Digna Rivas é a primeira alcaldesa da historia de Redondela. Reivindica con orgullo a inmensa honra que supuxo para ela este feito histórico, e defende con intensidade e paixón o traballo do seu goberno estes catro anos á vez que se amosa profundamente implicada, nas súas emocións máis íntimas, co ben común dos veciños e veciñas do seu pobo e agarda seguir contando coa confianza necesaria para continuar na alcaldía 4 anos máis.
“ Redondela segue esperando para que o candidato Javier Bas, a quen tanto lle importa Redondela, exixa á Xunta de Galicia que actúe xa na Avenida Mendiño, que é de competencia exclusiva da administración autonómica”
Digna, xa tes a configurada lista das persoas che van acompañar nos próximos comicios do mes de maio?
Si. Xa está definida. É unha candidatura da que me sinto moi orgullosa, e a que é unha honra para min encabezar. Pois son todos e todas mulleres e homes namorados de Redondela e cun perfil social moi marcado.
Preséntanos aos 7 primeiros postos?.
Pilar Martínez, a número dous da lista. Para unha persoa feminista de verdade coma min, non de pacotilla, que milita con orgullo no partido socialista ,unha formación política feminista de verdade, non de pacotilla , que sexamos dúas mulleres e dúas feministas as que lideremos este proxecto éncheme de felicidade e reafirma o meu compromiso coa loita pola igualdade real.
Antonio Cabaleiro (Toni), ocupa o número tres. Persoa importante para min, fun compañeira do seu pai e agora acompáñame el. Un rapaz de Chapela moi comprometido e con moitísimas ganas de traballar e de seguir co legado do seu pai.
Rita Pérez Táboas, número catro é a secretaria de organización do partido. Leva moitos anos traballando connosco e é unha peza fundamental deste equipo.
Pedro Villaverde, número cinco. Outro representante de parroquia, de Quintela concretamente. Outra persoa para a que prima Redondela. Sempre traballou para a veciñanza e para mellorar en todos os sentidos. Estivo a me axudar e apoiándome desde sempre.
María Castro, número seis. A actual tenenta de alcaldesa e importante piar destes últimos catro anos tamén.
Iván Vallés é o número sete. Un home que leva toda a vida dedicada ao deporte de Redondela. Traballando desde con nenos moi pequenos ata con pais e nais. Iván ten o don de estar aí, de axudar e de tentar mellorar o posible, neste caso no deporte. Esta é a mellor persoa para substituír a Nacho e o gran labor que fixo estes últimos catro anos.
Esta é unha lista gañadora, unha lista para gobernar, unha lista moi pensada e moi meditada para o que necesita Redondela e para poder levar os nosos proxectos adiante.
Cales son as expectativas coas que vos presentades?
Expectativas de gañar, de revalidar e de continuar o proxecto que comezamos hai catro anos. A pandemia non permitiu facer todo o que Redondela merece e quero continuar, quero ter un punto e seguido para poder levalo a cabo.
Véxote ilusionada alcaldesa?
Non te equivocas .Teño unha enorme ilusión,a mesma, ou se cadra máis, que a que tiña hai catro anos. Pero tamén teño un inmenso sentimento de responsabilidade. Ser alcaldesa de Redondela , poder servir ao ben común da vila que amo, é unha grande honra que nunca poderei agradecer o suficiente ás veciñas e veciños que me distinguiron coa súa confianza.
Sentes que neste mandato que se acaba o teu goberno tratou de maneira xusta ás parroquias?
Esa foi a nosa vontade, e considero que fixemos un grande esforzo para trasladar o noso desexo ao terreo da realidade. Porén si que teño que dicir que temos unha débeda pendente coas nosas parroquias. En tres anos non nos deu tempo a facer todo o que queremos facer. Pero asumo o compromiso de continuar sen pausa para satisfacer as necesidades e os dereitos que ten a veciñanza das parroquias. Necesitan sobre todo asfaltados e estes proxectos alónganse no tempo. Hai que cumprir cun proceso legal moi longo e isto atrasa moito. Si que conseguimos levar o lecer aos maiores, servizos para a memoria, taichí e as novas tecnoloxías. Isto é moi importante e conseguir levalo ás parroquias para que non se teñan que desprazarse os nosos e nosas maiores á vila é un logro.
Isto facédelo en colaboración coas asociacións culturais?
Non. Desde o concello fixemos estes obradoiros ou talleres nas parroquias.
AER declarou nas nosas páxinas que se dependese deles, Digna non ía gobernar. No caso de que dependa a alcaldía de AER, darías un paso atrás?
Digna Rivas é a responsable máxima deste equipo. Eu son candidata do PSOE porque o decidiu a militancia do PSOE e son alcaldesa de Redondela porque así o decidiu a veciñanza. É a veciñanza de Redondela a que ten que decidir se sigo sendo alcaldesa ou non, non ningún outro actor. E é a militancia do partido socialista a que tería que decidir se eu encabezo ou non o proxecto socialista. Isto déixoo moi claro: A militancia do partido socialista é quen manda en exclusiva nos asuntos das e dos socialistas de Redondela.
Tamén deixo absolutamente clara a seguinte mensaxe ao PP de Redondela: Perdede toda a esperanza : o máis importante para Digna Rivas é que Redondela teña un goberno de esquerdas, un goberno digno e xusto. Eu non son indispensable.
É tan mala a relación con AER?
A miña porta está sempre aberta para dialogar e acadar consensos, e para AER tamén desde logo que si.
Estás satisfeita do resultado final das obras da praza de Ponteareas?
A verdade é que si, estou moi orgullosa. Démoslle un cambio profundo á entrada máis importante da nosa vila tanto pola actuación na praza como polo derrubo da nave que había na entrada de Redondela.
A situación na que queda ese espazo, co aparcadoiro disuasorio, é un exemplo notorio do noso modelo de Vila: Unha Redondela humanizada, accesible e cómoda. Unha Redondela para as persoas.
E a Picota?
Pois outra zona que levaba moitos anos esquecida á que tamén lle estamos a dar unha transformación radical na liña, como che dixen, do noso modelo de Vila. Nós si temos un modelo de vila e alí imos, sen complexos, a polas dúas entradas de Redondela, a darlles unha transformación na liña da excelencia que buscamos. Outros que tanto falan e presumen tiveron á Picota e a Vilavella completamente abandonadas.
Aproveito para agradecer á DEPO á súa axuda e a súa sensibilidade ás necesidades de Redondela.
E á Xunta non lle tes nada que agradecer?
Seguimos agardando pola Avenida Mendiño que como sabes é competencia exclusiva da Xunta, lamentablemente esa é a realidade. Seguimos esperando polo candidato Javier Bas, a quen tanto lle importa Redondela, para que esixa á Xunta que se ocupe xa de arranxar esa Avenida.
A Xunta e Javier Bas son do mesmo partido
Xa, e onde queda aquel “ Ante todo Redondela”?.Neste tipo de feitos amósase o que significaba aquel slogan: nada. Eu prométoche Marcos que se teño que decidir entre o interese do meu pobo e o do meu partido nunca vou ter dúbida: Ante todo Redondela, pero de verdade, non de pacotilla.
A Xunta non trata con xustiza a Redondela?
Nos anos do meu mandato as achegas da Xunta en infraestruturas a Redondela foron de 0€.O proceder da Xunta no reparto de fondos é terriblemente sectario. Beneficia claramente aos gobernos do PP. É intolerable.
Falemos de Chapela?
O máis destacable da a nosa aposta firme e inequívoca por Chapela é a senda verde. Estamos co proxecto da continuación da senda e xa estamos licitando o parque de skate que formará parte dun espazo multifuncional para mozas e mozos .Tamén quixera salientar a remodelación da Alameda Rosalía de Castro, moi necesaria por outra parte. A actuación para mellorar o espazo que a rapazada de Chapela chama “ o campito”, resultado dunha consulta sobre as súas necesidades que fixemos igualmente a considero moi relevante.
Non vai chegar para este mandato, pero en maio formalizaremos o contrato para que en xuño, xullo comecen as obras de remodelación dos vieiros da contorna da AP9, unha débeda histórica con Chapela que é de obrigada solución.
E agora toca falar do SAF?
Ese é o tema que máis me preocupa agora mesmo. Pero as licitacións nos gusten máis ou menos son as que son. E a empresa que está neste momento accedeu de maneira legal. É certo que o servizo que están a dar non é idóneo. O que ten que facer esta administración é , cumprindo a lei, fiscalizar ao máximo para que se dea o servizo que se ten que dar.
En calquera caso en setembro haberá unha empresa nova.
Rematamos Digna, que vai pasar o 28 de maio?
Agardo que a veciñanza saiba valorar que , cos meus erros e virtudes, Diga Rivas é unha alcaldesa namorada do seu pobo, que antepón o interese xeral de Redondela a calquera outro e que con toda humildade espero recibir a confianza necesaria para seguir transformando Redondela en positivo; nunha vila xusta, amable, humana e con oportunidades e servizos suficientes para todas e todos por igual.