
Marcos Santos
Despois da ruptura do goberno bipartito na nosa Vila cultura foi unha das concellerías que mudou de titular, pois o membro de AER Daniel Boullosa foi substituído pola socialista Iria Vilaboa. Ela é unha muller de Vilar que asume a súa responsabilidade con entusiasmo , coa mellor das vontades para facer ben as cousas e coa intención de que o universo cultural redondelán, o mellor do mundo, estea a altura que se merece.
“A responsabilidade da concellería de cultura de Redondela é absorbente pero marabillosa”
Ti sendo de Vilar este ano tes moi preto a inauguración do Arte Lixo?
Sii en Quintela. Non imaxinas a ilusión que me fai
Que valoración fas destes seis meses como concelleira de cultura?
Desde a miña óptica é unha valoración moi positiva. Estou gozando enormemente do meu traballo
E do traballo de Dani, o teu antecesor, que opinión tes?
Prefiro non valorar o traballo de outros, seguro que o fixo o mellor que puido e soubo.
Que relación tes co inmenso tecido asociativo que traballa no campo cultural?
É das partes máis agradables do meu traballo. Aprendo moito deles e esta etapa permíteme coñecer a colectivos moi interesantes
A nosa vila e a cultura están indisolublemente unidas creo eu?
E tanto que si. Hai tantas actividades, de tanta calidade e con tanta xente, que ten unha enorme implicación, que é unha responsabilidade que esixe moitísimo tempo e esforzo
Supoño que neste tempo estarás cun nivel de actividade enormemente elevado?
Abofé que é asi. Arte Lixo, Títeres, Choco, Millo verde……Estamos a tope xa pechando todo
Creo que o choco 2022 vai ser un tanto diferente ao habitual verdade?
Si. Imos ir da man dos hostaleiros e da confraría para darlle todo o pulo que sexamos capaces tanto ao produto local, marabilloso, como a nosa hostalaría exemplar toda ela, de calidade sobresaínte toda ela, e que tan mal o pasou nestes anos durísimos. Este ano as xornadas gastronómicas serán nos propios locais de restauración. É unha demanda que nos fixo a hostalaría e nós atendémola porque a consideramos moi razoable. A programación do Choco vai en dúas fins de semana. Arrincamos o 29 de abril. Esas fins de semana teremos actuacións musicais de tarde e de noite. As actuacións tratarán de abranguer todas as prazas da Vila e non estar concentradas nun único punto. Trataremos de pór en valor o mar e todo o relacionado coa pesca tradicional
Algún comerciante da zona do Salgueiral queixouse ao noso medio de que os tendes esquecidos?
Non é fácil estar en todas partes. Agradézoche Marcos a información, e prometo telo en conta para futuros eventos.
Vai haber feira do libro?
Non, este ano non pois non houbo datas compatibles. E non creas que non me fastidia. Eu fun libreira durante 15 anos e é un mundo ao que me sinto profundamente vinculada
Debía de ser un traballo moi bonito?
Desde logo que si, pero tiven un problema grave: deixaba o soldo en libros
Este ano vai haber entroido de verán?
Si, vaino haber. Imos tratar de recuperar todas as festas que a pandemia non nos permitiu realizar
O entroido de Verán vai ser como todos os anos?
A nosa idea vai ser manter o formato
Algún grupo destacado que ides traer?
Vas levar unha sorpresa. Imos traer un grupo moi destacado si. Nós apostamos polos grupos locais e polos grupos femininos aínda que ás veces poida ser , por cuestión de datas ou prezo, complicado
Ides seguir sen acudir ás procesións?
Si. Eu persoalmente, ou quen queira do goberno podemos acudir a misa se quixeramos, pero como corporación municipal non.
E despois do entroido de verán que tendes pensado?
Temos en mente volver a ciclos de teatro e monólogos que están dando moi bos resultados. E estamos valorando a posibilidade de facer ciclos de maxia
Finalmente teremos museo na antiga casa dos mestres?
Ese é o uso que foi aprobado en pleno, o museo de Ángel Barros, e agardo que acabe concretándose
A vosa posición sobre o bacharelato de Artes?
De firmeza absoluta na defensa de que se implante xa. Esta é unha necesidade urxente non só da nosa vila senón de toda a nosa comarca e a Xunta debe de cumprir a súa responsabilidade e satisfacela de contado