XVI edición do Festival Alternativo Millo Verde de Redondela

Arte lixo

Os pasados días 1, 2 e 3 de Xuño desenvolveuse a XVI edición do Festival Alternativo Millo Verde. Grupos musicais tan importantes como Rebelión do Inframundo, Eskorzo, Trikosis, Superoito……,e unha morea de actividades para o lecer de todos os segmentos de idade fixeron as delicias das máis de 1.500 persoas que cada día se achegaron a gozar do festival. Este ano houbo unha novidade significativa pois por primeira vez cobrouse entrada. Nós falamos con dúas persoas da organización para coñecermos como foi esta XVI edición.

Lucía Barreiro, Xoan Lago

O Millo é un festival de convivencia que trata de darlle cabida a calquera espectro de público”

Este ano cobramos entrada por primeira vez. Por que?

Xa levabamos anos debatendo sobre se debiamos cobrala ou non. Pero a casuística do ano anterior , cun aforo enorme que non puidemos controlar e cunha evidente escaseza de medios, fixo que tomaramos conciencia da necesidade de cobrala.

Cantas entradas puxestes á venda este ano?

1.500 por día. E esgotáronse. A venda de entradas tanto para a seguridade, como para a loxística como para as cuestións sanitarias do noso festival era necesaria. O público ten que gozar do festival e estar cómodo e pensamos que o conseguimos.

Ese vai ser o aforo das futuras edicións?

Creo que poderemos amplialo un pouco máis. Teremos que valoralo.

De onde son os grupos cos que contamos este ano?

Galegos, Brasileiros,Arxentina, Holanda, De España……

Unha das características do Millo é que os grupos que veñen se integran moi rápido no espírito do festival, verdade?

Absolutamente e é algo que nos fai sentir moi orgullosos.

E o do público foi alucinante, pois había xente de moitas partes diferentes. Como conseguides esa penetración tan elevada?

Supoño que será o boca a boca. Nós xa temos un percorrido de certa relevancia, esta xa é a edición XVI. Por aquí ten pasado moita xente e vaino espallando polas súas lugares de orixe. A nós hai xente que se nos achega no festival e nos comenta que estaban agardando polas datas do Millo para vir a Redondela.

Vaia orgullo

E tanto.

Malia que desde os sectores máis rancios da sociedade ás veces traten de denigrar o voso traballo tachándovos pouco menos que de “ perroflautas”, o que observo é que o festival ten un matiz familiar tamén, pois familias completas cos seus fillos e fillas son cada vez máis numerosas no público. É así?

Si, é así. Nós tratamos de ofrecer un abano amplo de actuacións e de actividades que fagan o noso festival tamén atractivo para a xente máis cativa. O Millo é un festival de 3 días de convivencia que trata de darlle cabida a calquera espectro de público. Podes vir só, coa familia, coa parella, cos colegas….

Como valorades a edición deste ano?

Pensamos que foi espectacular. A calidade dos grupos, o espazo, a comodidade coa que traballamos e a receptividade dos asistentes fixeron que esta fora unha edición marabillosa. Creo que todos pensamos que a novidade de cobrar entrada foi positiva para o desenvolvemento do festival.

A sociedade redondelá está involucrada co Millo Verde?

En liñas xerais si. E nós estamos moi agradecidos desde logo. Fíxate que arredor de 50 voluntarios e voluntarias colaboraron este ano no desenvolvemento do festival. Se non fora polo voluntariado o festival sería moi difícil de facer.

Este ano tivemos unha ambulancia, e máis seguridade para cubrir calquera posible incidente?

Si. Afortunadamente non fixo falta, pero a nós danos tranquilidade ante a posibilidade de calquera contratempo.

E tamén unhas brigadas de limpeza?

Si. Como sempre o noso compromiso co coidado do espazo no que facemos o festival é absoluto. Nese aspecto nada cambiou, sempre fomos moi respectuosos.

Estamos traballando xa para a seguinte edición?

De momento imos gozar da resaca desta edición e valorar as opinións de todas e de todos para aprender e en nada xa poñernos a pensar na seguinte. Agardemos que o Millo Verde poida durar moitos anos máis co apoio de toda a sociedade redondelá. Sería moi importante ir incorporando xente nova á organización, porque o relevo xeracional é esencial para podermos conservar o festival. Agardo que as administracións sigan apoiando ao festival e non haxa ningún paso atrás a este respecto.