A central sindical nacionalista leva anos denunciando o deterioro sistemático ao que goberno do PP somete ao que debera ser un dos pilares de calquera sociedade civilizada e decente : a existencia dun sistema público galego de servizos de atención ás persoas. O desleixo e falta de sensibilidade que amosa o liberalismo económico cara a todo que non poida ser unha fonte de ingreso de cartos para os grandes grupos empresariais, que non teñen escrúpulos en facer da atención ás persoas unha área de mercado máis, fan que nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade sexan manifestas as carencias de persoal e material, alén de que a precariedade laboral sexa, en moitos casos, unha ingrata compañía para traballadoras e traballadores. Desde a CIG están á procura de sinaturas para tramitar unha ILP que permita debater no parlamento galego a creación dun sistema público galego de servizos de atención ás persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:
- Centros asistenciais e residencias da terceira idade
- Centros de día
- Centros de atención á diversidade
- Servizos de Axuda no Fogar
E como non podía ser doutra maneira, o Colectivo de Pensionistas da CIG despois de toda unha vida na loita sindical, no momento de poderen gozar dunha merecida xubilación, aí están en primeira liña mobilizándose para que a iniciativa da ILP poida ter éxito e ser debatida no parlamento galego.