Dani Barreiro artista de Arcade presenta a súa obra en Redondela

Dani Barreiro
Marcos Santos

A improvisación creativa é esencial no meu traballo”

O artista Dani Barreiro, natural de Arcade, presentounos a súa obra no multiusos da Xunqueira na inauguración do festival Arte Lixo. A exposición desenvólvese entre o 30 de marzo e o 17 de abril e a súa grande calidade fai que nos permitamos recomendar a todos os nosos lectores e lectoras que se acheguen a coñecela. Nós conversamos con el

Que fai un home de Arcade pola vila de Redondela?

Pois hoxe veño presentar a miña mostra:”Obxectos de autor”.Inaugurámola hoxe , 30 de marzo, e agardo que teña unha boa acollida. Quero agradecer o convite da asociación Arte Lixo e en particular a amabilidade de Quico Amoedo xa que sen el sería imposible facer a exposición

E de onde ven a túa conexión con Arte Lixo?

Máis do 90% da miña obra está feita con material reciclado.

Que supón expor no Arte Lixo?

Pois fíxate que eu xa levo bastantes anos no mundo da arte, teño obras en galerías, coñéceme moita xente, participei en exposicións colectivas pero case nunca me preocupara de facer unha exposición individual. Se cadra porque carezo de tempo. Pero desta volta mirei a sala e e decidín facela

Descríbenos o máis importante da túa exposición?

É unha mostra moi heteroxénea. Recopilei unha serie de traballos dos últimos 10 anos. A maioría é de coleccións particulares

O teu oficio é o de restaurador de antigüidades. Influíu na túa forma de entender a a arte?

Eu creo que si. Non é fácil explicar de onde ven a inspiración creativa, pois eu creo que é algo poliédrico. Pero ao facer o que fago inevitablemente acabas acumulando distintos materiais. E algún día ves algo nun currucho e pensas que pode ter potencial para crear unha nova peza

A improvisación é importante no teu traballo?

Esencial. Todo xorde dunha improvisación primixenia

Unha das túas obras, gravidade, chámame especialmente a atención. Na súa construción utilizas restos dun retablo gótico. De onde saen?

Un amigo meu atopou no lixo restos dunha cornixa gótica. Tróuxoma e eu restaureina e completeina

E nas lámpadas?

Son pezas únicas de deseño de autor. Alí tendo ao art decó ao modernismo industrial ou ao brutalismo.

Que sente un artista cando alguén lle di que quere mercar unha obra súa?

Unha satisfacción enorme. Chegar á alma de alguén e desas cousas que aloumiñan o corazón do artista.

Pódese vivir da arte?

Pódoche dicir que eu comezo agora a vivir a arte. É necesario ter moita seguridade nun mesmo

Como podemos coñecer ou de ser o caso mercar algunha das túas obras?

Eu teño obras á venda nalgunhas galerías de prestixio como Isadora art decó en A Coruña , Espacio Beny en Vigo ou na galería Montenegro tamén en Vigo. Tamén poden contactar comigo a través das miñas redes sociais

Pódeseche encargar unha obra en concreto?

Si, aínda que a min me gusta máis que os encargos sexan do tipo: “ gustaríame que crearas algo na liña de…..”.Malia todo trato de non dicirlle que non a ningún traballo.

E se unha institución pública che encarga unha obra que non che gusta aceptarías ?

Non, de feito xa tiven unha experiencia semellante cando unha importante institución fixo unha re interpretación dun proxecto que lles presentara e eu negueime.