Pedro Pereira voceiro do BNG do Porriño

Pedro Pereira voceiro do BNG do Porriño

Despois da treboada política acontecida no noso Concello, que propiciou o cambio de goberno, conversamos co voceiro do Bloque, Pedro Pereira, para coñecer a súa versión sobre o que pasou, e as perspectivas de futuro dos nacionalistas.

Faremos unha oposición positiva e propositiva. Agardo que o PP non caia na tentación do bloqueo”

Cal é a túa opinión sobre os motivos que impulsaron esta situación tan estraña que finalmente levou ao cambio de goberno no Porriño?

Ben, eu creo que as motivacións que impulsaron o cambio político no Porriño están súper analizadas por todas as partes, que xa achegaron as súas diferentes visións. O BNG emitiu un comunicado ao respecto e a miña opinión vai na liña do que xa manifestamos. A responsabilidade política de terlle entregado a alcaldía ao PP é de Eu son e o Psoe. Ningún dos dous estivo á altura. E entendo que esa é a opinión maioritaria non só do BNG , senón da maioría da sociedade do Porriño.

No pleno que lle deu a alcaldía ao PP había un empate a 8 votos entre a candidata do PSOE, Lourdes Moure, e o candidato do PP , Alejandro Lorenzo. E, por segunda vez no mesmo mandato, Manuel Carrera tivo a fortuna de que o seu voto decide o nome do alcalde ou alcaldesa. Manuel Carrera está na DEP. Como é posible que o Psoe non fose capaz de conseguir o seu voto?

Os acordos que teña Carrera co PSOE non son asunto noso e non os vou valorar. Son as dúas forzas políticas que antes mencionei as responsables de que Carrera tivera, novamente, a oportunidade de decidir quen é o alcalde de O Porriño. E a ninguén sorprende que Manuel Carrera xoga ao oportunismo, e en política hai que ver mais alá dos intereses persoais.

Que valoración fas destes anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno?

Eu fago unha valoración positiva nas dúas concellerías que tivemos. Nestes dous anos creo que deixamos pegada tanto na xestión como en proxectos de alto valor para a veciñanza do Porriño. Gañamos espazo para a xente coa peonalización dos barrios de San Benito e Aloques, compramos terreos nas beiras do río Louro para ampliar zona verde, tivemos unha programación cultural de calidade, diversificada e descentralizada…..Todo iso dentro da dificultade que supón sermos a parte minoritaria dun goberno bipartito , e aínda así creo que logramos darlle un cambio de rumbo en positivo ao camiño que levaba o partido socialista no mandato anterior. Aínda que teño que dicir que o PSOE non estivo á altura das circunstancias.

Por que?

Creo que houbo dinámicas negativas do mandato anterior que foron incapaces de mudar, por exemplo podo falar do caso dos orzamentos, un elemento fundamental para o goberno de calquera administración. Acabamos o 2.021 sen orzamento aínda que nós lle insistimos en numerosas ocasións, por ser o PSOE responsable da área económica, que debían pór uns orzamentos a debate de maneira prioritaria.

Por que o Concello non acadou a puntuación necesaria para acceder ao plan REACPON da DEP?

Entendo que por unha discrepancia na interpretación das bases. Alejandro minte cando afirma que se perdeu a subvención, o procedemento segue aberto. Eu pedín audiencia na Deputación para coñecer a puntuación en detalle e recorrer a resolución, pero chegou antes a investidura do novo alcalde. Celebramos que o goberno queira defender o proxecto que ideamos en vistas de facer un Porriño máis humano, máis verde pero ten que ser honesto e non deturpar a realidade. Tamén tiñamos preparado outro proxecto similar desde o Campo da Feira cara Atios, para o que estabamos a buscar financiación das distintas administracións

Despois da vosa saída do goberno que ambiente se respira entre a militancia nacionalista do Porriño?, se cadra o desánimo?

Non, nin moito menos, de feito foi todo o contrario. Temos novas altas de militancia e estanse a achegar persoas que queren sumar e colaborar co noso proxecto. O BNG asume con humildade a parte que lle corresponde en cada momento político: soubemos, entendo eu, estar á altura no goberno, e saberemos estar á altura na oposición.

Como vai ser esa oposición?

En positivo e propositiva, facendo propostas de mellora para O Porriño. Agardo que o PP non caia no erro do bloqueo sistemático ás que lle formulemos desde a oposición

Desde o cambio de alcalde ata o momento desta conversa só houbo un pleno e creo que xa levastes algunha proposta non?

Si, dúas. A compra do edificio de Vila Florida unha, e a outra referente á supresión do paso a nivel para que o soterramento da vía do tren sexa máis ambicioso do que o é na actual proposta. Foi unha mágoa que nin o PP nin o PSOE secundasen esta moción porque é unha oportunidade de transformar O Porriño. Entendo que nos debilita como pobo diante de ADIF

O Asunto de Villa Florida que resultado tivo?

Aceptouse por unanimidade. A compra deste conxunto arquitectónico e a súa parcela é unha oportunidade que o concello do Porriño non pode deixar pasar. Espero que o PP non actúe como no pasado favorecendo a demolición de vivendas históricas no Porriño ou sen mover un dedo para evitar a desaparición do Pazo de Ramiráns.

Sentícheste ofendido pola nota do novo goberno sobre a anulación do renting de 5 vehículos oficiais do Concello?

Non, para nada. Eu entendo que o PP faga as campañas mediáticas que considere, pero pídolles que as faga dicindo a verdade, non con medias verdades , con información parcial para que a xente interprete que todos somos iguais en política. Esa nota necesitaba unha aclaración, que foi a que tirou o BNG, e que basicamente viña a dicir que as concellarías do BNG non necesitan un coche oficial.

Tiñas posibilidade de telo usado?

Si claro, pero non é necesario. Sempre que tiven que desprazarme para calquera asunto do Concello utilicei o meu coche particular e nunca, pero nunca lle pasei nin un só kmt ás arcas municipais. Por outra parte quero dicir que o actual alcalde non pode dar leccións de austeridade no exercicio de cargo público

Como valoras o funcionamento da policía local?

O primeiro que hai que dicir é que o número de axentes é insuficiente. Como en calquera outro Servicio Público ás veces poderá actuar con dilixencia e outras non no cumprimento dos principios que garanten o seu bo funcionamento. Agora o problema fundamental da policía e a súa dirección política. Nós discutimos con frecuencia co partido socialista pois non compartimos a forma que tiñan de xestionar o Departamento da Policía Local.

Supoño que se che pido unha primeira valoración do novo goberno vasme dicir que é moi pronto?

Si, si que é moi pronto. Agora o goberno está na fase explosiva de grande cantidade de anuncios que en realidade teñen moito de posta en escena e pouco de contido. Quero dicir que a dereita no Porriño gobernou moitos anos e a nós non nos vai sorprender, xa sabemos como actúan; teñen unha cara publicitaria que non se corresponde coa súa forma de actuar real quen en ocasións roza as fronteiras do autoritarismo

O que parece é que a Xunta agora lle colleu moito cariño ao Porriño?

Ese é outro dos modus operandi característicos da dereita; o uso partidista da colaboración institucional. Estámolo vendo no momento presente tanto no asunto do Lindano como no referente ao centro de saúde. Resulta moi sorprendente que hai arredor de dous meses houbese unha reunión da comisión do Lindano na que participa a Xunta e non fixese ningún tipo de anuncio e xusto despois de que o PP asuma a alcaldía de Porriño anuncien o investimento de 3 millóns de € para descontaminar distintas zonas do noso concello

Se cadra é que non o sabían ata agora?

Xa, pero iso non é verosímil. Hai un estudo feito desde o 2.017 que está a dispor da Xunta e nestes cinco anos non fixeron nada, nada en absoluto ata que o PP chega á alcaldía.

Nestes anos o BNG fixo algo ao respecto da descontaminación?

As competencias en descontaminar terras contaminadas correspóndelle a Xunta de Galiza. O BNG presentou nos últimos dous anos emendas aos orzamentos da Xunta pedindo unha partida específica para a descontaminación do Contrasto. O PP votou en contra de que se destinaran cartos a descontaminar Torneiros. E agora que chegan ao goberno é o momento no que o fan¡¡¡ .En fin eu creo que para calquera lector ou lectora desta entrevista, que nin sexa do PP nin do BNG senón imparcial, queda claro que defender á veciñanza só se gobernan os teus é un despropósito.

Antes mencionaches o centro de saúde?

A Xunta nunca se moveu para que se fixera efectiva a urxente ampliación do noso centro de saúde, sempre se opuxeron. Agardaron ate este verán pasado para presentar o proxecto no Concello e démoslle a licenza en dous meses aproximadamente. A que esperaban para empezar coa obra?. Que coincidencia que na investidura do alcalde anuncie que esa ampliación vai ser unha das súas prioridades!!! Pero se era o propio PP o responsable da demora…

Rematamos Pedro. Que poden agardar as veciñas e veciños do Porriño do BNG de aquí ata o final do mandato?

Nós somos unha organización moi seria que sempre, no sitio que esteamos, traballará en positivo e sen descanso polo ben común. Eu só pediría que quen teña interese valore o noso traballo coa maior obxectividade posible e compare co que fixo o PP cando gobernou, de ser así, verá como no BNG só pode atopar un axente que traballa polo beneficio das maiorías sociais.