Os socialistas do Porriño iniciaron un necesario proceso de catarse despois do desastre das últimas municipais que lle deron ao PP de Alejandro Lorenzo a escandalosa cifra de 16 concelleiros sobre 21 posibles. E parece que unha luz de esperanza comeza a albiscarse para eles, pois nas recentes eleccións europeas acadaron un resultado máis que digno cun 26% dos votos, e superaron ao BNG para colocarse en segunda posición .Nós conversamos con David, o avogado de Cans que lidera o novo proxecto sos socialistas do Porriño. El é un corredor de fondo. Sabe perfectamente que están en fase de resistencia e que non desistir é o único camiño para poder aspirar a metas máis ambiciosas.
“A relación da alcaldía coa oposición é nula”
Cal é a túa valoración do resultado que obtivestes os socialistas do Porriño nas recentes europeas?
Ben, a nosa valoración é positiva. Despois duns anos nos que parece que todo eran malas novas, semella que se albisca unha luz de esperanza. Tendo en conta que estamos nun contexto difícil para o PSOE penso que mantivemos o tipo con moita dignidade. Fomos segunda forza con claridade e desde logo que estamos enormemente agradecidos aos 2.097 porriñeses e porriñesas que nos distinguiron coa súa confianza.
Como está a saúde da agrupación local?
Cada vez mellor. Está entrando nova militancia o que nos leva a mirar o futuro con optimismo. Iso non quita que sexamos realistas e que teñamos claro que falta moito camiño por andar. Como che comentei a valoración xeral é positiva pero hai datos enormemente preocupantes.
A que te refires?
Refírome a que hai mesas no Porriño nas que a ultra dereita sacou uns resultados que nos deberan facer repensar, a todos os demócratas, que é o que estamos facendo mal.
O auxe da extrema dereita non é un fenómeno do Porriño, senón de toda Europa. Pero eu creo que a resistencia que no estado español está ofrecendo o partido socialista é moi meritoria
Eu teño a convicción de que cando todo isto acabe e se poida estudar esta época con obxectividade, se recoñecerá o extraordinario mérito que ten o presidente Pedro Sánchez.
O goberno do Porriño ten 16 actas fronte as cinco da oposición, 3 o BNG e 2 vós. É posible facer política cunha situación aritmética tan precaria?
É moi difícil. Sobre todo porque todas as propostas que levamos en positivo son rexeitadas pola maioría do goberno.
Non vos aprobaron nin unha soa en todo este tempo?
Só unha: a gratuidade dos libros de texto para os máis cativos. Pero non fixeron nada para que se puidera concretar, nin ten pinta de que o vaian facer.
Que valoración tes de como está desenvolvéndose este mandato?
Ben, penso que comeza a percibirse pola rúa certo cansazo coa política do PP. Especialmente témolo percibido no relativo á cultura e as festas. Sempre se fai o mesmo e sempre se trae a grupos vinculados co PP. E tamén teño que valorar de forma negativa a situación económica.
Por que?
Neste ano o alcalde liquidou 12,5 millóns de € en operacións que nós non vemos. Por exemplo hai informes de intervención que recomendan usar o remanente para pagar a auga a Vigo. E curiosamente o interventor fai esa recomendación en xullo do ano pasado, e despois se liquida todo o remanente de tesourería. O da auga son 6 millóns, a iso hai que sumarlle os 3 millóns en préstamos, máis o que se lle debe aos comuneiros de Atios. A situación económica do concello é delicada, comeza a ser preocupante, e a nosa valoración negativa da xestión do goberno é moi procedente.
No asunto da auga cres que o Concello poderá evitar pagar eses cartos?
Non, imos ter que pagar.
E no asunto dos comuneiros de Atios?
Hai que pagar tamén. O único que hai que estipular é desde cando.
A sentenza do caso “desbroces” amosa que no Porriño houbo lawfare?
Si. Está claro que o PP do Porriño utilizou os xulgados para desgastar ao goberno. A sentenza descarta totalmente que ninguén se lucrara con eses roces. É un lawfare en toda regra.
Como é a relación co goberno?
Nula. Pero nula de parte da alcaldía cara ao PSOE, e polo que eu sei cara ao BNG tamén.
Aquela xuntanza entre o alcalde, ao pouco de chegar á alcaldía, e a Xunta na que se anunciaron un río de actuacións e proxectos para O Porriño que resultados concretos tivo?
Quedou en bastante menos do que se anunciou: O centro de saúde, o parque da Feira e na rúa Progreso. Tendo en conta a inmensa débeda histórica que hai co Porriño pois parécenos rirse da xente. E quero dicir tamén que o resultado destas dúas últimas obras paréceme moi cuestionable.
En relación ao Lindano que tes que dicir?
O socialistas presentamos no parlamento galego unha proposta para monitorizar os resultados do rastreo e das captacións que van facer para descontaminar. Temos unha preocupación enorme pois se se superasen determinados valores os 7 millóns comprometidos para a descontaminar serían absolutamente insuficientes