Luís Crespo director do” Festival de títeres” de Redondela

Festival de Titeres de Redondela
Marcos Santos

Entre os próximos 1 e 5 de setembro a nosa vila vivirá a XXII edición do seu festival de monicreques. E un ano máis A Nova Peneira non podía faltar á súa cita con eles. Conversamos con Luís, o seu director, para que nos conte como vai este segundo , e agardemos que derradeiro, festival pandémico

O festival está feito con amor para que sexa unha festa interxeracional arredor do mundo do monicreque

Como se presenta este ano o festival Luis?

Ben, a verdade é que un reto un ano máis no medio das circunstancias de pandemia que vive a humanidade. Pero para nós facer de Redondela o epicentro do universo do monicreque é novamente non só apaixonante senón case unha obriga emocional. Para nós os espectadores son case como a nosa familia, e se cadra isto é a cerna do noso festival

Xa son 22 anos ininterrompidos, non paramos nin na pandemia?

Efectivamente aínda que non che vou negar que o ano pasado asumimos moitos riscos. En Galiza hai 313 concellos e son menos de 10 os que organizan festivais de artes escénicas. Creo que fala ben claro de que a dificultade deste tipo de eventos é evidente

Que diferencias hai entre a edición do ano pasado e a deste?

O ano pasado foi moito máis restritivo. Este ano queremos recuperar o que significan as rúas para o noso mundo pero con todas as garantías sanitarias desde logo. Haberá moitos pases, pero só de media hora. Sempre itinerantes e cada un cun percorrido diferente

Esa formulación vai ser moi cómoda para o espectador ?

Esa é a nosa idea; Axudar e animar a que a xente veña tranquilamente a Redondela pois vaille ser moi doado gozar dalgunha das nosas sesións.

Seguimos co espírito internacional que caracteriza ao festival?

Si claro, malia que as restricións sanitarias non o poñen nada fácil pero procuramos mantelo. De feito temos unha compañía de Rusia, dúas de Francia……

Caramba e como imos entender aos rusos?

Eles traen un espectáculo de marionetas de fío e un espectáculo musical. O seu espectáculo presenta un percorrido polo mundo e cada canción reflicte algunha realidade característica do país ao que se refire. Non falan, pero é algo tan trepidante que impresiona de verdade

Unha das referencias imprescindibles do festival son as camisolas. Este ano Pastor, o autor, creo que fixo un traballo especialmente brillante?

Desde logo que si. E teño que dicir que o festival nunca poderá pagarlle a Pastor a súa xenerosa e brillante labor

Cando poderemos comezar a mercar as camisolas ?

A partir do día 18 teremos tres despachos de billetes no multiusos para podermos adquirir tanto as camisolas como as entradas

Que tal co novo goberno municipal?

Ben, creo que o festival ten uns sinais de identidade moi claros e que están a salvo de calquera conxuntura política. Sexa cal sexa a cor política que goberne en cada momento nós sentímonos avalados polo concello

Nos 22 anos da súa vida o festival correu perigo de desaparición nalgún momento?

Imos ver, como antes che dixen facer un festival de artes escénicas é moi difícil e esixe traballar na súa organización desde moito tempo antes, como mínimo 6 meses antes, de feito nós xa temos pechada unha compañía de Canadá para o festival 2.022.E esa forma de traballar que temos nós, pois estás permanentemente metido no festival, case blinda a edición posterior. O que salva ao festival é a previsión

Cantas propostas recibides de compañías que se ofrecen a viren ao festival?

De todo o mundo na época pre pandemia máis de 500 propostas cada ano. Agora coa covid un pouco menos

No voso mundo queda espazo para a innovación?

Abofé que si. Sobre todo que se refire ao uso das novas tecnoloxías

O ano pasado, alén do festival fixestes unha exposición de artistas locais. Este ano ídela ter?

Non, este ano temos outra cousa. Temos unha instalación inspirada nas antigas máquinas de marcianiños dos bares , que estará na porta do Concello. Esas máquinas están transformadas en teatros tradicionais que representarán unha especie de xogo entre dous monecos. Remato aproveitando a oportunidade das vosas páxinas para convidar a todas a todos os vosos lectores que nos fagan compañía, pois descubrirán unha forma apaixonante de gozar do seu lecer.O festival está feito con todo o amor posible para que sexa unha festa inter xeracional arredor do mundo do monicreque