
Nunha das nosas viaxes polos camiños e corredoiras da Louriña a casualidade fixo que nos cruzaramos coa voceira socialista, lendo unha peneira, e así, de súpeto, sen ter nada previsto, conversamos un ratiño con ela
“ O PP de Mos sempre avalou o transfuguismo”
Non tiña previsto facerche esta entrevista , pero atópoche de casualidade lendo unha Peneira, que ten na portada á túa compañeira socialista Verónica Tourón co titular: “ Verónica Tourón nova alcaldesa de Salceda”, e case me animo a preguntarche se algunha vez poderemos ver nunha portada da Peneira :”Victoria Alonso nova alcaldesa de Mos”?
Eu son unha demócrata de verdade e iso que me preguntas vai depender da vontade maioritaria da veciñanza de Mos. Desde logo iso é o que eu desexo, iso é polo que pelexa toda agrupación socialista de Mos, porque, con toda a humildade , considero que, non unha alcaldía de Vitoria Alonso senón, un goberno do partido socialista sería moito máis xusto, humano, solidario e digno có que padece o noso pobo na actualidade.
O substantivo “veciñanza”, que mencionas, escóitase ultimamente con moita frecuencia na política local de Mos…
Pois non sei, pero eu síntome unha representante lexítima da parte da veciñanza que votou ás listas do PSOE, e a ese segmento de poboación procuro representar o mellor que saiba e poida. As e os votantes votan listas con programas políticos concretos, non persoas que actúen segundo o seu criterio individual
Es coñecedora de que GañaMos presentou unha moción, para o seu debate no pleno, defendendo a ética na práctica política, que o goberno local non permitiu que se debatera?
Si, seino e lin o texto. Non me sorprende en absoluto que o PP rexeite debater esa moción porque sempre avalaron, e incluso se beneficiaron, do transfuguismo
Cal é a túa opinión do contido dese texto?
Estou completamente de acordo, e de terse debatido votariamos a favor sen dúbida de ningunha clase.
Ben, que tipo de oposición do PSOE imos ver nos dous anos que restan de mandato?
A nosa liña de acción política baséase na fiscalización constante ao grupo de goberno para que a xestión dos servizos municipais , dos que depende o benestar das veciñas e veciños, sexa dilixente e non neglixente como por desgraza é. Alén de procurar que a xestión de recursos públicos sexa racional e non irracional como por desgraza é.
Algún exemplo desa suposta irracionalidade que mencionas?
O desmesurado gasto en publicidade
Que opinas da etapa da Volta Ciclista en Mos?
A min o que me gustaría saber é canto lle vai custar ao Concello. Hai un enorme escurantismo ao respecto. Unha vez que saibamos o que lle vai custar ao Concello poderemos facer unha valoración rigorosa
E do tema da sentenza xudicial ao respecto da cidade deportiva do Celta?
Ben, haberá que agardar a que a sentenza sexa firme pero polo de agora unha xuíza xa manifestou unha sentenza contraria a como se desenvolveu a súa construción.