O ex alcalde, e actual deputado en Madrid, Javier Bas, é desde o pasado 11 de xuño novo presidente do PP de Redondela. Aínda que a día de hoxe non é oficial, é máis que evidente que vai ser el quen encabece a candidatura dos populares nas eleccións do 2023.Nós tivemos unha extensa conversa con el. Velaí vai
“En Redondela só existen dúas opcións: a estabilidade do PP, que xa amosou en 8 anos do que é capaz, ou o pacto de perdedores que, como se viu estes anos,non funciona”
“ Se gaño as eleccións pero non consigo a alcaldía vou seguir como concelleiro da oposición”
Agora xa che podemos chamar presidente do PP de Redondela?
Si, desde o congreso que fixemos o 11 de xuño son o presidente do PP do meu pobo. A data non foi casual pois fixémola un 11 de xuño que foi cando o PP acadou por vez primeira a alcaldía saíndo das urnas
Está ben o matiz aclaratorio pois a primeira vez que o PP local chegou a alcaldía foi a través dunha moción de censura?
Si, daquela foi unha moción de censura. E o 11 de xuño do 2011 foi a primeira vez que acadamos a alcaldía saíndo das urnas
Que tal está a saúde do PP de Redondela?
Eu creo que no noso congreso, nun día de moita calor e a unha hora moi complicada, un sábado ás 12,00 da mañá, puidemos comprobar que a saúde da nosa organización é excelente. A asistencia ao noso congreso e as toneladas de ilusión que desbordaban os militantes e simpatizantes superaron as nosas mellores expectativas. A militancia do PP ve con moita preocupación como Redondela retrocede e hai unha reacción coincidente na necesidade dun cambio
Aquel “ Ante todo Redondela” co que te presentaches ás municipais do 2019 era verdade?
Era total e absolutamente verdade. Redondela antes da nosa vitoria era absolutamente irrelevante de aí o noso primeiro lema no 2011: “Redondela en maiúsculas e sen complexos”.Nós sempre tivemos claro que era necesario pór en valor a Redondela e potenciar as inmensas potencialidades que temos. Iso foi así durante os oito anos do noso goberno. E “Ante Todo Redondela” ía nesa liña
En relación a este tema tema de “ Ante todo Redondela” quero citar á concelleira socialista María Castro que na Peneira de Maio dicía” Eu non sei se Javier Bas no caso e que volva perder as eleccións volverá fuxir de Redondela” que tes que dicir ao respecto?
Dúas cousas. A primeira é obvia. Nós non perdemos as eleccións municipais, nós gañámolas. E hoxe por desgracia goberna unha alcaldesa que si perdeu as eleccións. E por certo o resultado dese desgoberno está a vista. Non son capaces de cumprir o pacto entre as dúas forzas que inicialmente o conformaban e acaban rompendo. Que tipo de confianza pode trasladar á veciñanza esas formas de facer política?.E a segunda cuestión que quero precisar afírmoa coa mesma rotundidade cá primeira: Eu non fuxín de Redondela
Home, Javier, despois de perder a alcaldía renunciaches ao teu posto de concelleiro e fuches nas listas como candidato ao congreso. Se iso non é marchar de Redondela paréceselle moito?
Cando eu perdo a alcaldía o que fixen foi volver ao meu traballo. E a miña intención era compatibilizar a miña actividade laboral co liderado da oposición no concello
E por que non o fixeches?
Por desgrazas non foi posible pois a empresa na que estou traballando non o vía conveniente. Entón dei un paso a un lado coa convicción que a miña vida na primeira liña da política remataba nese momento. Pero deuse unha circunstancia que fixo mudar todo
Cal foi?
Ana Pastor, que lideraba a lista de Pontevedra pasa a presentarse por Madrid entón non queda máis remedio que recompoñela, e a min chámanme para que me integre nesa lista.
Quen te chama?
Alfonso Rueda
Neste caso non tiveches problemas coa empresa?
Falei con eles e si me permitiron presentarme. Saín elixido e nunca se nomeou tanto a Redondela no congreso como se fixo desde que teño a honra de ser deputado. De fuxir de Redondela, nada de nada, sigo traballando por ela desde outro sitio. Estea onde estea Redondela sempre será o primeiro para min.
Cando eras alcalde de Redondela unha das críticas mais recorrentes que recibías referíase ao suposto funcionamento deficiente dos servizos sociais. Como está ese asunto, ao teu xuízo, na actualidade?
Nós restruturamos todo o departamento de servizos sociais, tanto no ámbito do persoal como das instalacións. E nós si avanzamos moitísimo con distintas ordenanzas dirixidas á axuda das persoas máis vulnerables.
Con este goberno unha área tan importante como esa empeorou notablemente ata o punto de que tense dado algún caso de preguntar na porta a algunha usuaria deste servizo a onde se dirixía. Pérdense subvencións, estivemos sen avogado da muller un tempo….A xestión foi claramente para atrás.
Valorada a situación dos servizos sociais, faime unha valoración global da xestión deste goberno?
Este é un goberno pésimo, e dígoo con todas as letras. Non aguantan unha comparativa cos nosos tres primeiros anos de goberno pero nin de lonxe. Fíxate, nese período nós fixemos:A lonxa nova de Cesantes, a estrada da praia, o campo de fútbol do choco, puxemos en valor a praia de Cesantes coa bandeira azul, o museo de Rande, a oficina de rexistro en Chapela, comezamos a tramitación da avenida de Vigo, remodelamos todos os parques infantís, iniciamos a primeira fase do paseo de Maceiras, reformamos o viaduto de Madrid, démoslle un pulo enorme ás nosas festas, aprobamos tres presupostos…….En definitiva non aguantan a máis mínima comparación..
E o peor é que enganan continuamente á veciñanza
Por que?
Están facendo bandeira dos proxectos que nós deixamos encima da mesa como a reforma da praza de Ponteareas, ou o proxecto de Santa Mariña. O PSOE non ten un modelo de Vila para Redondela
E o PP si?
A traxectoria que levou o noso goberno entre os anos 11 e 19 amosa que indubidablemente si. Nós temos claro que é imprescindible dotar das instalacións necesarias para que Redondela progrese. Agora mesmo deberiamos estar traballando xa nun auditorio e nunha biblioteca
Cando das o paso de volver presidir o PP local entendo que vas ser novamente o candidato á alcaldía?
A este respecto quero dicir que o paso non foi doado de dar. A política local esixe dedicación as 24 horas do día, pero asegúroche que estes anos foron moitos os veciños que me paraban e me paran pola rúa pedíndome que dea un paso adiante e trate de axudar a mudar ese desastre de goberno que padece Redondela. O congreso do PP local deume o respaldo e o que a min me corresponde é conformar un equipo gañador, un equipo dos mellores xestores, un equipo que sinta paixón infinita por Redondela. Agora, se os organismos de dirección do PP consideran que eu son a persoa adecuada, eu estou en disposición de encabezar a nosa candidatura nas eleccións do ano que ven.
Sendo realistas, Javier, parece difícil que poidas obter unha maioría suficiente que che permita ser novamente alcalde?
Eu confío en que a maioría dos meus veciños sexan capaces de apreciar que estes pactos de perdedores, como os que conformaron o goberno de Redondela, nunca funcionan e aposten por darnos unha maioría suficiente para termos un goberno estable. En Redondela só existen dúas opcións : ou a estabilidade do PP , que xa amosou en 8 anos o que é capaz de facer, ou o pacto de perdedores que, como che dixen antes, nunca funcionan
Ben, ás veces si funcionan. Vós en Andalucía fixestes un pacto de “perdedores” con C,S, e co apoio para a investidura de VOX,na lexislatura anterior e vaia se vos funcionou¡¡
Eu estou falando da nosa contorna, que é o que eu coñezo. Mira por exemplo o que pasou en outros concellos como O Porriño ou Cangas
Que prevés que acontecerá con AER. Volverase presentar?
Non o sei, eu respectarei, como non podería ser doutro modo,calquera cousa que fagan. Agora ben, tamén quero dicir que o AER da actualidade non ten nada que ver co AER do 2011
Por que?
O AER do ano 2011 era un AER valente e implicado de verdade con Redondela. O de hoxe non. Así a modo de exemplo recordo canto pelexaban comigo para que remunicipalizara servizos e agora non só non fan iso senón que van privatizar o servizo de socorristas e de limpeza de praias
Iso que dis de AER non será porque no 11 e no 15 permitíronche gobernar, pero no 19 non?
Non, de ningún modo. Dígoo pola coherencia que tiñan antes. E tivemos disputas moi importantes non che vaias crer
Aínda que esta conversa tiña por obxecto falar de Redondela non me resisto a rematala sen preguntarche pola vida no congreso?
É moi distinta. A min esixiume un plus de preparación e de adaptación pero a verdade é que estou moi contento. Estou na área económica e na comisión de traballo e a verdade síntome recoñecido polos meus compañeiros.
Dime algo en concreto do teu traballo parlamentar que beneficiase á veciñanza de Redondela?
Nós estamos na oposición. Pero si que hai cousas que levo que afectan directamente a Redondela como por exemplo a reivindicación da baixada de IVE ás perruquerías. Tamén estamos formulando en Madrid a necesidade dunha comisaría de distrito para Redondela, ou a senda do litoral de Rande, ou o proxecto de actuación no viaduto de Madrid, ou a nosa petición dunha actuación integral sobre a enseada de San Simón
A sensación que se traslada é que hai un ambiente excesivamente crispado non?
Entre eles si, entre o PSOE e os seus socios de goberno
E entre vós non?
Non
Home Javier, vós cortásteslle a cabeza ao voso líder?
Ante unha situación torpemente xestionada pola anterior dirección a militancia reclamou un cambio de rumbo e agora temos ao mellor líder
Ao mellor?
Si
Entón o actual presidente da Xunta non é o mellor?
Feijoo é o mellor líder para España e Rueda é o mellor para Galicia
E se Rueda é o mellor líder para Galicia, temos que concluír que cando Feijoo era presidente da Xunta non era o mellor presidente posible?
Nese momento si. Non é cuestionable que na presidencia da Xunta Feijoo fixo unha xestión brillante
A multiplicación da débeda pública de Galicia, resultante da xestión de Feijoo, creo que si fai á súa xestión cando menos cuestionable?
Somos das comunidades autónomas que menos aumentamos a débeda
Foi moi difícil convencer ao PP de Ourense para que aceptara a Rueda?
Descoñézoo
Agora si que acabamos Javier. Situémonos na hipótese de que nas eleccións do 2023 a aritmética resultante faga imposible que sexas alcalde. Que vas facer?
Se eu gaño as eleccións pero non podo ser alcalde, a miña intención é seguir como concelleiro liderando a alternativa ao goberno que puidera xurdir