Continúan as asembleas informativas e os preparativos para a manifestación do domingo 13 de febreiro “por unha atención sanitaria digna e contra os recortes” nas urxencias e nos Centros de Saúde de Seixo e Marín

Centro de Saúde Seixo

A Plataforma fai un chamamento “ao persoal sanitario dos dous Centros de Saúde” e a toda a veciñanza do concello “tanto do casco urbano como das parroquias, para defender a sanidade pública”

Marín, 05 de febreiro de 2022

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, celebrou ao longo desta semana asembleas nas parroquias, que terán continuidade a semana que vén no casco urbano, nas que denuncia “a grave situación da sanidade pública” e chama a secundar a manifestación do domingo 13 de febreiro, con saída ás 12h do Centro de Saúde de Marín, “en defensa dunha atención sanitaria digna e contra os recortes nas urxencias e nos Centros de Saúde de Seixo e Marín.”

Despois de celebradas as asembleas no Campo, Ardán, Santomé de Piñeiro e Seixo e dos repartos polo casco urbano, a Plataforma valora como “moi positiva a reacción da veciñanza á manifestación, porque a sanidade no noso concello está moi deteriorada”. Nese sentido apuntan que “a pesar da incidencia da Covid en Marín e de que non podemos facer as xuntanzas ao aire libre, a xente acudiu e está interesada en seguir presionando á Xunta para ter unha atención sanitaria digna.” Ademais, “nas asembleas, calquera pode intervir e moitas persoas comentan os seus casos particulares, o que debuxa unha situación da sanidade pública peor do que se pensa.”

A semana que vén celebrarán asembleas o luns 7 de febreiro na Casa da Cultura de San Xián, o martes 8 de febreiro no Multiusos de Estribela e o mércores 9 de febreiro na Biblioteca de Marín. Todas as xuntanzas veciñais serán ás 8 da tarde, mantendo “as medidas de seguranza” contra a Covid-19 de máscaras e distancia interpersoal.

Dende a Plataforma insisten en que “isto non se soluciona nin con remendos nin cos anuncios propagandísticos da Xunta. Se segue a falta de recursos e os recortes de persoal, seguirá o aumento dos tempos de agarda para unha cita, as demoras en derivacións a especialistas e problemas no seguimento de crónicos. Sen persoal é difícil que se atendan e diagnostiquen todas as doenzas, e en saúde os diagnósticos a tempo son todo.”

De cara á manifestación do domingo 13 de febreiro, a Plataforma fai un chamamento a todas as veciñas e veciñas de Marín “queremos que acudan familias enteiras tanto do casco urbano como das parroquias e barrios para facer visible que a veciñanza do todo o concello está unida por unha atención sanitaria digna e contra os recortes.” Tamén fan un convite “ao persoal sanitario, especialmente o do Centro de Saúde de Seixo e de Marín, porque sen persoal non hai sanidade pública de calidade para a veciñanza, hai máis sobrecarga e esgotamento dos profesionais e unha atención primaria ao límite.”

Nese sentido sinalan que “noutros lugares tamén se están movendo, porque todas e todos sabemos que a presión da xente é a única maneira de parar o desmantelamento da sanidade pública. A veciñanza de Marín terá unha nova oportunidade o domingo para lembrarlle á Xunta que coa nosa saúde non se xoga.”