Guadi Galego presenta o seu traballo” Immersion” en Redondela

Guadi Galego Redondela A Nova Peneira

Guadalupe Cribeiro, que se apelida como un dos meus poetas preferidos, de nome Xosé Alexandre, coñecida no universo artístico como GUADI GALEGO, é unha extraordinaria música do noso país. Ela é natural da segunda Cedeira máis bonita do mundo. Unha localidade de enorme beleza da comarca de Ferrolterra, que porén non pode competir coa nosa Cedeira de Redondela. Malia que é unha muller nova, Guadi Galego xa leva moito tempo na primeira liña do panorama artístico do país galego. Iniciou a súa carreira en 1.997, participou en grupos tan salientables como Berrogüeto, e con músicos tan sobresaíntes como Xabier Díaz ou Xosé Lois Romero. No ano 2.009 inicia a súa carreira en solitario co álbum “Benzón” .A finais do pasado mes de Xullo estivo en Redondela e nós non puidemos deixar de conversar con ela.

O IDIOMA GALEGO É A MIÑA FORMA DE ESTAR NESTE PAÍS E NESTE MUNDO”

Como che tratou a nosa vila?

Tratoume moi ben. O concerto, dentro das limitacións necesarias que impón a situación sanitaria, estivo xenial e eu quedei moi satisfeita. O Sur de Galicia ten un encanto especial para min, e confeso que Redondela un pouco máis aínda, pois unha das súas parroquias, Cedeira, chámase como o meu pobo. Xa que logo á forza todo tiña que saír ben

Ha ha ha ha. Devólvoche o cumprido: sendo ti de Cedeira nada podía saír mal. Cóntanos os teus comezos no mundo da música?

Eu comecei en Berrogüeto con 23 anos. Era unha banda afincada en Vigo. Estiven 10 anos alí, ata que decidín comezar con proxectos máis persoais, malia que teño que dicir que Berrogüeto foi unha experiencia marabillosa.

Deixas a banda e quitas un disco que leva un premio ao mellor disco do ano. Vaia maneira de comezar¡¡¡

A verdade que BENZÓN si que foi un título que tivo moito éxito

Cales son as fontes de inspiración do teu tema “Matriarcas”?

As mulleres da miña vida.

Chea de Vida” é un tema, que a min persoalmente me chegou ata o máis profundo da alma. Cóntame como foi ese proxecto?

Foi xenial, si. Foi un proxecto que levou a cabo CFR, que é centro de formación do profesorado, que dirixiu Ramón Bermejo, e que escolleron o tema porque lles parecía moi apropiado tanto para o tipo de proxecto como para a infancia, pois é un tema optimista que trata de valorar as cousas pequenas, a lingua, a importancia de cantar en grupo e o respecto. En definitiva foi un proxecto moi bonito, que vivín con moita emoción, que asemade foi en Ferrolterra, a miña comarca.

Non sei por que teño a sensación de que o premio que che concedeu no ano 2.018 a Federación de Mulleres rurais fíxoche unha grande ilusión?

Unha ilusión enorme, si. As mulleres rurais son o soporte económico e emocional do país. Os premios só son a foto dun momento concreto no que algunha xente quere dicirche algo agradable, e claro, non deixa de ser un instante moi bonito.

Xa, pero imaxino que a pegada que o teu traballo deixa na conciencia colectiva debe de ser unha sensación espectacular?

Si claro, os premios son circunstancias, pero a xente que che rodea ,a que che segue, a que che dá cariño, acougo e valora o teu traballo é o máis importante para min e para calquera outra persoa.

Fálanos de “Immersion” e da súa relación coas distintas linguas?

Eu son unha activista da lingua desde que teño uso de razón, e sígoo sendo pois considero un imperativo a protección das linguas minoritarias e minorizadas. Só coidando as nosas linguas propias poderemos acadar que sigan sendo un instrumento para comunicarnos sen seren fagocitadas polas linguas maioritarias. A convivencia multicultural e plurilingüística que existe na península ibérica é a filosofía de “Immersion”

Defíneste como unha “activista da lingua”, por que?

O idioma galego, é para min o meu xeito de estar neste país e neste mundo. E gustaríame moito poder transmitir esta forma de entender a realidade ás xeracións futuras

Quen aínda non escoitara “Immersion”, que se pode atopar nese traballo?

É un resumo da miña carreira, en sete linguas. É un disco que ten aires pop, con moita enerxía e que cunha emoción moi intensa pretende reflectir o que somos nós. Eu desde logo convido a quen non o coñeza que o faga, en directo se pode, ou senón pola rede.

Rematamos agradecéndoche a túa atención e preguntándoche por algunha outra artista que teñas ti como referencia?

Hai moitas: SES , que leva moitísimo tempo como referente musical e ideolóxico xeracional. “A banda da loba” que leva pouco tempo pero que lle auguro un futuro prometedor pois teñen moita calidade. Uxía Pedreira, Rosa Cedrón, Silvia Penide, Mercedes Peón…..