A estrada provincial EP 2702 ten algo máis de 8 kmts de lonxitude e conecta á parroquia de Amoedo, onde está o polígono industrial, coa N550 a través do alto dos Valos. Atravesa unha pequena parte de Amoedo e pasa por dous núcleos urbanos; Cepeda e Nespereira, o máis importante dos núcleos de poboación do Concello de Pazos de Borbén. A estrada soporta un volume moi importante de tráfico, incluso tráfico pesado, pois son numerosos os camións que por ela transitan para darlle servizo ás distintas empresas do polígono industrial. E a estrada non está preparada para soportar esa densidade de tráfico. É moi estreita, carece de beirarrúas e beiravías e os vehículos pasan moi preto das casas. Hai tramos curvos de escasa visibilidade e hainos tamén en que a circulación en dobre sentido resulta moi complicada. E o peón que camiña por ela teno que facer , literalmente, pola propia calzada. No ano 2.018 a DEP redactou e orzamentou un proxecto de mellora da devandita estrada. O concello só tería que facerse cargo de pór ao dispor os terreos lindeiros, necesarios para a execución da obra. Pero o Concello non fai nada. E como case sempre é a sociedade civil organizada a que demanda que se solucione unha estrada que require unha urxente solución. Despois do verán do pasado ano creouse unha plataforma que traballa porque así se faga. Nós falamos con Iván, un veciño de Nespereira que é un dos seus integrantes.
Iván Rodríguez integrante da plataforma pola mellora da estrada provincial 2702
“A estrada é tan perigosa que cando imos botar o lixo temos que pór o chaleco reflector”
Desde onde ata onde decorre esta estrada?
Nace en Amoedo e baixa por Cepeda e Nespereira ata o alto dos Valos onde remata na nacional 550.Ten arredor de 8 quilómetros de lonxitude.
Cando e por que creades a plataforma?
Créase en setembro do ano pasado porque no verán se fixo público un debate que se deu na DEP, sobre a mellora da estrada, a través do que soubemos que o concello non aposta pola mellora desta estrada. Entón, a partir de aí, tivemos a iniciativa de crear a plataforma tanto para dar a coñecer a nosa problemática como para tratar de solucionala
Cales son as principais eivas que ten esta estrada?
Alén de que está mal conservada ten unha dimensión moi pequena que a fai extremadamente perigosa. Non ten beirarrúas, non ten beiravías, a dificultade , nalgúns tramos, para a circulación en dobre sentido é extrema. Como sabes dá servizo ao polígono industrial de Amoedo co que soporta un volume elevado de tráfico pesado que pasa case ás beiras das casas. En definitiva a convivencia entre os peóns e os vehículos , tal como está deseñada a estrada e co volume de tráfico que absorbe, non é posible. É perigosa, é molesta e é moi ruidosa. Aínda que pareza incrible cada vez que imos botar o lixo temos que pór o chaleco reflector
É perigosa para os camiñantes?
Absolutamente, de feito os peóns circulan pola calzada. E non so para os viandantes senón tamén para os condutores. Así pois este inverno foron numerosas as saídas de vía.
Tedes constatado a existencia de accidentes?
Si, de feito na nosa páxina de facebook temos varios documentados
Cales son as vosas demandas en concreto?
No ano 2.018 a DEP redactou un proxecto de mellora para esta estrada, incluso orzamentouno en 3 millóns de €. Non é que sexa a solución perfecta, pero suporía unha mellora , que boa falta fai. E nós o que pedimos é que este proxecto se execute
Ben, se xa temos o proxecto redactado e orzamentado. Por que non se executa?
Aquí entra en escena o noso concello. Eles só terían un cometido ocuparse das cesións dos terreos lindeiros, necesarios para executar as obras. É dicir, terían que molestarse en coñecer quen son os propietarios e logo chegar a acordos con eles de cesión, compra ou expropiación. Só iso. A obra e o financiamento correrían por conta da DEP. Pero por desgraza o noso concello semella que non está moi pola labor
Vós trasladastes as vosas demandas ao concello?
Si claro. Inicialmente fixemos unha campaña de recollida de sinaturas .E nun pobo como o noso, que ten arredor de 3.000 habitantes , acadamos máis de 1.100 sinaturas e así llo comunicamos ao noso alcalde.
Como?
Nunha xuntanza con el
Foi fácil concretar a xuntanza?
Ben, houbo que traballala.
Como foi a xuntanza?
Pola súa banda amosou descoñecer a situación e asemade, ao meu xuízo, intentou enganarnos pois nos espetaba os casos doutros concellos nos que supostamente as cousas se facían como el dicía. Pero nós estabamos moi documentados e desbotámoslle todos os seus “argumentos”
Se en Pazos para arranxar esta estrada a DEP achegaría o 100% do gasto que alegou o alcalde para non comezar a negociar cos propietarios dos terreos?
Dicía que o concello non podía asumir ese gasto. Pero non deixa de ser curioso porque cando lle preguntabamos a que gasto se estaba a referir el non tiña nin idea. Hai xente que temos terreos a carón da estrada e que estariamos dispostos a cedelos de balde para que se comece a traballar. Pero claro para sabelo hai que molestarse en falar cos veciños. E o concello non fixo nada, absolutamente nada. É, máis díxonos que ían falar cos veciños do tramo que vai desde os valos ata o cruce do Valado, pero na nosa plataforma hai moita xente que ten terreos alí e que nos saibamos non falaron con ninguén.
Coñecedes a posición das distintas forzas políticas da oposición?
Si, claro. Alternativa está implicadísima coas nosas demandas tanto nos plenos como nas rúas. E C,S si nos apoiou nos plenos. Como sabes no noso concello o PSOE e O BNG non teñen representación. Dos primeiros non sabemos nada e do Bloque dicir que estiveron na primeira manifestación que fixemos.
Cantas manifestacións fixestes?
Dúas
E agora que?
Pois a nosa vontade e seguir mobilizándonos e facendo o necesario para que atendan esta demanda histórica. O seguinte paso vai ser que sexamos nós os que intentemos contactar e falar cos propietarios dos terreos do tramo que vai desde Os Valos ata o Valado. Se o que cobra por facer o traballo, o alcalde, non o fai pois alguén o terá que facer
Unha vez que teñades falado cos propietarios ao concello non lle quedaría outra que mollarse?
Pois si, alí se constataría se teñen algunha vontade de facer algo ou non. E que non nos diga que iso é inasumible. É ridículo, pois o custe das expropiacións iría a cargo do plan Concellos que se incrementou un 80%.Aínda que houbera que expropiar o 100% dos terreos , que non é o caso, sería perfectamente asumible