“Espaço Vivo” en Santo Estevo de Negros: Un espazo para gozar da vida

“Espazo Vivo” en Santo Estevo de Negros: Un espazo para gozar da vida

En Santo Estevo de Negros, no camiño Fixón nº 64, está Espazo Vivo. Eles son uha cooperativa agrícola que funcionan como restaurante, sempre con reserva previa. Os seus promotores ofrécennos comida vegana de grande calidade, nun espazo aberto para calquera tipo de expresión artística que defende , o que tantas veces expresou este medio de comunicación, a colaboración entre iguais como medio máis adecuado de organización social. Nós falamos cun dos seus promotores

Serxio Crespo

Adoramos Redondela”

Serxio, por que espazo vivo?

Porque o que está vivo, está en movemento. Ten cousas para descubrir, é transformador e innovador. Gastronomía vegana, expresións culturais e artísticas do teu contorno e de maneira local e achegada. Esa é a nosa filosofía.

Este proxecto baséase nunha metodoloxía de agricultura rexenerativa.

Isto quere dicir que o que comemos aquí é todo cultivado por vós?

A maior parte si, e o que temos que mercar, facémolo que sexa de proximidade, tanto cultural como de distancia.

Aquí tamén temos moita paixón pola boa verdura e polos bos produtos do campo. Somos un país maioritariamente rural e case todos os que vivimos nas cidades temos aldea. Sabemos apreciar o que é un bo repolo da horta. Isto tradúcese no noso proxecto, o que estamos é valorizando a horta que todos queremos ter en casa.

Nós somos unha cooperativa agrícola. Funcionamos como un restaurante, pero con reserva previa. Agricultura e arte van da man. Poñemos en valor os Seráns populares e pensamos que temos que recuperar esa cultura colaborativa agrícola. Organizamos “Petisco artísticos” onde os grupos locais ou galegos poden tocarnos a súa música, para que calquera persoa que teña a necesidade de expresarse ou de facer arte, desenvolver unha idea ou paixón aos demais, queremos ser un vector colaborativo con esta xente.

Tamén organizades lecturas poéticas, verdade?

Si. Desde que empezamos, no primeiro confinamento, organizamos “repichocas poéticas” e musicais. Aquí ven xente que constrúe os seus propios poemas, ou que escolle un poema que lle guste e tócao, leo ou recítao.

Isto é un espazo vivo pero fisicamente pechado e aquí tamén pensades nos máis pequenos e pequenas das casas. Mentres os pais e nais comen, beben e xúntanse cos amigos e amigas, os nenos e nenas corren e xogan por aquí nun espazo pechado, rural e sen perigo.

Si. Os adultos ás veces non nos damos de conta, cando saímos a comer por aí, que as crianzas teñen outras necesidades, non son capaces de estar sentados tanto tempo como nós. Aquí temos un espazo expresamente dedicado para as crianzas. Un recuncho seguro, onde poidan xogar cómodos e sen perigo e os pais poidan estar a comer, ceando tranquilos e sen preocuparse.

Entón montastes un espazo onde comer comida vegana, desta horta ou comprada nun comercio de proximidade. Espazo onde se pode escoitar música, poesía ou calquera inquietude artística e onde os nenos e nenas teñen un sitio especial para eles. Como se chega a conseguir esta fusión?

Levamos anos militando no movemento asociativo cultural e de base neste país. Estamos en varias asociacións culturais e activismos varios.

Cando creamos este proxecto cooperativo, este tiña que ver reflectido nel todas as alternativas coas que nós vivimos. Cremos que isto é unha riqueza e sería imposible facelo doutra maneira.

Fixestes un negocio cooperativo pensando só nos vosos gustos e a vosa forma de vivir. ?

Levabamos anos con traballos precarios e moi malos. Loitando en asembleas de parados e facendo todo tipo de activismo para conseguir traballos dignos e na nosa terra, para non ter que emigrar e non ter que sucumbir nunhas regras leoninas do mercado.

Con este proxecto creamos un medio de vida, cuns postos de traballo dignos e ao mesmo tempo seguir con ese traballo sociocultural, algo co que poder vivir o noso núcleo familiar.

E a vosa crianza tamén axuda neste proxecto?

Na horta, que é onde máis traballo, horas, tempo e esforzo, si.

Levamos un ano aquí, traballando esta terra tan marabillosa e, teño que dicir que, adoramos Redondela. Estivemos fóra uns anos, podo dicir que foron anos case perdidos, ata que acabamos aquí en Redondela.

Porque Redondela? Ti es de Vigo e a túa compañeira de Ferrol, non?

Témoslle un agarimo especial a esta terra e as xentes de aquí tamén nolo teñen a nós. O 60% de clientela que vén é toda de aquí, de Redondela. E desta, o 50% son desta parroquia ou das parroquias veciñas. Tivemos unha acollida espectacular con Espaço Vivo.

Desenvolvemos este proxecto con moito traballo e esforzo, que ben mereceron a pena vendo a boa acollida que tivemos.

Eu cando veño por aquí vexo que a xente cando se vai, marcha contenta, con boa sensación. Por isto xa merece a pena, non?

A verdade é que o proxecto de hostalería está a medio terminar, pero os pratos que máis gustan son os “grelos con non chourizo”, o “cocido vegano” ou o “seitán con grelos”. O seitán elaborámolo nós a partir da proteína do trigo, comprada a un produtor local que ten unha panadería con máis de 30 anos, traballa con trigo integral e cunha moi boa calidade. Cultivamos batata, varias clases de cenorias e de distintas cores.

Máis do 80% dos nosos clientes non son veganos, pero aquí atopan pratos ricos, ben nutricionados, con boa presenza dos que poder gozar. Este é o noso obxectivo, poder gozar da comida vegana, nun espazo rural, onde poder escoitar música ou ver arte.

Que hai que facer para poder vir comer aquí?

Abrimos de mércores a domingo. Para comer ou cear, pero só traballamos con previa reserva. Pódese reservar na nosa web artenaleira.gal, no teléfono 622193026 ou mandar un mail a artenaleiragz@mail.com. Hai que reservar para o número de comensais, data e hora e indicar se hai algunha intolerancia alimentaria.

Serxio, ti es músico. Cando poderás deleitarnos coa túa música?

Esperemos que pronto. Agora estou cun proxecto nun grupo que se chama Random. Facemos música experimental e diferente.

Temos un pequeno espazo onde ensaiamos e é un espazo que ofrecemos á xente que necesite un local onde poder ensaiar diferentes proxectos artísticos. Ofrecemos vivenda a calquera artista de calquera disciplina, un espazo de vivenda ou ensaio.

Para degustar os vosos produtos, temos que vir aquí ao local ou podemos facelo noutros ambientes como festas gastronómicas?

Gústanos ir a eventos onde hai vida como Arte Lixo, Siña Paca, magostos… Empezamos nestes eventos con este proxecto e temos pensado seguir, é a nosa vocación.

Onde estás máis cómodo, aquí ou nestes eventos temporais que poden ser dun ou dous días?

A vida de feirante tamén é divertida, pero cando imos entrando nunha idade xa nos apetece estar máis tranquilos. A enerxía xa hai que dosificala doutra maneira.

Moitas grazas por abrirnos a porta da vosa casa e por abrirnos a mente. E os nosos mellores desexos dunha longa vida para Espaço Vivo