullada, como a canción que representará ao estado español no vindeiro festival de Eurovisión, unha simple combinación de significantes sen significado, unha chambonada ,unha trapallada ou como lle queiran chamar pero arte non é, pois se nada pretende transmitir, por moita ornamentación estética que pretenda agochar á nada, nada é.

En relación co suposto concurso, no que se ía determinar unha canción que representase ao estado no festival de Eurovisión ,é a primeira vez na miña vida que me suscitou interese, pois o feito de que unha canción no noso idioma, e unha manifestación da cultura galega, tivese a posibilidade de representar ao conxunto do estado abría un escenario descoñecido ata ese momento e cuxas consecuencias sociolóxicas non eran fáciles de prever. Carezo de coñecementos técnicos musicais e nunca podería ser “xurado especializado” en ningún tipo de concurso semellante pero si sei ler, e teño certa experiencia na interpretación de textos que me permite afirmar con rotundidade, frialdade, obxectividade e sen ningún tipo de paixón que o texto da canción gañadora é unha imbecilidade á altura intelectual dun texto escrito por un adolescente de escasas luces.

E logo por que gaña?, cal é o motivo de que a opinión do 4% dos espectadores teña máis valor que a do 18% que votou á proposta que rematou en segundo lugar, ou que o criterio do 70% que prefería a canción das Tanxugueiras?

Estas preguntas só teñen tres respostas posibles; no mellor dos casos trataríase dunha organización pésima xa que a conclusión que se pode tirar do feito de que a opinión de 5 persoas, o xurado, teña máis valor que a de case 200.000 que votaron, só se pode cualificar como un rotundo fracaso. É posible tamén que o resultado xa estivese determinado a priori motivado polos intereses económicos dalgunha discográfica, en cuxo caso estariamos ante unha vulgar estafa. E por último, na peor das hipótese posibles, o resultado de tal disparate, 5 persoas deciden sobre 200.000, sería unha manifestación máis, unha de tantas, da España carpetovetónica, a España que está nas antípodas daquela Hespaña que soñou Castelao. A España desigual que lle ten medo ao diferente ao que trata de vencer no canto de convivir en harmonía. En definitiva a España do “ a por ellos” que en ningún caso se sentiría representada por un dos idiomas do estado que non sexa o seu.

Confeso que fiquei agradablemente sorprendido das consecuencias que o resultado deste episodio provocaron no país galego, pois a indignación desatada polo sentimento de aldraxe ao que é propio, indignación que dignifica á condición humana, foi transversal. Persoas de todo tipo e de todos os segmentos ideolóxicos que existen en Galicia amosaron o seu enfado de maneira xeral pois sentíronse agredidas cando o que consideran parte de si non foi tratado , entenden os que se enfadan, de maneira xusta.

Hai esperanza, hai país.

Vivan as Tanxugueiras¡¡¡