
A Plataforma cre “que despois desta demostración de forza da veciñanza é hora que na Xunta pasen da propaganda aos compromisos por escrito.”
Marín, 09/06/21.
A veciñanza de O Campo, Santomé, Ardán e Seixo viviu esta tarde unha mobilización “histórica” que “non se tiña visto antes nas parroquias do rural marinense.” Máis de 3.500 persoas, segundo a organización, participaron nesta mobilización masiva que esixiu “compromisos claros e por escrito á Xunta para cubrir todas as prazas do Centro de Saúde de Seixo e garantir unha asistencia sanitaria digna nas parroquias, que evite o desmantelamento do consultorio.”
A marcha arrancou coa pancarta da Plataforma “pola defensa do centro de saúde de Seixo, contra os recortes e a privatización da sanidade pública”, con representantes das catro parroquias afectadas, á que lle seguiron pancartas dos comerciantes de ACEMAS e de diferentes lugares como O Campo ou A Torre “defendendo o centro de saúde e un rural vivo” e tamén con nenos e nenas sostendo a pancarta “queremos pediatra en Seixo”. A veciñanza saíu da gasolineira para percorrer varias rúas, onde se berraron consignas como “sanidade, pública e de calidade”, “Seixo, Ardán, O Campo, Santomé, os da Xunta con nós non van poder”, “a sanidade non se vende, senón que se defende”, “os do rural tamén temos dereitos” ata o Centro de Saúde onde se deu lectura conxunta ao manifesto da Plataforma, por catro representantes das parroquias.
Ao seu paso pola oficina de Abanca, que anunciou o seu peche para o vindeiro 21 de xullo, veciñas e veciños pegaron carteis “contra o peche da única sucursal que queda na zona”. A marcha contou coa asistencia dos profesionais do centro de saúde, persoal de ambulancias, a plataforma galega SOS Sanidade Pública e, tamén, co apoio do PSOE e o BNG, cos seus portavoces locais e varios dos seus deputados galegos.
A Plataforma insiste en que “despois desta manifestación, a Xunta debe pasar da propaganda aos compromisos claros e por escrito. A veciñanza saíu á rúa porque non se fía do que din dende a Xunta e repiten do Concello. Sobran exemplos de recortes en centros de saúde como o noso. As veciñas e veciños non queremos chegar ao 15 de agosto e atoparnos coa praza dun dos médicos que marcha por xubilación e a do outro que marcha de vacacións sen cubrir, e que aproveiten para mandarnos a todos a Marín. Mobilizámonos para que non nos deterioren o servizo e porque temos dereito a unha atencións sanitaria digna.”
Por último, reiteran que “mentres o compromiso por escrito non se consiga, mobilizarémonos o que sexa necesario para reclamar os nosos dereitos e evitar o deterioro e desmantelamento destes servizos básicos para toda a veciñanza da nosa zona.” De feito, xa anunciaron a súa intención de chegar á Deputación, á Valedora do Pobo e o Parlamento Galego.