A finais do ano 2021 a veciñanza de Torneiros coñecía pola prensa as intencións da Zona Franca de chantarlles un centro de transportes de proporcións descomunais, fálase de ata 30 hectáreas, que implicaría a destrución de varias casas, que entendo se verían afectadas por un proceso de expropiación forzosa, a afectación de outras moitas que ficarían ás portas da nova instalación, e un grave prexuízo ambiental para espazos de elevado valor ecolóxico. A veciñanza afectada creou unha plataforma para defender os seus intereses e cun elevadísimo grao de consenso social comezaron a funcionar para evitar que se concretase un proxecto que eles entenden como un auténtico despropósito. Nós conversamos con tres representantes da plataforma: Fátima Rodríguez, Juan Eiras e e Christian Lorenzo
Plataforma en defensa de Torneiros
“ A nós non nos vale nin a indefinición nin a suspensión. Queremos a renuncia expresa da Zona Franca a situar o centro de transportes na nosa parroquia”
Os 3 sodes veciños de Torneiros?
Si, no caso de Christian de nacemento e no caso meu, di Fátima, e de Juan non nacemos aquí pero levamos moitos anos vivindo na parroquia pois as nosas parellas son de aquí.
Cando nace a plataforma?
En Xuño do 2022
Cal é o motivo que explica o seu nacemento?
Nace para defender os intereses da veciñanza de Torneiros unha vez que coñecemos o proxecto de montar o mega parque do centro loxístico de transportes na nosa parroquia.
Cando coñecedes a intención de chantarvos o centro de transportes en Torneiros?
Soubémolo porque saíu en prensa nos últimos meses do ano 2021.Naquel momento quedamos impresionados porque o que aparecía era un proxecto xigantesco que ocuparía 31 hectáreas integramente na nosa parroquia. De levarse a cabo tal cal o presentaron quedaría enriba dunha zona de elevado valor ecolóxico, o Regato das Laxes, moi cerca dos terreos incluídos na Rede Natura, levaría varias casas de veciños e quedaría ás portas de moitas outras. En definitiva un auténtico despropósito..
Que pasos destes unha vez fostes coñecedores da situación?
Ben, pois nun principio estabamos como desorientados, estabamos tan alucinados que non sabiamos como actuar. Pero rapidamente comezamos a falar entre os veciños e tomamos a decisión de organizarnos para defender os nosos intereses. Por outra parte dúas organizacións políticas do Concello: O Bng e Eu-Son viñeron á nosa parroquia a dar charlas e a informarnos do estado das cousas.
Vexo que tamén comezou o movemento político?
Si, as dúas forzas políticas que antes mencionamos tamén levaron a pleno mocións contra o proxecto. E o resultado foi o apoio unánime do pleno a rexeitar a construción do centro de transportes en Torneiros.
O proxecto de quen parte?
De Zona Franca
Os terreos onde que se quere facer de quen son propiedade?
Hai terreos comunais e terreos privados.
Entón, de concretarse, non quedaría outra que expropiar?
Non aparece explicitado pero hai varias casas que levarían por diante co que entendemos que sería así. A cerna do problema ven de lonxe. Está, ao noso xuízo, en que cando se deseña o PXOM do Porriño no ano 2033 aparecen unhas casas do barrio da Ribeira, en Torneiros, incluídas nunha zona industrial. Nese momento aos veciños afectados o que se lle di é que se trataba dun erro de redacción dos técnicos. Pero o caso é que o presunto erro nunca se modificou e daquelas augas veñen estes lodos. A solución está nun cambio do PXOM.
Unha vez que constituístes a plataforma pedistes unha xuntanza co alcalde verdade?
Si, o primeiro que fixemos foi un documento no que reflectiamos a finalidade da plataforma e os obxectivos que tiñamos e logo xa peidos esa reunión co alcalde.
Atendeuvos ben?
Si, de inmediato.
E que impresión quitastes da xuntanza con Alejandro?
Atendeunos moi ben, foi todo moi cordial, pareceu amosar sensibilidade aos nosos argumentos pero non vemos que dea pasos claros para defendelos con contundencia.
E co resto de grupos políticos?
Fixémoslle chegar o noso documento. Como antes mencionei tanto o BNG como EU-Son amósanse sensibles ás nosas demandas e teñen unha posición activa. O PSOE e Manuel Carrera unicamente acusaron o recibo da nosa comunicación.
Como está o ambiente na parroquia en relación con este asunto?
Para nós a cohesión social da veciñanza de Torneiros era prioritaria e foi algo que buscamos desde o principio e onde investimos o maior esforzo. O que pulsamos nas xuntanzas cos colectivos, nas rúas e camiños da nosa parroquia é un sentimento abafador de rexeitamento ao centro de transportes. Temos o apoio da Comunidade de Montes e da maioría das asociacións.
En que fase está o proxecto no momento presente?
Agora mesmo estamos como en terra de ninguén, como nunha especie de fase de indefinición. Pensamos que o motivo está na inminencia das eleccións municipais de maio. Despois veremos como evolucionan os acontecementos. As últimas declaracións que coñecemos de David Regades non falan da suspensión do proxecto senón que Zona Franca fixo o seu traballo de redacción do proxecto e que agora a pelota está no tellado da Xunta..Nós o que perseguimos é , nin a indefinición nin a suspensión, senón a renuncia explícita da Zona Franca a situar o centro de transportes na nosa parroquia.
E non vos reunistes con ningún representante da Xunta?
Si. Xuntámonos en Vigo cun director xeral que veu de Santiago e á xuntanza acompañounos o alcalde.
Que conclusións tirastes da Xuntanza?
O que nos dixo é que eles non tiñan coñecemento oficial do tema, que algo sabía claro, pois nalgunha xuntanza que tivera con Regades por outro asunto saíra o asunto e que incluso chegara a ensinarlle uns mapas, pero que oficialmente aínda non se fixera ningún tipo de trámite. Sobre o que lle ensinamos nós e os mapas que supostamente lle amosou Regades, nestes a superficie afectada era menor.
Rematamos: cales serían os principais argumentos que, na vosa opinión, amosarían que non se debe chantar o centro de transportes na parroquia de Torneiros?
- O tamaño desproporcionado en relación coa superficie que ten a nosa parroquia
- O impacto social que afectaría a veciños que perderían as súas vivendas de toda a vida e a moitos outros que terían unha construción xigantesca á porta das súas casas
- O impacto ambiental pois zonas de alto valor ecolóxico se verían directamente afectadas
- Empeoramento substancial das nosas condicións de vida
- É unha obra que non vai achegar, nada, pero nada en absoluto, positivo á veciñanza de Torneiros.