Javier Bas presidente do PP de Redondela

Javier Bas presidente do PP de Redondela

Un ano máis Javier Bas atendeunos con moita amabilidade e con el mantivemos unha moi extensa conversa na que nos ofreceu a súa visión sobre a política local, e sobre diversos aspectos da realidade galega. Velaí vai o que deu de si.

A situación económica do Concello de Redondela é tan grave que os pagos ordinarios poden verse comprometidos”

Como valoras o resultado das recentes eleccións europeas?

Ben, é evidente que a aposta maioritaria da sociedade española, elección tras elección, é outorgar a súa confianza ao PP. Nós somos unha organización, centrada, moderada, sensata e responsable. Somos o partido do “ sentidiño”, o partido das persoas normais que pelexan por gañar a vida con dignidade e que só queren vivir en paz. E a maioría da sociedade así o recoñece.

Esa visión positiva dos vosos resultados é a mesma para o estado español, para Galicia e para Redondela?

En España a vitoria e indiscutible, en Galicia, con cambio de líder incluído, seguimos a conservar a confianza abafadora da maioría social da nosa comunidade. Quixera destacar o magnífico traballo de Rueda, cargado de sensatez. O noso presidente é todo un luxo para o noso pobo. E en Redondela nas últimas municipais tivemos un magnífico resultado cun 45% de respaldo.

Non chegou

Non chegou á maioría absoluta, pero foi unha vitoria moi clara.

Non chegou para darche á alcaldía

Chegou para que o noso modelo de xestión, 8 anos na alcaldía de Redondela, recibise o aval maioritario da sociedade de Redondela.

Ben. A vitoria en Galicia é incontestable .No estado gañastes tamén, pero eu creo que por baixo das vosas expectativas: 4 puntos están no límite e danlle aínda a opción a Sánchez de esgotar a lexislatura. E en Redondela, eu preguntábache polas europeas e ti contéstasme coas municipais, quedastes 10 puntos por baixo da media galega: 43% en Galicia e 33% en Redondela. Por que o PP de Redondela está moi baixo do PP de Galicia?

As razóns son de tipo histórico. Redondela estivo gobernada arredor de tres décadas por un alcalde do partido socialista. Esa circunstancia deixa pegada na psique colectiva e dálle á esquerda de Redondela un espazo máis amplo do que o teñen noutras localidades. Nós, dígoo con toda humildade, creo que facemos un bo traballo e se nos recoñece ampliándonos máis o espazo cada vez. Por outra parte o desgaste do PSOE en Redondela é máis que evidente, pois nestas europeas baixou 2.000 votos con relación ás anteriores.

Algo que non aproveitastes vós, pois só subistes 155 votos

Son votos potencialmente máis fáciles de recoller polo BNG e tampouco os aproveitou pois a súa suba é moi inferior a esa cantidade de votos que perde o PSOE. Ese voto queda na abstención pois os socialistas de Redondela perden a confianza da cidadanía elección tras elección.

Ben. Imos entrar en Redondela: Valoración deste ano de mandato?

A valoración que fai o PP de Redondela,sobre o goberno da nosa localidade, é a mesma que fan todos os colectivos veciñais. E todos, sexan da área que sexan, están moi desgustados co goberno local. No centro a situación é mala, pero nas parroquias a situación é peor que mala: Non se arranxan os camiños, non se roza, non se lle ofrece seguridade á veciñanza ante os posibles delitos que poidan sufrir, e non hai seguridade de que calquera emerxencia que poida acontecer poida ser atendida como é debido.

Por outra parte un goberno presuntamente de esquerdas carece da máis mínima empatía ante os segmentos máis vulnerables da sociedade.

A que te refires con iso da suposta falta de empatía?

Refírome á desastrosa xestión do tema do SAF. Foi tan lamentable que a alcaldesa tería que ter dimitido. Ao igual que debera ter presentado a dimisión pola súa nefasta xestión económica.

Imos por partes. Fálame do SAF?

Agora xa está adxudicado a unha nova empresa. Pero tardouse moito en resolver. Como sabes nós ofreceramos unha alternativa, avalada xuridicamente, que o Concello non quixo aceptar.

Podes afirmar de maneira taxativa que se esa alternativa se tivera tido en conta ese problema estaría xa resolto?

Si. Nese mesmo momento. O problema é que ao goberno lle faltou valentía para axudar ás persoas máis vulnerables. E tampouco penalizou como debera un servizo que foi manifestamente deficiente. Ata o punto de que deixar a unha persoa toda a noite nunha mesa sen atender foi considerado falta leve.

Ben, agora temos unha nova empresa. O procedemento que seguiu o goberno para chegar aquí como foi para o PP?

Ese procedemento si está ben feito. Nós estaremos moi atentos para que, no caso de que volvan existir deficiencias no servizo, o goberno exerza a súa responsabilidade.

Falemos agora da situación económica?

É moi grave.

Por que?

Nós no noso goberno tiñamos especialistas reputados en cada área. Este goberno está composto por persoas inexpertas. Ese é o motivo da grave situación económica. Non respectan os procedementos e gastan máis do que poden gastar. Tanto é así que había moitísimas facturas sen control . Nós cando chegamos no ano 11 topamos no caixón 2 millóns de € de facturas sen pagar,unha situación semellante á que hai agora, de feito o outro día levouse ao pleno un recoñecemento de crédito para pagar arredor de 3 millóns de €.

E vós votastes en contra

Si, pero nós non votamos en contra e pagar as facturas. Nós formulamos unha alternativa para desagregar as facturas e pagar por bloques. Se nos presentasen as facturas de pequenas empresas, que estivesen correctamente fiscalizadas, teriamos votado a favor.

De que maneira formulastes esa proposta?

Na comisión de facenda.

Por que vos dixo o goberno que non?

Aludiron que de facerse así, os pagos se demorarían no tempo.

Parece unha alusión razoable

Non, non é certo. Nós xa tiñamos identificados ata 800.000€ que se poderían pagar de inmediato. E estabamos dispostos a facer todos os plenos extraordinarios que fosen necesarios para solucionar todos os pagos o máis rápido posible. Nós non estamos dispostos a avalar ningún tipo de irregularidade, e avalaremos o pago de todo,claro que si, pero de todo o que teñamos constancia absoluta de que é un servizo prestado realmente e correctamente fiscalizado.

O goberno afirma tamén que parte da culpa dos atrasos nos pagos débese a un problema informático?

Si, houbo un problema informático, é verdade. Pero hai facturas moi anteriores a ese problema. Nós cando chegamos no ano 11 tiñamos unha débeda cos bancos de máis de 10 millóns de € e logramos , cando saímos no 19, que esa débeda estivera practicamente pagada. Agora temos un concello con débeda 0.

Pero se vós no ano 19 deixastes” a débeda practicamente pagada” e hoxe no ano 24 a débeda é 0 podemos dicir que nestes cinco anos de xestión económica do goberno socialista algo bo farían, porque estás a recoñecer que non se endebedaron?

Non

Como que non?

Endebedouse cos veciños. Eles presumen de que teñen un remanente de arredor de 3,8 millóns, pero teñen ese superávit porque non pagaron as facturas. E nós, no noso goberno, cada ano, tiñamos un superávit superior a esa cantidade e pagando todas as facturas. Se pagaran as facturas pendentes o superávit sería 0.

De canto foi o recoñecemento de crédito?

De 3,1 millóns.

Entón o superávit non sería de 0, sería de 0,7?

Non porque en xaneiro houbo outro recoñecemento de 600.000€.Ademais estou seguro de que van aparecer máis facturas sen pagar. A situación económica é moi grave ata o punto de que os pagos ordinarios poden verse comprometidos.

Eso é moi serio, Javier. Reafirmas que a situación económica do Concello, ao teu xuízo, é tan grave?

É que é unha situación económica moi grave claro que si. Fíxate, aínda non presentaron a conta xeral do 2022 , e en consecuencia todas as solicitudes de subvención autonómica as están perdendo.

Podemos cuantificar o importe desas subvencións que dis que perderon?

Arredor de 2 millóns de €.Nós cando deixamos o goberno o período medio de pago a provedores era de 20 días, agora é de 90 cando o que permite a lei son 30.

Ben e no que respecta á xestión do día a día?

Suspenden claramente. Funcionan a golpe de Facebook.

Explícame iso do Facebook?

Cada vez que aparece algunha denuncia no Facebook, sobre a existencia dalgunha incidencia, reaccionan e é nese momento cando a arranxan.

Refíreste ao Facebook do PP de Redondela?

Nós colaboramos. Se fas un seguimento do Facebook do PP de Redondela verás como os arranxos das incidencias adoitan ser moi pouco tempo despois das nosas denuncias.

Porén, hoxe mesmo( 14/06) nas redes dos socialistas de Redondela mencionan unha denuncia vosa sobre a situación de Arealonga e din que a denuncia é falsa , pois, segundo os socialistas, a foto que puxestes era anterior á denuncia e o problema xa estaba arranxado antes de que vós denunciarades. Explícame este episodio?

Esa denuncia ven da nota que nos envía un veciño.

E non contrastastes a súa veracidade?

Si, si, está contrastado.

Entón?

Ben. Non me creo que a información do partido socialista sexa correcta. En calquera caso pode haber un desfase de dous ou tres días que tardaramos nós en subir a nova. Pero iso é unha anécdota. O substancial é que o goberno soluciona as incidencias despois de que se denuncie a súa existencia no Facebook.

De todas maneiras é imposible para calquera goberno municipal coñecer a priori todas as incidencias de todo o Concello. Cal é o problema en que se actúe rápido para solucionar calquera incidencia que denuncie alguén nunha rede social?

Si, se eu asumo que é imposible chegar a todo. Pero o problema non é ese, o problema é que non existe ningún tipo de planificación de traballo. Non se planifican nin os roces, nin o asfaltado nin o alumeado, nin se cumpren as normas nin os procedementos…Fan todo tan mal que ás veces danse de conta de que teñen que volver aos modelos do PP

Por exemplo?

Na festa do Choco. O modelo da carpa que inicialmente desbotaron e logo retomaron. Aínda así esa festa está desvalorizada e ten moito menos prestixio que cando a faciamos nós.

Cal é a administración titular da Avenida Mendiño?

O que é a estrada é da Xunta de Galicia.

A Xunta compórtase adecuadamente con Redondela en relación con esa avenida?

A Xunta tiña aprobado un proxecto e un orzamento para desenvolver. O problema é que tanto a alcaldesa como o BNG dixeron que ese proxecto non lles gustaba. Presentaron na Xunta unha moción, creo que foi o BNG, na que piden mudar ese proxecto. E alí tanto o PSOE como o BNG votaron que querían outra cousa.

Onde é “ alí”?

No parlamento galego.

Pero imaxino que esa votación a perderían porque vós tedes maioría absoluta no parlamento?

Nós niso non nos metemos.

E logo que votastes?

Non o sei. Eu o que che digo é que a Xunta de Galicia non vai facer unha obra coa que o equipo de goberno non está de acordo. Recentemente o equipo de goberno tivo unha xuntanza coa Xunta na que lle dixo o que querían. A Xunta de Galicia o que non vai facer é ir en contra dun goberno local

A min iso paréceme un pouco estraño: Ence, eólicos, Altri…..

Eu estouche falando do que pasou nese tema. A Xunta de Galicia non ía facer unha obra na que o goberno local ía poñer problemas para que se desenvolva. Para nós ese proxecto era bo e se estiveramos no goberno xa estaría feito. E nós estabamos negociando que a depuradora saíra de alí.

Como está a situación sanitaria de Redondela?

Hai un cambio de paradigma no modelo sanidade pública e nós estamos en proceso de adaptación. Os problemas que poida ter a atención primaria non son unha cuestión de Redondela, senón que hai un problema de contratación e é algo que afecta a todo o estado. Eu recordo que cando estaba en Madrid, no congreso, pretendiamos que se puideran facer un maior número de contratacións e sempre topamos co voto negativo do PSOE

Ben, na situación da atención primaria en Galicia algo terá que dicir o PP , pois a competencia da sanidade xestiónaa á Xunta?

Si, claro que temos que dicir: nós xestionamos os recursos que temos coa maior eficiencia posible. De feito segundo o informe que publica o ministerio de sanidade, con datos a decembro do 2023, Galicia é a terceira comunidade autónoma con mellores datos en relación aos tempos de espera para acceder a unha cirurxía.

Como quedou, ao teu xuízo, a praza de Ponteareas?

Nós temos moito que ver nesa actuación. Nós conseguimos os fondos e nós contratamos ao equipo redactor En calquera caso o resultado final a min non me gusta: demasiado cemento e pouca zona verde.

Como te sentes no teu traballo na DEPO?

Útil. Trato de trasladar a presidencia a realidade dos distintos concellos e os problemas que padecen. Desa maneira podemos ir tomando medidas para corrixilos.

Tratas por igual aos alcaldes e alcaldesas con independencia de que partido sexan?

Indiscutiblemente si.

Ides darlle unha solución á estrada de Nespereira?

Si. Os veciños teñen razón e desde a DEPO xa iniciamos o procedemento para darlle solución.

Rematamos: Aínda que faltan 3 anos xa sabes se vas repetir no 27 como candidato do PP á alcaldía de Redondela?

Iso non o decido eu, decídeo o partido. Temos un equipo de traballo magnífico e xa veremos o que pasa de aquí a 3 anos.