Antón é un músico de Soutomaior de 39 anos de idade, que alén de producir música de grande calidade, posúe unha enorme calidade humana. É un tipo solidario, comprometido e fraternal que non dubida en acudir por exemplo a tocar de balde a un concerto en solidariedade co pobo palestino. Por outra parte está tamén implicado en diversas facetas de difusión cultural e de promoción do idioma galego, como por exemplo a actividade de contacontos. Antón é un musico namorado do Ukelele, e nós estamos namorados dos tipos como Antón. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“A Música é un poderoso instrumento de denuncia social”
Como é iso de Antón “Que” se ti es Antón Rei?
Pois iso éche moi galego. Seguro que cando che saúda alguén pola rúa diche algo parecido a “ Marcos Que?”.Pois a min por Soutomaior, tamén me pasa. Tanto me pasa que me quedou o “ Que” como alcume.
En que etapa de produción musical estás agora?
Na pandemia quitei o meu primeiro disco, despois dunha maqueta inicial ,e agora estou sacando temas acerca de cuestións próximas como por exemplo o “Millo verde”, ou coas que estou especialmente sensible como por exemplo Palestina.
Fálanos de aquela primeira maqueta “ Unkeson”?
Pois a verdade foi un pouco como tirarse á piscina. De feito co paso do tempo como que me parece asombroso ter feito iso eu só, pero estou orgulloso, claro.
O teu primeiro Vídeo Clip graváchelo cun teléfono móbil, verdade?
Si, na praia de Moaña.
Ti que estás afeito a tocares en locais pequenos, como valoras a túa experiencia no Millo Verde?
Para min foi algo novo, porque como ben dis eu estaba afeito a tocar en locais pequenos, e foi marabilloso.
Tamén estás presentando o 2º traballo?
Si, chámase “Aínda queda moito”.Como che dixen quiteino na pandemia, quedara un tempo parado e agora estouno a presentar incorporando tamén temas novos.
En que estilo te encadrarías?
Bebo de fontes moi diversas. A min gústame a música. E gústanme moitos estilos.
Como mesturas os diversos estilos?
Un músico, como calquera artista ,ten que sentir o que crea. Eu fago o que sinto, o que me sae do máis profundo e íntimo da miña persoa. O universo musical é como o universo físico: infinito. E trátase de acompasar a mensaxe e os ritmos ao que un sinte e ao que pretende transmitir.
Alén de ser un músico de sentimento, polo que podo interpretar das túas letras tamén o es reivindicativo?
A música, e calquera disciplina artística, non se pode desentender da realidade na que vive. A arte é un poderoso instrumento de denuncia social e eu estou nesa liña, desde logo que si.
Eu concordo contigo,e asemade non podo deixar de darche os parabéns por un acto tan emotivo como a túa actuación de balde no serán de apoio a Palestina.
Moitas grazas, pero os parabéns non se merecen. A calquera persoa, que non perdera por completo a humanidade, lle conmove e indigna a espantosa masacre á que están sometidos os palestinos. A min tamén, desde logo que si. E o meu humilde gran de area para amosar a miña solidariedade cos palestinos e a miña indignación co estado de Israel é o menos que podo achegar.
De aí xorde o teu tema por Palestina?
Este é un conflito co que estou especialmente sensibilizado desde a miña adolescencia. Leva moito tempo, pero se cadra a faísca que acendeu a miña canción foi o actual xenocidio en Gaza. E,ben, malia que algún destacado membro do PP de Redondela parece que ten interese en vincular ás posicións propalestinas con Hamas,trátase da diferencia entre a humanidade e a inhumanidade.
Tes un proxecto de contacontos moi interesante. Explícasnolo?
Ven da miña época de xogador de balonmán. Coñecín a dúas persoas que facían esta actividade, Carlos e Quique, convidáronme un día e entusiasmoume. Calquera actividade que teña como obxectivo espallar o uso do idioma galego entre as nenas e os nenos a min resúltame especialmente emocionante. E o que facemos entre os tres, é moi sinxelo. Eu poño a parte musical. Os meus compañeiros xa levan 15 anos traballando nisto, son uns enormes profesionais e teñen moito mérito.
Esta faceta dáme a oportunidade de vivir da música e eu estou encantado.
Es dos poucos que coñezo eu que poden vivir da música
Ollo. Non dá para grandes alegrías, non te vaias crer, e ten unha inmensa cantidade de traballo detrás.
Por que o Ukelele?
Por casualidade. Eu comecei coa guitarra, pero nunha ocasión agasalláronme un e acabei por me namorar dese instrumento, ata tal punto de que hoxe en día é a base do meu traballo musical.
Ti no escenario estás só. Como levas esa soidade?
Xa estou afeito. Ten cousas malas e boas. Estando só non tes ninguén con quen pelexar.