Marcos Santos
O balonmán é un dos sinais de identidade da parroquia de Chapela. O seu equipo con máis de 50 anos de historia xa é unha parte indisoluble da socioloxía de todas e todos os bereteiros. E para nós é un pracer achegarnos onda eles a coñecer como lles van as cousas e conversar con María, a filla do histórico Soto, a súa actual presidenta que é boa xestora, mellor persoa e grande amiga da nosa casa.
MARÍA GONZÁLEZ PRESIDENTA DO EQUIPO
“NÓS SOMOS UN EQUIPO HUMILDE, PERO DE SOÑOS INMENSOS”
Canto tempo levas na presidencia do club?
Desde o ano 2.019, cando faleceu o meu pai
Ao marxe dos vínculos afectivos supoño que substituír a unha figura tan relevante como a do teu pai, sen dúbida a máis importante da historia do voso equipo, non debe de ser nada fácil?
Abofé que é así. Pero ben, coa axuda dos meus compañeiros e compañeiras tratamos de manter o listón no nivel que o deixou o meu pai.
O equipo xa pasa do medio século de historia. Cóntanos como comezou todo?
Foi en 1967. O club foi fundado por varias persoas, entre elas o crego, e inicialmente xogaban os seus partidos nun campo de terra a carón da igrexa. E fíxate o que inicialmente parecía un sono de catro románticos, finalmente acabou sendo unha das principais referencias deportivas da nosa parroquia.
Outro aspecto relevante na vosa historia dáse a finais da década dos 70 do pasado século que é cando se forma o primeiro equipo feminino?
É que as mulleres de Chapela somos innovadoras, reivindicativas e guerreiras. Creo que fomos dos primeiros que apostamos en serio polo deporte feminino.
E no ano 1.996 prodúcese un acontecemento histórico e o equipo dunha parroquia dunha vila galega ascende á ASOBAL, a máxima categoría do balonmán español?
Aquelo foi unha apoteose. E unha mostra de que o tamaño dun equipo non ten porque estar relacionado co tamaño dos seus soños. Nós somos un equipo humilde, dun sitio pequeno, pero temos soños xigantescos porque a nosa afección polo balonmán é inmensa, como o máis inmenso dos océanos.
Agora mesmo estades xogando con público ou sen público?
Nós, no concello de Redondela xogamos con público. En Vigo xógase sen público. Depende do Concello
En Redondela existen dous equipos de balonmán cunha enorme tradición: vós e a SAR, que tal son as relacións con eles?
Ben, houbo tempos peores. Agora temos moi boa relación. Unha cousa é a rivalidade deportiva , que sempre vai existir, pero as relacións e a cooperación entre as dúas entidades agora mesmo son excelentes.
Na actualidade cantos equipos tendes?
13. Temos en todas as categorías menos en cadete feminina. De feito este ano tivemos unha importante suba de nenos e nenas que se achegaron a xogar con nós. Arredor de 40 diría eu
Caramba que ben. Pódese dicir entón que en Chapela a afección ao balonmán é máis importante que ao fútbol?
Uff. Non me atrevo a dicir tanto. En Chapela hai moita oferta deportiva. O que si a intensidade da afección polo balonmán, incluso coas limitacións propias da pandemia, parece que repunta. Algo que obviamente alégranos moito
Cantos xogadores e xogadoras tendes?
165.Arredor de 40 son seniors e os restantes 125 son nenas e nenos.
Caramba non debe de ser fácil manexar a tal cantidade de xente?
Hai que traballar moito desde logo. As mozas do equipo maior , a verdade que nos axudan moito cos pequenos
A valoración deportiva das e dos maiores?
Ben, as mulleres xogaron a final a catro da súa división, algo moi meritorio, aínda que por desgraza non puidemos acadar o obxectivo do ascenso. E os homes quedaron no 3º posto. Tamén fixeron unha moi boa temporada.
Soes acompañar ao equipo ás viaxes fóra da casa?
Excepcionalmente, porque mentres calquera dos equipos de maiores vai xogar fóra, no noso pavillón pode haber catro ou cinco partidos dos nenos e das nenas. E todo iso haino que atender. A loxística sempre dá moito traballo, pero este ano con todos os protocolos sanitarios que tivemos que atender foi durísimo.
Que expectativas temos para o 2.021?
A nós encantaríanos que o noso equipo masculino autonómico ascendera a primeira. A nosa idea é traballar coa canteira o máximo posible para podermos facer na medida que se poida un equipo de canteira. E no que respecta ás mozas a nosa pelexa é que ascendan a división de honra, que xa estiveron. Se pode ser este ano xenial senón xa será cando teña que ser
Si, porque xa levades unhas poucas fases de ascenso non?
15.Xa temos tanta experiencia que unhas poucas máis non nos importa
Ha ha ha ha .Que tal se porta o Concello con vós?
Ben, non temos ningún problema. Sempre che gustaría que che deran un pouco máis pero somos conscientes de que en Redondela hai moita entidade deportiva. Pero como che dixen antes este foi un ano moi duro en todos os terreos, tamén no económico. A modo de exemplo só en test gastamos máis de 3.000€
Nada máis María. De novo un pracer falar contigo
Moitas grazas a vós Marcos, se me permites aproveito a oportunidade para agradecer a xenerosidade dos nosos patrocinadores máis importantes :Rodosa no equipo de homes e Cies obra civil no equipo de mulleres e mandar unha aperta inmensa a toda a nosa afección
Por suposto que cho permito. Hai que ser agradecido con quen axuda e para min é un pracer reflectilo.