No ano 1983 nacía a compañía Tanxarina. E hoxe, catro décadas despois, aínda seguen a alumear aos espectadores de claridade, luz, curiosidade e tenrura cos seus espectáculos. Nunha data tan especial para esta compañía , tan especial para Redondela, non podía faltar A Nova Peneira e alí estivemos conversando cos nosos amigos
Andrés Giráldez, Eduardo Rodríguez e Miguel Borines
“ A nosa aprendizaxe naceu nas táboas”
Aquí estades 3 pero no voso funcionamento diario sodes 4 persoas , verdade?
Si, nós e Carmen na oficina.
Pero cando producides espectáculos a familia de Tanxarina medra?
Sii. Pablo Giráldez, Pastor, Carlos Alonso, Evaristo Calvo…..É dicir o noso núcleo é de catro persoas pero a nosa familia é máis ampla.
Malia que esta entrevista publícase nos primeiros días do 2024 facémola nos últimos do 2023, ano especial para vós pois seica estades de aniversario?
Pois si, nacemos en 1983, cumprimos xa que logo 4 décadas de vida.
Imaxino que o voso nacemento non foi no ano anterior para non restarlle importancia nin protagonismo ao mundial de fútbol e a “ naranjito”?
Ha ha ha ha ha…Nós estamos alleos a iso. Para nós estarmos falando, Marcos, do noso 40 aniversario é fermoso, fermoso como un cálido solpor nas chairas da terra chá ou como
un abrente luminoso do mar de Redondela, pois non todas as compañías poden celebrar tantos anos de vida.
Como foron os inicios?
Unha aventura. Era todo moi precario. Non existían suficientes espazos nos que poder representar, nin escolas de teatro nin institucións que o defenderan.
Sentides que vós participastes en ter dignificado a vosa profesión?
Nós estanos orgullosos de ter participado en que o teatro, neste caso un teatro de bonecos, tivese o lugar que merece.
Cando comezastes erades conscientes de que esta ía ser a vosa profesión?
Non, desde logo que non. Malia que nos inicios todo era moi precario tamén era moi alegre,festivo, fresco e espontáneo.
Nestes anos máis de 20 espectáculos de creación propia. A cal deles lle tedes máis cariño?
A todos por igual.
E non hai ningún que vós chegara un pouco máis fondo no corazón?
Pois non sei, se cadra Titiricircus, do ano 1987, porque nos deu de comer bastante tempo. Ten máis de 1.500 representacións e aínda está en carteleira.
Os monicreques e os escenarios facédelos vós?
Si, de feito unha das partes máis lúdicas do noso traballo é a parte de taller. Nós temos características propias como compañía, e unha delas é que nos gusta cambiar de técnica en cada espectáculo.
Outra é que a vós gústavos integrarvos a vós mesmos no espectáculo?
Desde o principio de todo. Xa desde os noso inicios había pola nosa parte unha actitude de querer saír e participar como actores. De feito unha das nosas principais características consiste en coidar ese aspecto. E esa é a razón pola que comezamos a ser chamados como actores por distintas compañías teatrais.
Como aprendestes a actuar?
Nós non temos formación .Aprendemos a base de experiencia. Pero temos confianza. Consideramos que a base de ter traballado tanto e de sermos dirixidos por profesionais moi solventes acadamos a tranquilidade necesaria para podermos afrontar os proxectos que se nos presentan. A nosa aprendizaxe naceu nas táboas.
Saír do taller, saírdes da vosa zona ce confort, fíxovos medrar?
Si, radicalmente si.
Que vos gusta máis o teatro ou o audiovisual?
Sentímonos cómodos en ambos mundos que son perfectamente compatibles pero moi diferentes desde logo.
Son difíciles de compaxinar?
Ás veces si, pero sempre lle damos prioridade á axenda de Tanxarina.
Tendo en conta o complicadas que son as relacións persoais resulta salientable que 3 persoas sigades xuntas despois de 40 anos. Como o conseguides?
O segredo está en que nos gusta o que facemos, gústanos con quen o facemos, e saír a facer de cando en vez cousas por fóra tamén é san e fornece de solidez as relacións persoais.
As vosas obras alén da finalidade lúdica, tamén procuran fomentar o espírito crítico no espectador?
Si,claro que si. Todos os nosos traballos teñen distintas capas de comprensión por iso nos gusta dicir que creamos espectáculos para público familiar.
Canto tempo tardades desde que ideades un espectáculo ata que o levades ao escenario?
É moi variable. Podemos estar falando dunha media aproximada de arredor de 5 meses, pero insisto é que iso depende de moitas variables.
Como por exemplo?
O doado ou difícil que sexa atopar a documentación necesaria para dotar ao espectáculo de rigor e de solidez.
Podemos destacar algún episodio destes 40 anos como especialmente bonito?
Houbo moitos. Se cadra, por salientar algún, cando coñecemos a un titiriteiro do Salvador que nos abriu as portas de América. A primeira vez que cruzamos o charco foi alucinante, foi unha explosión emocional persoal e profesional en grado superlativo.
Os proxectos para o futuro?
Pois e principio estamos a construír unha réplica dunha das nosas primeiras marionetas, regalo da nosa amiga Esther, unha titiriteira catalá, para 40 anos despois devolverlle o agasallo.
Que bonito
Pensamos que lle vai facer ilusión, si.
E que máis proxectos?
O proxecto máis potente que temos neste momento é unha coprodución actoral con varazim teatro, unha compañía de Póvoa de Varzim. E aínda que son proxectos individuais por primeira vez imos traballar os tres na mesma película. Vaise chamar San Simón dirixida por Miguel Ángel Salgado,e pola súa temática, referente aos presos, ilusiónanos especialmente.