
A situación da lingua de Galiza, o Galego, está a vivir tempos escuros.
Logo de resistir décadas de marxinación, persecución e desperezo ó longo da dictadura franquista o Galego enfróntase a una nova crise linguística.
Ao meu entender unha língua é a maior bandeira que calquera nación pode ter, e, como tal, cada individuo e sobre todo os gobernos teñen a obriga de fomentar, facilitar o seu emprego a todos os niveis.
Non podemos caer no erro de converter a nosa lingua nun xarrón no museo das linguas esquecidas onde van os turistas e nostálxicos da cultura galega a botar o día ca familia, Sábados e Domingos pechamos por descanso semanal.
Á miña xeración levounos máis de trece anos decatármonos de que co Galego podiamos facer calquera cousa, mesmo sentir bolboretas no bandullo cando che gustaba unha cativa da aula veciña no instituto, ou tamén, chegar á casa eivando logo de escordar un nocello por andar enredando entre as leiras, vivindo sen medo a perder os dentes contra o chan.
Aínda lembro coma se fora onte cando o mestre de matemáticas de primeiro de B.U.P entrou pola porta falando galego, coido que se chamaba Carlos. De primeiras pareceunos unha tolemía e comezámoslle a berrar porque os nosos ouvidos adolescentes de cativos e cativas da vila non estaban afeitos a tal cousa. Supoño que lle dixemos que nada entendiamos das matemáticas, e menos ainda das matemáticas en Galego.
Logo das nosas infecundas protestas decatámonos de que o mestre non ía cambiar de língua, a súa, a nosa, porque catro pailáns acomodados. E ben fixo, porque dalguns xeitos abriunos unha fiestra nas nosas cabezas.
Para os cativos da vila coma min o Galego era cousa da aldea, lonxana, allea. Co tempo, non acerto a entender porque mantiñamos esa relación de distancia, ou mesmo desprezo, cando os nosos avós falaban cos seus fillos na mesma língua que viñan falando os nenos e nenas da aldea, ese lugar do que nós tamén formabamos parte. Así é e así era. Por moitas beirarrúas ou pasos de peóns que tivéramos, nós tamén vivíamos nunha vila que era unha aldea.
Na ensinanza básica poucos eran os mestres que nos falaban en Galego e se boto contas podo metelos nunha man.
Nós eramos os herdeiros dos prexuizos. Nós queriamos fuxir coma se nada tivésemos que ver con Galiza.
Afortunadamente, polo menos para min, fun deixando no camiño todas esas pedras e saltando valados para emperrurar dalgún xeito pola língua do meu país, pola cultura do meu país, polo futuro do meu país.
Non son bos os datos sobre o emprego e coñecemento do Galego na nosa terra. Mesmo teñen que vir de fora para lle dar un tirón de orellas ó goberno estatal e autonómico polas escasas ferramentas empregadas para loitar contra o esmorecemento da nosa língua.
As veces penso que unha lingua é coma unha parella, coma unha árbore que temos que coidar e protexer decotío e celebrala canda un dos días que abrimos os ollos na escuridade da nosa habitación.
Doutro xeito, chegará o día que os nosos netos nos leven de excursión, coma turistas nostálxicos ó Museo das Linguas Mortas (M.L.M) en Nova Yorke. Sábados e Domingos pechado por descanso semanal.