Pola mellora das condicións de vida en Forcarei

Roberto Jorge Correa, concelleiro do BNG no Concello de Forcarei
Roberto Jorge Correa voceiro do BNG en Forcarei

Hoxe podemos aplicar á situación global o que decía Zygmunt Bauman de que son “tempos líquidos”. Vivimos nunha gran incerteza que causa temor ante o futuro. A guerra ás portas de Europa, a situación económica que leva anos burbulleando e que co actual contexto de post pandemia e guerra se está a volver insostible xeran unha volatilidade que nos arrastra a un estado de ansiedade económica perigosa.

Todas as decisións son apuradas, todas son forzadas por un mundo impredecible e cambiante que esixe medidas urxentes e ese non é un bo camiño, especialmente para os concellos rurais e máis desfavorecidos, como pode ser Forcarei.

Nunca as decisións apuradas e sen previsión foron boas e neste caso demóstrase unha vez máis. O aumento de gasto militar conleva a redución de gasto social e civil inevitablemente e aí é onde os concellos máis desfavorecidos saímos máis prexudicados.

Practicamente todo o interior de Pontevedra e sobre todo a comarca da Terra de Montes estamos vendo como o despoboamento aumenta e como a fenda salarial, onde as pensións non contributivas e as agrarias que son as máis baixas do estado, están a provocar que cada vez estes territorios teñamos menos competitividade, ao tempo que a perda de servizos básicos e o envellecemento da poboación fai menos competitivos aos concellos.

Pero ante tempos líquidos o que nos quedan son principios sólidos.

Desta situación temos que facer unha oportunidade para que concellos como Forcarei medren. Países coma Francia, nada sospeitoso de intervencionista, está a falar de soberanía alimentaria e todo Europa se da conta hoxe en día de que descoidamos a nosa despensa para vender sobre todo vehículos.

É unha situación que hai que reverter e que ten que xerar oportunidades en Forcarei. O sector primario, cunha altísima demanda de alimentos ou madeira debe ser apontalado aínda máis ca nunca, estado e Xunta de Galicia deben garantir uns prezos dignos e competitividade ao noso sector agroforestal, somos potencia.

Fan falla principios neste tempo e eses principios pasan por crer en nós, crer en nós co noso saber tradicional e desterrando falsas ideas de crecemento en base ás cidades que levan anos inculcándonos.

Pero non vale só con ideas, as ideas ten que ir acompañadas de inversións, de apostas decididas polo rural.

Unha vez conseguido o sustento en base a un prezo digno para os produtos agroforestais o rural necesita solo empresarial, necesita telecomunicacións en igualdade coas cidades e necesitamos servizos.

En Forcarei da man de estado e Xunta de Galicia, que tanto tén coma tanto me da, vimos de perder nos últimos anos médico, horas de pediatría e peches de oficinas bancarias, sen unha soa inversión en servizos.

É un erro estratéxico por parte das administracións. Cando cremos en nós, cando respectamos os nosos principios, cando ofertamos en igualdade as distintas opcións, Forcarei e todo o interior ten tantas ou máis oportunidades coma calquera outro territorio.

Sirva coma exemplo os pisos da Sareb existentes no noso concello. Tras unha xuntanza a principios de mandato con representantes desta entidade conseguimos que estes accederan a facer unha promoción e posta á venta dun edificio rematado. En poucos meses vendeuse completo e estase a rematar o edificio contiguo para a posta á venta. Un montón de tempo perdido e de familias emigradas a outras aldeas por non dispor as administracións desa vivenda.

Dende o BNG de Forcarei apostamos fortemente polos principios nestes tempos de incertezas para potenciar o noso. É o momento de que todos aqueles que desexen cambiar o seu mundo máis inmediato se unan á nosa idea e xuntos sigamos loitando por aumentar a vivenda dispoñible en Forcarei, as oportunidades de emprego ou negocio e as melloras sociais e de servizos.