Volvemos falar cos responsables políticos de Redondela ante a complicada situación política que vive a vila. Facémolo desta volta co ex alcalde popular Javier Bas.
“Redondela vive unha situación caótica que ten como máxima culpable a Digna Rivas, e da que AER e o BNG son tamén responsables”
Faime unha valoración sintética da situación política que vive Redondela nestes momentos?
Estamos a ver como o goberno saído do ano 23 é un proxecto fracasado. O único nexo común que tiñan os 3 partidos responsables do goberno que padece Redondela era que non goberne o partido popular. Non hai nada dirixido ao ben común da veciñanza de Redondela, e cando digo nada quero dicir nada en absoluto. O pacto que fixo alcaldesa a Digna Rivas só estaba motivado por intereses persoais, intereses partidistas e pola vontade de impedir que o partido máis votado en Redondela puidera gobernar.
O fracaso estaba cantado. E por desgraza quen o está a padecer agora é o conxunto da veciñanza de Redondela.
Que saída pode ter esta situación?
A responsable da situación é Digna Rivas. Quero recordar que nós gobernamos entre o 11 e o 19 sempre en minoría. E nunha situación aritmética minoritaria soubemos manter a estabilidade, e incluso levar a Redondela a niveis próximos á excelencia.
En que campos?
Pois por citar algún exemplo:
-Saneamos as contas
-O conservatorio acadara o recoñecemento escolar da UNESCO
-Redondela foi cidade amiga da infancia
– Fomos líderes galegos en transparencia. En Galicia hai máis de 300 Concellos e no noso mandato Redondela foi o número 1 en transparencia
….
Entra a actual alcaldesa, comeza a comportarse de maneira autoritaria e caótica e todo se acaba. E isto non é que o diga eu, dino os seus propios socios de goberno.
Que din os socios de goberno: que a alcaldesa se comporta de maneira caótica e autoritaria?
Si. O caos non é de agora, xa ven do principio .Recorda que no primeiro mandato AER chega a deixar o goberno.
A alcaldesa é a responsable desta situación porque pola súa incapacidade política e o seu talante autoritario, non é capaz de artellar maiorías estables, cando ten a posibilidade aritmética de facelo.
É a única responsable?
Non. É a máxima responsable, pero non a única responsable. AER e o BNG teñen tamén un elevado nivel de responsabilidade. AER ten a máxima responsabilidade porque incumpriu o seu compromiso de campaña de que non ía pactar con Digna Rivas.
Ben, tamén dixeron que non pactarían con Javier Bas
Ben, vale, pois incumpriron o 50% do seu compromiso de campaña, pero iso non lles exime de responsabilidade. En canto ao BNG teñen unha actitude irresponsable. Non queren formar parte do goberno, algo inexplicable e que está nas antípodas do sentido común, non apoian ao goberno e tampouco facilitan un goberno alternativo.
A actitude irresponsable do BNG, igual que á do “can do hortelano” que nin come nin deixa comer, facilita que Redondela estea na actual situación de caos político e económico, e en palabras do concelleiro de AER esteamos a vivir un goberno zombi.
E o PP non ten ningunha responsabilidade?
Nós fomos vetados desde o primeiro momento, desde o inicio. Nin sequera nos permitiron participar dos acordos do pleno de investidura. Malia todo nós propuxemos unha saída
En que consistiría?
O problema do BNG, entendemos nós, non é co PSOE é con Digna Rivas. Parece ser que a eles non os tiñan en conta para a toma de decisións. A nosa alternativa era aprobar os orzamentos se Digna Rivas dimitira e convocaba outro pleno de investidura para que o BNG e AER decidan se queren apoiar ou non.
O voceiro de AER apelou á vosa responsabilidade
Ten graza si. Nós somos 10, fáltanos un voto para poder cambiar as cousas. O voceiro de AER teno moi fácil: 10+1=11.E 11 é a maioría do pleno de Redondela.
Digna Rivas manifestou que ten intención de esgotar o mandato. Pero non á posible estar así dous anos, cun goberno sen posibilidade algunha de aprobar nada e coa tensión e o conflito instalados permanentemente no Concello. Teredes que pórvos de acordo dalgún modo para buscar algunha saída?
A única saída posible é a responsabilidade colectiva do PSOE, BNG e AER, que se poñan de acordo dunha vez, que deixen de mirar o interese partidista dunha vez, e que comecen a traballar polo interese colectivo de Redondela dunha vez.
Nós formulamos unha saída, a alcaldesa non a aceptou. Teñen que ser eles agora .E teñen que ser os tres, non vale nin pórse de perfil nin mirar para outro lado.
E se eles non se poñen de acordo?
Nós estamos aquí.
Para que?
Para un cambio de goberno.
Con quen?
Eu non estou pechado a nada, e estou disposto a escoitar todo. Ollo, iso non quere dicir que estea disposto a tragar con todo, que non o estou nin de lonxe, pero si estou disposto a escoitar todo. E se o que se nos formula é estabilidade e beneficio para o conxunto de Redondela, escoitarémolo con toda a predisposición.
Contemplas a hipótese de que poidamos estar así dous anos?
Claramente si. E incluso contemplo a posibilidade de que vaia a peor.
Ben, xa coñecemos o teu punto de vista sobre a situación política. Agora dáme a túa visión sobre como vai a xestión neste ecuador do mandato?
A xestión é desastrosa. As parroquias están abandonadas, a seguridade está moi mal xestionada. A situación económica é a que é: por primeira vez na historia foron intervidos os pagos por parte da administración central, e fomos obrigados a realizar un plan de axuste. A taxa do lixo sobe de maneira escandalosa para pagar as facturas froito da súa incompetencia. Aos veciños nin se lles recibe nin se lles atende…
En definitiva ela perdeu a confianza do pleno, dos seus compañeiros, do seu partido, dos traballadores do Concello, dos maiores de Redondela…. que máis quere para darse de conta de que ela é o problema….
Que opinas da polémica das peonalizacións?
Que é outro exemplo máis do carácter autoritario desta alcaldesa. Un asunto deste calibre non se pode abordar sen ter en conta á veciñanza.
A expulsión da concelleira Jessica García do pleno, pareceuche xusta o inxusta?
Esa expulsión, despois das tres chamadas á orde regulamentarias, xorde nun pleno no que o ambiente é irrespirable, no que incluso se chegou a aludir de maneira inaceptable a cuestións persoais da señora García e de outro concelleiro do BNG. E a responsable desta situación non é outra que a alcaldesa pois non sabe dirixir un pleno.
Rematamos. Antes dicíasme que o PP non ten responsabilidade na actual situación. Tampouco a tendes no feito de que o concelleiro Alberto Álvarez estea levando varias áreas sen cobrar soldo algún?
Como antes che dixen:Nós fomos vetados no pleno de investidura, polo tanto votamos todo en contra. E agora que teñen un problema cun salario recorren a nós¡¡¡.Aínda así non dixemos que non,puxemos dúas condicións. Eliminar o persoal de confianza do BNG, que aceptaron, e baixar a taxa de lixo, que non aceptaron. Polo tanto que non nos atribúan unha responsabilidade que nós non temos. Nós non puxemos a esta persoa no goberno. O problema creárono eles, e eles son os que o teñen que resolver.
