Eduardo Rodríguez: “TATÁN”

EDUARDO RODRÍGUEZ: “TATÁN

Un xornal como A Nova Peneira xa inserido na psique colectiva do pobo de Redondela, tan importante para Nós e tan relevante para a miña conformación como ser humano, non podería deixar de Falar con Tatán. El é un artista en sentido estrito. Fixo cinema, teatro, música poesía…Pero se tiveramos que salientar unha faceta, das múltiples que practica, creo que é ser o pai, de Tanxarina, unha compañía de monicreques de enorme prestixio , gañado con talento e esforzo, no noso país.

ESTAMOS A PREPARAR UN NOVO ESPECTACULO DE MONICREQUES QUE NA NOSA LIÑA FALARÁ DA DIVERSIDADE E DA SOLIDARIEDADE”

De onde ven o teu alcume?

É unha cuestión familiar, que nin sequera eu teño claro a súa procedencia. Creo que foi un alcume agarimoso que me puxo unha familia de farmacéuticos de Redondela cos que tiñamos moita relación

E xa che quedou para sempre?

Pois si, incluso no cinema cando fixen “A lingua das bolboretas” aparezo como Tatán

Desde o 1.983, con Tanxarina, non?

Si, eu aprendín a construír marionetas de fío en Barcelona a principios da década dos 80 co meu profesor Harry Tozer. Comigo , no curso estaba Marga

Con ela formaches Tanxarina?

Si, con ela, e tamén con Esther Cabacés e Elías á volta de Barcelona no ano que antes mencionaches

A composición de agora non é a mesma que a inicial?

Non claro, os anos van pasando e as cousas van mudando. Agora estamos Andrés Giráldez, Miguel Borines e máis eu

Ti es un artista poliédrico. Fas teatro, TV, monicreques, música…

Si. A partir da película de Cuerda que antes che dixen abriuse unha xanela para nós, pois diversificamos a nosa actividade

A policromía artística non é un problema para Tanxarina?

Procuramos sempre respectar o noso calendario, o que, creo eu, nos permitiu manternos como compañía

Con actuacións en zonas xeográficas moi variadas por certo

Pois si, xa desde os nosos inicios actuamos en moitos festivais: Catalunya, Portugal…

Creo que Portugal é moi especial para vós?

Abofé, cunha compañía portuguesa ”Arte imaxe” viaxamos a Austria e Bélxica, e fixemos unha xira europea que durou varias semanas. Para nós foi o inicio dunha xira internacional moi importante enormemente enriquecedora

Os monecos empregados son moi variados?

Si, temos marionetas de fío, marionetas de mesa, luvas , sombras chinesas….procuramos ter unha ampla versatilidade. E sobre todo procuramos mesturar o traballo coral co de manipulación de monecos

Poderías cuantificar o número de espectáculos en todos estes anos?

Creo que son 16.Nós non somos unha compañía ao uso, non producimos cada ano, aproximadamente facémolo cada dous anos e medio

Lembras cal foi o primeiro?

Si:”Rosalín no país do sol”, un espectáculo de marionetas de fío

Reciclades os monecos para espectáculos diversos?

Non é o normal, pero nalgún caso si o fixemos

Cóntanos algo da túa faceta como cantante?

A min a música sempre me interesou moitísimo, escribo letras de cancións, musico poemas. E xa fai uns aniños constituímos un grupo que se chamaba “Corasóns”. A min sempre me interesou a orixinalidade, e alí relaciónome con xente moi importante do mundo da música e animáronme a levar adiante a miña poética musical, e así quitei o meu disco “Tatán chapeau”, grabado con Pablo Vidal en Bamio, con 12 cancións escritas por min e algunha máis que me regalaron Carlos Blanco e Magín Blanco. Sen dúbida teño moito que agradecerlle a Uxía e a todas as persoas que colaboraron na súa realización. Fixemos un traballo moi digno, que incluso chegou á final dos premios Martín Codax

Haberá un segundo disco?

Gustaríame moito gravalo con Alberto Vilas

Neste disco tes unha canción moi importante para ti verdade?

Si, Blanca. Escrita desde o máis profundo de min para a miña parella, a miña compañeira de viaxe, de penas e de alegrías. É unha canción importantísima para min. Cántoa con Uxía que é unha das mellores amigas da miña parella

Blanca fai algún coro non?

Si, ela canta moi ben

Ti tes saído n TVG, que opinas do problema das regueifeiras contra as que quixeron exercer represalias por denunciar a manipulación desa canle?

Eu, solidarízame con esas mulleres desde logo. Creo que é necesario que a TVG sexa realmente pública e non estea ao servizo do goberno .Na tele pública ten que amosar todo o tipo de opcións que existan

Ti tamén practicas o compromiso social e político?

Na medida que podo. Teño a miña propia visión da realidade moi implicada cos ideais republicanos. A miña avoa foi mestra na República e o meu pai sufriu represalias. A miña familia é netamente republicana, nese ambiente crieime e nese ambiente coñecín a obra de García Lorca.

O teu avó estivo en San Simón?

Si, Alberto Marín Alcalde. E despois estivo tamén no cárcere de Vigo

Na actualidade estás no Centro Dramático Galego?

Si, nun proxecto moi importante para min. O CDG vai facer tres espectáculos, nun deles está Miguel Borines. Eu estou no proxecto chamado “TERCEIRO ACTO”

Fálanos de “Terceiro Acto”?

Imos contar unha historia sobre a memoria. De momento a dramaturxia estamos a facela coa nosa memoria. Vou estar acompañado por Mabel Ribera , por Belén Constenla, por Roberto Leal e por Fernando Morán. Imos estar os cinco man a man para contar unha historia sobre a memoria

Cando se vai estrear?

Con sorte o 14 de abril

Para rematar fálanos do novo espectáculo de monicreques que estades a preparar?

Vai na nosa liña. Fala da diversidade, da discapacidade e da solidariedade. Vaise chamar “A cazola de Lola”