Anxo Lusquiños presidente da ANPA do IES Mendiño de Redondela

Anxo Lusquiños Concello Redondela
Marcos Santos

En Redondela existe unha histórica demanda social sobre a necesidade de que se lle conceda á Vila o Bacharelato de artes, pois non se imparte en ningún dos seus catro institutos e os alumnos e alumnas que o desexen cursar non teñen máis remedio que desprazarse a outras localidades .Un dos colectivos que pelexa con intensidade por corrixir esa situación inxusta é a ANPA do IES Mendiño. Nós falamos con Anxo, o seu presidente

Que en Mos haxa bacharelato de artes e en Redondela non, parece indicar que a alcaldesa de Mos ten máis capacidade para influír na Xunta da que deben de ter os deputados Javier Bas e Alberto Pazos”

De onde es ti Anxo?

Eu son da parroquia do Viso

Canto tempo levas como presidente da Anpa?

Cando a miña filla entrou no instituto, no ano 2.018 non había Anpa pois por distintas circunstancias a anterior desfixérase. A mediados do curso houbo unha problemática importante co transporte xa que quixeron impedir aos rapaces e rapazas de bacharelato o uso dos autobuses

O alumnado do IES Mendiño é maioritariamente de onde?

Maioritaramente das parroquias de Redondela. Agás Chapela, Reboreda e Ventosela todas as demais parroquias van ao Mendiño. O IES consta de arredor de 420 alumn@s. Pois ben a raíz daquela problemática en concreto decidimos formar a Anpa. Eu entrei como presidente e de momento sigo.

Ese conflito está resolto?

Si, despois de moitas protestas conseguimos que a Consellería volvese admitir ao alumnado de bacharelato no transporte público.

Costou moito resolvelo?

Si, a verdade é que si.

Naquel momento, no ano 2018, O PP gobernaba o concello de Redondela, que posición tomou o goberno municipal ao respecto deste conflito do transporte?

Non tivemos ningún apoio do goberno de Javier Bas

Pero falastes con eles?

Si claro. Pedímoslles que nos conseguiran unha entrevista coa inspección en Pontevedra e non fixeron ningunha xestión. Tivemos que ser nós, as propias familias, as que fomos a Pontevedra a procurar a entrevista.

Como foi esa xuntanza en inspección?

Bastante tensa, non nos querían deixar entrar. Incluso ameazaron con mandarnos á seguridade, pero finalmente ante a nosa insistencia atendéronos.

Antes de entrar no tema principal quero preguntarche se hai algún outro problema salientable co que a Anpa que presides tivera que lidar nestes anos?

Si, e xa foi con este goberno. En concreto durante o confinamento nós detectamos que bastantes alumnos non dispuñan de impresoras nas súas casas, o que lles impedía desenvolver os traballos que lles demandaban os seus profesores e profesoras. Nós pedímoslle a concelleira de ensino que imprimise eses traballos e non o fixo, o que foi moi unha decepción para nós. Tivemos que imprimir eses traballos nós, membros da anpa, cos nosos propios medios.

Ben, despois desta introdución “histórica” sobre o voso traballo, imos entrar na cerna da entrevista; que pasa co bacharelato de artes?

En Redondela hai unha demanda histórica para que se imparta ese bacharelato que non existe en ningún dos catro institutos da nosa localidade. Somos o 4º Concello da provincia e considero que esa deficiencia é unha clara discriminación cara a veciñanza de Redondela

Como fan os rapaces e rapazas de Redondela que o quere cursar?

Teñen que desprazarse a Vigo, ou a Pontevedra ou ben a Mos

A Mos¡¡, pero se Mos ten arredor da metade de habitantes que Redondela¡¡.Quero dicir, paréceme xenial que o haxa en Mos, pero moi estraño que alí si e en Redondela non..

Xa, a min tamén. Será que a súa alcaldesa ten máis capacidade para influír na Xunta da que a teñen o deputado Javier Bas ou o deputado Alberto Pazos.

Supoño que para algúns alumnos e alumnas non debe de ser nada fácil?

E tanto que é difícil. Hai algúns que teñen que erguerse ás 6 da mañá pois precisan coller ata tres autobuses diferentes para chegar ao seu instituto

Por que canles tedes transmitido esta demanda?

Hai un acordo unánime do consello escolar municipal formado por representantes de todos os grupos políticos e de todo o que é o mundo educativo de Redondela. Fixemos mobilizacións e púxose en contacto con nós o deputado do BNG Manu Lourenzo

El foi profesor no IES Mendinho non?

Si, e coñece de primeira man esta demanda cuxa resolución positiva que sería beneficiosa para toda a comarca. Este deputado levou o tema ao parlamento en concreto o 7 de maio. Pero por desgraza na comisión que se tratou non saíu

O PP votou en contra?

Si

Vaia. Non sería Alberto Pazos quen defendeu o voto en contra?

Non, foi unha deputada de Mos. Ela , que no seu concello si ten ese bacharelato, chegou a dicir que en Redondela non existía demanda, algo indefendible

Honestamente; Existe demanda suficiente para que a Redondela lle dean ese bacharelato?

Si, radicalmente si. No curso 2.019/20 houbo arredor de 30 alumnos e alumnas de Redondela facendo ese bacharelato fóra do noso concello. E isto é como todo ; ao non telo ofertado algúns rapaces e rapazas que o queren cursar non o fan, prefiren matricularse noutro que desprazarse de concello.

Que fixestes despois de que a comisión parlamentar non aceptase conceder a Redondela o bacharelato de artes?

Decidimos presentar unha moción que foi avalada por todas as anpas de Redondela, as 14 que hai sen ningunha excepción. A moción foi defendida por unha moza que, se non cambia nada, vai ter que ir fóra de Redondela a facer ese bacharelato

Que votou o PP de Redondela no pleno?

Votou a favor ao igual que todos os demais. Incluso no seu discurso manifestou compartir a necesidade de que a Redondela se lle concedese o bacharelato de artes. Despois desa moción o deputado que antes che comentei volveu a pórse en contacto con nós para presentar de novo a proposta. Nós non entenderiamos que o PP vote unha cousa en Redondela e a que puidera votar a contraria en Santiago. Sería inexplicable. E estamos moi confiados en obter unha resposta positiva.