Di unha famosa canción que 20 anos non son nada, pero esa canción é unha solemne mentira. Vinte anos é moito tempo, e en dúas décadas pasan un feixe de cousas. O Millo verde aínda non ten 20, pero está aí petando nas portas. Este ano celebra a súa XIX edición. E se un festival musical popular como este, leva case dúas décadas de vida é porque indiscutiblemente as persoas que o organizan fan moi ben as cousas. Un ano máis ANP achegouse a falar con dúas persoas da organización, Lucía e Andrés, para coñecer o máis salientable da edición do Millo 2026.
Lucía Ramonet e Andrés Edreira.
“Nós non somos un macrofestival que busque o lucro económico como finalidade última. Somos un festival feito con amor para que a xente que asista goce da música de maneira tranquila e cómoda”
Cando celebramos a edición deste ano?
Será o 21, 22 e 23 deste mes de maio, como todos estes anos na área recreativa da praia de Cesantes.
A política de prezos é igual que o ano pasado?
Si, o xoves e de balde, e o venres e sábado cobramos entrada.
Como van as vendas de entradas?
Van moi ben. Pódese mercar tamén no despacho os días do festival, pero dese modo encarécese algo polo que nós recomendamos mercalas na páxina web.
Teremos as actividades habituais?
Si, por suposto que si: Postos de artesanía, obradoiros de percusión, danza étnica, actividades para nenos e nenas ….e como non o noso súper” escalabirras”
Algunha novidade?
Este ano teremos un campionato de voleibol praia, un campionato de moito nivel con xente moi preparada que aconsellamos non perderse pois estamos seguros de que vai ser un éxito. E tamén teremos un posto informativo sobre a situación de Palestina.
Quen imparte o obradoiro de percusión?
Sara, a directora de “Bloquiño Aperta”.
A que hora comezades o xoves, e en liñas xerais dinos cal é o programa?
Comezaremos sobre ás 21:00, con tres grupos musicais. Son grupos con estilos moi diferentes para que haxa música para todos os gustos. A primeira sempre é unha xornada un pouco máis intimista coa xente de Redondela
O venres empezamos a partir das 18:00 h. Ese día é o que toca o grupo gañador do concurso de maquetas. Despois das 21:30 xa nos metemos con conxuntos tanto de fóra de Galicia como de fóra de España.
Temos diversidade de grupos e variedade de estilos: Rock, reggae,folk, cumbia..
E o sábado o día grande
Pois si, comezamos con sesión vermú. Esta sesión si que é de balde, pero a partir das 18:00 h empezamos coa programación para as persoas que teñen entrada. Ese día teremos distintas actividades como o obradoiro de Arte Lixo, a danza étnica ou o campionato de voleibol praia que antes mencionamos.
Haberá grupos de enorme calidade como por exemplo:”Rebelión do inframundo” , “Carmen Xia”, “ Esmorgadas”…..
Este ano haberá punto lila?
Si, claro. Xa levamos arredor de seis anos con el e de ningún modo o imos deixar. Nestes anos nunca tivemos ningún problema de agresións machistas, pero somos conscientes de que esa é unha terrible realidade que está á orde do día, e entendemos que é necesario ter un lugar ao que acudir por se se necesita.
A música galega sempre presente?
Sempre, e procuramos que cada vez o estea máis. Aínda que ás veces non resulta doado , nós intentamos que un mínimo do 50% do cartel estea composto por bandas galegas.
En calquera caso nós somos un festival de música alternativa e dámos cancha tamén a grupos de fóra do país. Igualmente é importante para nós a presenza de mulleres nas bandas que participen no Millo.
Seguimos coas pulseiras recarga?
Si, os asistentes poderán con cartos esa pulseira e así pagar o que consuman dentro. Se por calquera motivo sobra algo, os días posteriores ao festival devólvese.
Que expectativas tedes para a presente edición?
En primeiro lugar que teñamos sorte co tempo e que por unha vez non nos chova. Logo agardamos que non haxa ningún problema e o público goce con toda a intensidade do festival pero de maneira civilizada e respectuosa co resto de persoas e coa contorna. E por último esperamos que a asistencia estea na liña habitual, ou incluso mellor, que veña moitísima xente a desfrutar deste festival que preparamos con moito esforzo e traballo, pero con toda a ilusión do mundo en ofrecer un produto de calidade que faga felices a todas as persoas que se acheguen a acompañarnos.
Tendo en conta o espazo tendes un número máximo de asistentes?
Para que sexa un festival cómodo, e os servizos que damos non se saturen, a asistencia ideal está en torno ás 1.500 persoas. Nós non somos un macro festival que busque o lucro económico a toda costa como finalidade última. Nós facemos un festival con cariño e amor para que a xente estea cómoda e goce do seu contido.
Despois de tantos anos seguides conservando a ilusión?
Absolutamente si. Cando ves o resultado do traballo, a cantidade do público que se achega, os parabéns recibidos… a ilusión renóvase automaticamente ano a ano.
O perfil habitual do público?
É de todo tipo. Vén xente moi nova, familias con crianzas e tamén persoas máis maiores.
A loxística como é?
Procuramos que sexa mellor cada ano. Esta edición pomos máis baños e teremos tamén duchas que nos cede o club de remo de Cesantes,e igualmente haberá espazos para caravanas e furgonetas. Nós tomamos boa nota das eivas do ano anterior e entendemos que este ano puxemos todo para poder superalas.
Ben, vémonos logo no festival
Grazas Marcos, estarmos encantados de verte a ti, e calquera lector ou lectora da Peneira que nos distinga coa súa compañía. O Millo é un espazo de lecer popular moi agradable e nós agradecemos inmensamente a todas as persoas que nos dan unha oportunidade e confían en nós. O Millo é para elas e nada sería sen elas.
Unha pregunta incómoda para despedirnos: Festival Sin Sal en San Simón , si ou non?
Lucía: Eu creo que non. Penso que hai máis espazos para facelo sen entrar en colisión coa memoria das persoas que sufriron represión alí.
Andrés:Eu non penso o mesmo. Eu creo que o Sin Sal trata con moito respecto ao espazo da Illa de San Simón, e entendo que o festival non ofende de ningún modo ás persoas que sufriron a brutalidade da represión franquista.