
“ A CREACIÓN É LIBERADORA PARA MIN. AXUDOUME A SUPERAR AS ÉPOCAS DE MAIOR ESCURIDADE PERSOAL”
Sheila Patricia é unha moza de Redondela que recén superadas as tres décadas de vida asómase ao éxito artístico no mundo da canción. Ela é filla do cantante arxentino Héctor Findell, e da poeta de Cesantes Xulia María. Tanto a súa nai como o seu pai tiveron unha substancial influencia na construción do seu universo artístico que se basea nunha combinación harmónica do seu eu íntimo, dunha extraordinaria profundidade, coa musicalidade rítmica que se cadra agromou da súa paixón pola danza. Sheila estudou a carreira de filosofía, comparte xa que logo comigo o amor á sabedoría que implica os estudos que ela decidiu cursar. Agardo que a nosa próxima charla verse sobre o empirismo, o racionalismo, a ética de Kant as dúbidas de Descartes…..e seguro que será tan apaixoante e enriquecedora para min , como o foi esta. Velaí vai o que deu de si.
Cales son as túas orixes Sheila?
Eu son de Redondela, pero teño unha relación moi importante con Arxentina polo meu pai, nacido en Arxentina pero fillo de emigrantes
Esa conexión con Arxentina, influíche musicalmente?
Si moito. Á hora de construír eu bebo das dúas fontes.
Tanto a túa nai, como o teu pai, ela poeta e el cantante, influiríante na túa traxectoria?
Absolutamente. Ata o punto de que non sei se sen eles podería ter sido o que está sendo.
Eu, coma ti, son de Redondela e valoro moitísimo o tecido cultural e artístico da nosa vila. E ti?
Eu tamén claro. As iniciativas independentes son imprescindibles para axudar a construír pobo.
Creo que non se che pode preguntar cando comezaches no mundo da música, porque teño entendido que a música e ti case sodes inseparables desde o teu nacemento?
Ha ha ha. Home eu non diría tanto, pero si é certo que desde era unha nena moi pequena gustábame moito cantar. E xa daquela tiña o costume de gravarme nunha casete.
Ti estudaches filosofía non?
Si, para min a filosofía foi unha paixón e, cambioume a vida, penso que sen ela non me tería dedicado á música.
Tamén tes moita relación co mundo da danza?
En efecto así é. E o baile levoume a aprender moito da música pois no que se refire aos ritmos teñan aspectos comúns. Eu trato de ser coitada co corpo porque me interesa moito centrarme no que conto coa voz, pero recoñezo que a parte expresiva do movemento me interesa moito.
Que parte do proceso creativo é a que máis che gusta?
Eu creo que a composición e a interpretación a partes iguais. A composición é liberadora, tenme axudado a salvar épocas de escuridade persoal.
Que significa para ti o tema “el niño y el canario”?
Ben, esa é unha das primeiras cancións que eu comparto co meu pai e o sentimento que me inspira é unha profunda tenrura.
Cando e por que chega “ el camino de los sueños”?
Chega nunha etapa na que eu estaba un tanto apartada da música.
Por que?
Se cadra porque estaba un tanto decepcionada porque non era capaz de atopar espazos, seguramente por incapacidade miña, para a música intimista. Pasei como catro ou cinco anos sen cantar ata que unha experiencia persoal en Pontevedra deume azos e folgos para retomar.
E que fixeches?
Comecei a compoñer. Unha das primeiras cancións foi esa pola que me preguntas. Presenteime a un certame en Santiago , así un pouco a modo de andar por casa pois gravei con moita dificultade. Cando me chaman e me din que son finalista alucinei. E ese mesmo día compuxen “ el camino de los sueños”.Esta canción trata de apelar a que non teñamos medo a facer as cousas nas que creamos.
A influencia de Rafael Amor é importante para ti?
Enormemente importante. El é o meu mestre. De feito a vez que máis complicado foi cantar para min foi cando el veu a un concerto meu.
En Serio?
E tan en serio. Foi como se para cun crego católico viñera o Papa a verlle dar misa. É o artista que máis admiro de todos, asemade tíñalle afecto persoal.
O disco enteiro de “el camino de los sueños” gravástelo en Madrid, non?
Si, marchei nun momento que precisaba certa desconexión. Alí coñecín a grandes músicos como Gabriel, Raúl ou Franco.
Creo que no ano 2.018 batiches o récord mundial de concertos non?, faláronme de 200 nun ano?
Ha ha ha ha. Non sei se foron tantos pero a verdade ese ano foi impresionante o número de concertos que cheguei a dar, si.
O teu tema Mariscadoras, ten que ver con Cesantes?
Home, e tanto que si. É unha homenaxe ás mariscadoras de Redondela.
O día de Rosalía fixeches un tema que a min pareceume impresionante “ Camiño Branco”
Moitas grazas Marcos. Ese tema para min era entender a cerna de Rosalía. A propia letra do tema fixo que fora moi fácil musicalo para min. Quixera destacar a enorme colaboración de Aitor Ramos na creación deste tema. Este é un rapaz co que traballo cóbado a cóbado e ten un talento extraordinario.
Camiño Branco foi premeditado para o día de Rosalía ou casual?
Ha ha ha ha. Foi premeditado non, foi premeditadísimo.
Para abril tes previsto un novo traballo verdade?
Si. Teño pensado quitar un sinxelo. É algo máis experimental con sons máis modernos pero desde a perspectiva da música tradicional. Vai ser unha homenaxe á muller labrega galega.