Tino Lago
Non coñezo persoalmente á alcaldesa de Mos. As veces que intentei entrevistala fun solicitalo ao concello e fun despachado pola persoa que me atendeu cun “ xa te chamaremos”. A devandita chamada nunca se produciu, ata o punto que hai anos que desistín pois era evidente que non tiñan a menor intención de conceder ningunha entrevista a este medio de comunicación. E como non a coñezo, non sei se ela ou calquera dos seus concelleiros e concelleiras terán lido algunha vez a magnífica novela do escritor checo Milan Kundera “ A insoportable levedade do ser”. Nesta novela Kundera constrúe o escenario dun conflito afectivo, que lle serve para reflexionar sobre a levedade e o peso como dous factores de controversia. E esta novela, exactamente a dicotomía entre a levedade e o peso, foi o que me veu á mente cando coñecín o abuso ao que o Concello somete a un grupo de veciños da parroquia de Louredo. Neste caso o combate entre a lene caricia da levedade, e a abafante presión do peso non se artella, como o fai Milan Kundera, sobre o amor, senón sobre algo bastante máis desagradable pero que todos e todas estamos na obriga de cumprir; a lei. Poñámonos en contexto:
Hai uns anos o concello redacta un proxecto para a construción dunha senda peonil no Louro e envíao á confederación hidrográfica dicindo que posúe os terreos e non é necesario realizar expropiacións. As persoas afectadas, que descoñecían as intencións do concello, opóñense a este proxecto e néganse a ceder os seus terreos. Ante esta negativa o concello inicia un proceso de expropiación por vía de urxente ocupación que é autorizado pola Xunta en base a un informe da secretaría do propio Concello. Os afectados inician a vía xudicial pois o proxecto desta senda incumpre o propio PXOM municipal que determina que non se pode obrar a unha distancia inferior a 20 mts dun leito hídrico. E os tribunais danlle a razón ao Concello, pois o PXOM municipal , do ano 2.017, non está adaptado á lei do solo do ano anterior o que , din os xuíces, non faría obrigatorio cumprir as maiores restricións que contempla. E unha vez contextualizado volvamos a Kundera e falemos de levedade fronte ao peso. Levedade da lei cando o concello incumpre a súa propia norma, non se pode construír a unha distancia inferior a 20 mts do leito dun río, fronte ao peso inexorable cando calquera particular de calquera concello fai algo na súa propia casa que non se axuste ás normas urbanísticas vixentes. En breve,en Louredo, uns veciños van ver expropiados os seus terreos , a un prezo de 4€ o metro cadrado, e unha zona de bosque de ribeira vai ser agredida para pór un camiño de formigón. Nós conversamos cun voceiro dos afectados
Oscar Carrera , veciño de Louredo.
“ Para facer o parque da auga o concello comprou os terreos a 10€ o metro cadrado. Para facer esta senda, que só é un capricho da alcaldesa, exprópiaos a 4€ o metro cadrado”
Cando constituístes o colectivo ao que ti representas?
Foi a raíz de que o concello de Mos, creo que foi no 2017, enviase á confederación hidrográfica un proxecto para a construción dunha nova senda a carón do Louro. Nun dos apartados do proxecto dicía que o concello puña ao dispor da confederación hidrográfica todos os terreos necesarios sen que fose necesario realizar expropiacións, algo que a nós nos indignou
Vós non tiñades coñecemento de que o concello quería facer esa obra?
En ningún momento. Soubémolo cando a confederación hidrográfica púxoo en exposición pública para que quen o estimase alegase o que lle interesase
E contrariamente ao que manifestou o concello de Mos, si que é necesario expropiar?
Si, claro que si. Nós cando coñecemos as súas intencións comezamos a mobilizarnos .A partir de aí o concello organiza unha xuntanza en Louredo no local da comunidade de veciños. Alí algúns dos veciños dixéronlle á alcaldesa que eles non tiñan intención de ceder os sus terreos, máxime cando esa obra o que vai facer é dividir as parcelas dos propietarios en dúas. O que fixo o concello é coller a liña de dominio público hidráulico, é dicir a parte na que non se pode obrar,e desde alí trazar a senda que ten entre dous metros e medio e tres metros de ancho.
Pero é un acondicionamento do terreo que xa hai?
Non, é un camiño con formigón
Que lonxitude ten esa senda?
Case 1 kmt
É necesario facer esa senda?
Non. Actualmente xa hai unha senda que é perfectamente transitable para calquera persoa que queira facelo. De feito na autorización que envía patrimonio di que os materiais que se utilizan non son os máis apropiados para este tipo de contornas. Son máis propios de zonas urbanas
Vós levastes o conflito aos tribunais e perdestes?
Si, nós presentamos dúas demandas no contencioso de Pontevedra. Entre outras moitas cousas alegabamos a afección que lles causa aos regadores, a responsabilidade que nos causa, aos regadores, de posibles accidentes. Por outra parte tamén se incumpre o plan xeral urbanístico de Mos, que é moi claro. Di que a 20 metros de marxe do leito do río non se pode realizar ningún tipo de obra
Entón por que os tribunais non vos deron a razón?
Porque o equipo de avogados do concello encontrou unha posibilidade legal no sentido que o plan xeral de Mos, do 2.017, ten unha norma máis restritiva cá lei do solo do 2.016 e polo tanto este plan debería seguir a norma da anterior lei do solo, do ano 2.002, que é máis laxa. Iso dino os dous xuíces nas dúas sentenzas. Entón pregúntome eu; a persoa que asinou ese proxecto é consciente de que estaba a incumprir o plan urbanístico?.É que o plan xeral pódese incumprir cando nos interesa?
A vía xudicial está esgotada?
Si
Xa se iniciou o proceso de expropiacións?
Penso que si. Cando van tomar posesión dos terreos non o sei.
Ti persoalmente estás afectado?
A min non me expropian pero polos meus terreos teñen que acceder para facer as obras. É dicir vanme esnaquizar as miñas terras e non vou percibir un €
O prezo da expropiación?
Quedou establecido en 4€ o metro cadrado. Fai poucos anos o concello fixo unha obra moi preto, o parque da auga. E para facela non expropiou os terreos senón que mercounos a un prezo de 10€ o metro cadrado. É dicir a uns veciños compráselle os terreos e a outros exprópiaselles para o lucimento e o capricho da alcaldesa¡¡
O impacto ambiental da obra sabemos como vai ser?
Nun dos tramos nos que o río baixa por un canón de arredor de 15 metros de altura van meter explosivos para colocar escaleiras de madeira. Logo as árbores , de bosque de ribeira, que haxa no trazado da obra van ser cortadas.