O Serán dos Namorados desta parroquia de Mondariz celebrou a súa edición número 25, atrasada dous anos por mor da pandemia, con éxito de público e apoio institucional. Con todo, o risco de ruptura xeracional é considerable e supón unha espada de Damocles sobre “o serán máis grande do mundo”.
O 11 de febreiro, sábado previo ao Día dos Namorados, a parroquia de Toutón, en Mondariz, volveu converterse en epicentro da música tradicional galega co popular Serán dos Namorados. Co solpor, o enorme cuberto instalado no torreiro da Igrexa comezou a encherse de persoas de todas as idades. A partir das oito, a música, o baile e a troula foron gañando protagonismo. Os grupos de música tradicional, afeccionados na súa maioría e chegados de diferentes partes de Galicia, tocaron por quendas no escenario, animando cada vez máis a un público interxeracional e participativo. Contan que mesmo apareceu polo serán o gaiteiro Carlos Núñez, entre outros músicos, mais soamente para desfrutar do evento e ser testemuña do serán máis grande do mundo, como é popularmente coñecido. Na súa edición número 25, programada para febreiro de 2021 pero atrasada dous anos por mor da pandemia, o Serán de Toutón volveu namorar a través dunha viaxe ás raíces da aldea.
Lucinda Barcia e a súa filla Montse Alvariño, que durante os últimos anos asumiu con orgullo e responsabilidade a organización deste evento, foron e seguen sendo gardas da memoria popular do rural galego nesta extensa, agreste e relativamente despoboada parroquia de Mondariz, que non chega aos 300 habitantes. Como parte das Pandeireteiras de Toutón, grupo de mulleres constituído como Asociación Santa Bárbara de Toutón, Lucinda acumula décadas de recuperación cultural na parroquia, a través da recompilación de historias, lendas e tradicións populares que soamente perduran na memoria das persoas de máis idade. O Serán dos Namorados é unha desas tradicións populares que se perdera durante os anos de posguerra, ditadura e emigración. “A miña nai aínda lembra os seráns de cando era moza. Segundo dicían os máis vellos, a Garda Civil comezou a controlar demasiado e, como a xente non quería problemas, desistiron e abandonaron a tradición”, conta Montse. Os últimos seráns daquela época celebráronse na década de 1960.
Entre os meses de novembro e marzo, cando os días son curtos e o traballo que se realizaba no campo afrouxaba, a mocidade das aldeas xuntábase para organizar un baile onde cantar, tocar e, sobre todo, namorar. Eses bailes do rural recibían nomes diversos, dependendo da zona: ruada, foliada, fiadeiro, polavila, trisca,… E naquelas parroquias do Condado e da Paradanta, Baixo Miño e algún concello lindeiro máis, os bailes invernais ao son da pandeireta eran coñecidos como seráns.
A experiencia das Pandeireteiras de Toutón ten inspirado a recuperación de seráns noutras parroquias, no mesmo Concello de Mondariz e na contorna, pero ningunha foi quen de manter o evento durante tantos anos seguidos. Para Xosé Emilio Barros, alcalde Mondariz, “o feito de que en Toutón houbese un grupo de pandeireteiras moi activas fixo posible o nexo interxeracional nun momento dado”. Refírese, sobre todo, ás xeracións que representan Lucinda e Montse, nai e filla, e aos anos noventa do século pasado.
O Serán dos Namorados, segundo lembran na casa destas veciñas de Toutón, xurdiu no ano 1996 de xeito totalmente improvisado. Xa desde finais dos anos oitenta, a parroquia recibía regularmente a visita de persoas que facían recollidas de música tradicional, como Mercedes Peón, Xalgarete, Rumbadeira, O Fiadeiro, Xisco Feijoo ou Montse Rivera e Felisa Segade das Leilía. “Empezaron a xuntarse porque viñan a recoller (patrimonio etnomusical); no inverno, como facía frío, dicían de ir tocar á escola, e así un día fíxose unha festa improvisada. Decidimos organizar un serán, e o primeiro ano incluso fixemos o cuberto con paus”, conta Montse sobre os inicios. Sen agardalo, comezou a chegar xente de lonxe a Toutón e o serán converteuse en referente da música tradicional de raíz.
A experiencia das Pandeireteiras de Toutón non podería faltar na serie documental do Consello da Cultura Galega que realizaron Renée De Palma, Carmen López e Xulia Feixoo sobre o valor da literatura oral e a función sociocultural das tocadoras. Os vídeos de “Axudádeme a cantar. Seis historias arredor da tradición oral en Galicia” foron proxectados na parroquia o mesmo día do serán, como simbólico agasallo institucional polo 25 aniversario.
Con todo, a escasa implicación da mocidade da aldea supón un problema para que este evento poida mirar cara ao futuro con ilusión. “Despois de ver a gran acollida que tivo o serán deste ano, gustaríame ver outras cantas edicións. A Panorama dos seráns está aquí”, comenta Montse, orgullosa e, ao mesmo tempo, resignada coa falta de apoio local.
“Toutón simboliza a esencia da música tradicional galega transmitida de xeración en xeración, pero o risco de ruptura está aí. A propia parroquia debería facer exame de consciencia e valorar a riqueza patrimonial que atesoura”, sinala Barros, que dentro do GDR das comarcas de Condado-Paradanta e Salceda de Caselas avoga por que estes elementos diferenciadores relacionados co patrimonio cultural inmaterial teñan consideración na estratexia de desenvolvemento turístico.