IX edición do Berete Rock de Chapela

Berete Rock Arealonga
Mar

Despois de 8 anos ininterrompidos, e dous de obrigada parada pandémica, o próximo 6 de agosto volve o Berete Rock a encher de boa música a praia de Arealonga. A Nova Peneira conversou con dos dos seus organizadores:

Cusi e Xocas

Estamos moi ilusionados con que esta IX edición do Berete sexa todo un éxito”

Despois de dous anos nos que as circunstancias pandémicas obrigáronvos a parar, como afrontades a volta?

Cunhas gañas enormes. De feito tiñamos dúbidas de se retomar o festival ou non pero foi a propia veciñanza a que nos demandou que deramos un paso adiante para retomalo

Cantas persoas estades na organización do festival?

Agora mesmo somos 13

Como comezou a vosa historia?

Nacemos a raíz dun concerto que un dos organizadores fixo, coa banda que tiña daquela, no Baixo Miño. Após o concerto mentres tomabamos unhas cervexas comezamos un pouco de brincadeira a falar do tema e finalmente , un mes despois, a primeira edición do Berete xa era unha marabillosa realidade

Acordádevos que tal foi a asistencia?

Para ser a primeira vez estivo moi ben, varios centos de persoas nos acompañaron naquela aventura

E desde aquela foron oito seguidas?

Pois si, e cando non quedou máis remedio que parar xa tiñamos moi avanzada a organización da novena

As camisetas do festival son solidarias verdade?

Si, 1€ de cada camiseta que se venda vai a cáritas Redondela. A venda de camisetas alén de axudar, a través de cáritas Redondela, a quen máis o necesite tamén nos sirve para financiarnos a nos pois malia a achega económica do concello organizar un festival como este é moi caro

Que tipo de grupos buscades?

Fundamentalmente grupos locais, tamén algún de fóra pero ten que ter moita cualidade para poder darlle caché ao festival. Temos traído grupos do país vasco e de Madrid

A fonte principal do voso financiamento cal é?

As máis importantes son as achegas do comercio local, aproveitamos as vosas páxinas para agradecerlles a súa xenerosidade, a venda de camisolas e o que se venda na barra. Iso non dá para pagar cachés moi elevados

O público ten que pagar entrada?

Non. É totalmente de balde. O noso fin non é gañar cartos senón ofrecer un espectáculo de cualidade que poida facer felices tanto aos artistas como aos espectadores. Cóntoche a este respecto unha anécdota para que che fagas unha idea: houbo un ano no que non nos acompañou o tempo, fixo moi mal tempo, e tivemos que pór unha carpa .O seu custe fixo que os propios membros da organización tiveramos que abonar as nosas copas na barra , senón non daban os números

Cono son as relacións co Concello?

Son boas tanto con esta administración como coa anterior sempre nos trataron ben. Eu creo que a calquera administración municipal de Redondela, sexa da cor que sexa, interésalle tratar ben a Chapela pois somos un dos núcleos máis importantes do noso Concello. Agardo que sexan conscientes diso e que cando fagamos a X edición contribúan a darnos o impulso que Chapela merece. Afortunadamente cada ano a dimensión que imos collendo é cada vez máis importante , sen dúbida xa son máis de mil persoas nas que nas últimas edicións gozaban coa música do Berete e entendemos que merecemos o apoio do noso Concello en xusta relación coa importancia do festival

O festival desenvólvese en Arealonga verdade?

Si, xusto onde está a piscina. Todos os grupos quedan encantados co sitio pois alén de ser moi bonito ten unhas condicións estupendas para o son

Que día o facemos este ano?

O 6 de agosto

Temos pechado o cartel?

Si, veñen grupos moi destacados como por exemplo:” Motores”, “Nostromo” ou “ El Tren”

E as perspectivas?

Estamos moi ilusionados en obter un éxito superlativo. Como che dixemos ao principio foi a propia veciñanza a que nos demandou que retomaramos o Berete e desde aquí animamos a todos os lectores e lectoras a que se acheguen pois nunha contorna privilexiada vano pasar xenial escoitando boa música completamente de balde.