Entre o 11 e o 17 deste mes mes de maio os monicreques asolagan por vixésimo sétima vez as rúas de Redondela de luz, cor, imaxinación e fantasía nunha marea de espectáculos teatrais que converten á nosa vila na capital mundial do monicreque. E nós, un ano máis e todos os anos de vida que nos queden, conversamos con Luis Crespo, o director deste marabilloso festival para coñecer as características máis salientables da actual edición.
Luis Crespo
Director do Festival
“ O festival é un logro colectivo”
Xa estamos preto das 3 décadas Luis
Pois si, xa son 27 edicións. Todo comezou co soño de Juanjo Amoedo, que por desgraza non o puido ver feito realidade. A partir de aí ,unha serie de persoas e colectivos decidiron levar a cabo o primeiro festival na honra deste veciño e amigo.
Canto tempo levas ti dirixindo o festival?
Levo 17 anos. Pero quero deixar claro que como todas as creacións vitais que realmente pagan a pena , o festival é un logro colectivo. Xorde da suma de vontades que deciden colaborar. Ollo; colaborar, non competir, pois a colaboración é a base de calquera organización social humana xusta e decente.
Nada disto podería ser posible sen o excelente traballo de persoas como: Pastor, Alfredo Vidal, María José Migueles, Luis Borines….e moitas máis que sería imposible nomear a todas, pero ás que si quero expresar o meu recoñecemento desde o máis profundo de min.
Fálame do monicreque deste ano
Ben, é unha mona que non ten nome e que trata de simbolizar o encontro co outro. A nosa intención é que nos represente a todas e a todos dunha maneira global.
Cantos países e compañías ides traer a Redondela esta edición?
Son oito compañías internacionais, oito españolas e dez galegas. En total virán 26 compañías.
Veñen de Portugal, Uruguai, Francia…Pero o noso obxectivo non é internacionalizar o festival de por si, o que buscamos é que cada grupo de artistas, veña de onde veña, teña propostas de calidade e que poidan ser atractivas para as e os espectadores.
Que características máis significativas ten o certame deste ano?
Nós, como sempre, procuramos ofrecer unha proposta de calidade, ampla e variada, para que sexa o público quen escolla a que espectáculo quere asistir.
Como cada ano faremos tamén campaña escolar, sala e rúa.
Teremos 10 escenarios na rúa de carácter gratuíto, algo que é especial do noso festival.
Teredes unha exposición retrospectiva, verdade?
Si no multiusos, “As marionetas de Cucas”, unha compañía histórica. Amosaremos un pouco de todo o que eles foron acumulando ao longo de todos estes anos.
Tamén quixera salientar que no Quiosco “ Cocó” están convidadas 5 marionetas que puideron saír de Gaza grazas a unha ONG. Estas marionetas son testemuñas da barbarie, e vannos contar unha pequena historia nun minuto.
No que respecta a “ Redondela mira para Ela” que nos dis?
Este é un novo certame no que convidamos á veciñanza a que teña un escaparate e que desenvolva unha pequena perfomance na que o monicreque sexa o protagonista.
Esta é unha nova proposta que pretende implicar á sociedade. Temos expectativas e ilusión en que funcione ben.
A sala segue a ser un dos motores do festival?
Si, indiscutiblemente si. Haberá propostas moi interesantes e de enorme calidade como a dunha compañía uruguaia que reflexiona sobre a morte, ou unha italiana que nos amosarán un precioso espectáculo que entronca cos monicreques corporais e onde as súas pernas e os seus pés son os monicreques
Cres que se pode dicir que os días do festival Redondela vai ser a capital mundial do monicreque?
Vai ser unha explosión do universo do monicreque que nos fai moi felices, e que agardemos que poida facer tamén felices ás persoas que nos distingan coa súa presenza.
Sobre a Ruada tamén haberá que dicir algo
Desde logo. Non me quero esquecer da Ruada que como sabes se refire ao teatro comunitario. A saída é desde a fonte do Mouro. Convido a todos os lectores e lectoras a que nos acompañen e participen desta proposta.
Se hai choiva?
Se houbese choiva o espectáculo debe de continuar. Iso a nós non nos para. Hai toldos para prever esa posibilidade.
Son moitas as compañías que veñen e non podemos mencionar a cada unha,non sería posible,e se falamos dunhas si e doutras non, sería inxusto. Asemade, coñecéndote estou seguro de que todas son extraordinarias. Pero si quería particularizar un pouco nunha que me chama a atención: Deabru Beltzak
Son todas moi boas Marcos, si que é verdade. No caso desa pola que me preguntas é unha compañía vasca de renome internacional que veñen cun precioso espectáculo de pirotecnia dun nivel técnico moi elevado.
Canto tempo vos leva organizar o festival?
Nós comezamos en setembro do ano pasado. Organizar algo como isto leva moito tempo. Digamos que entre setembro e xaneiro facemos o gordo: Os contratos das compañías e os programas. E entre xaneiro e maio traballamos nos matices e detalles para que todo quede perfecto.
O tema do financiamento segue a ser un problema?
Imos ver: Se as axudas chegan a posteriori claro que é un problema, porque como lles pagamos ás compañías e provedores?.Pero este ano parece que por fin nos fixeron caso e por primeira vez na historia convocaron as subvencións en decembro para o ano posterior. Así é moito mellor porque os últimos anos,convocando en abril como convocaban, íamos moi a cegas.
As tres administracións melloraron neste asunto, a municipal a provincial e a autonómica, e eu quero aproveitar para expresar o meu agradecemento ás tres.
Hai moitos máis festivais de monicreques no país?
Non, por desgraza só hai tres. Alén do noso hai un en Rianxo e outro en Santiago. Semella que este ano vai nacer outro en Ourense, algo do que me alegro enormemente.
Grazas Luis,vémonos logo no festival
Estarei encantado de vervos Marcos. O noso festival ofrece unha experiencia de imaxinación e fantasía que nos seduce e ensina as partes máis bonitas da vida: a paz, a lucidez, a fantasía o respecto, o amor, a intelixencia e a ironía.
Os que xa viñeron seguro que van volver e os que aínda non nos coñecen se nos dan unha oportunidade seguro que volverán tamén.