Fornelos de Montes un paraíso ao noso carón

Emiliano Concello de Fornelos

Como é tradición na nosa casa, pouco antes das festas grandes de Fornelos achegámonos ata ese fermoso pobo a coñecer como van as cousas pola localidade . E como soemos facer cando temos a oportunidade de subir ata alí, conversamos co seu alcalde para coñecermos de primeira man a actualidade da vila. O mes de agosto é , se cadra, un dos máis importantes para a economía local pois as súas festas grandes atraen cada ano a milleiros de visitantes que gozan da súa gastronomía e das súas incomparables paisaxes. Porén a pandemia mundial que aínda estamos a vivir obriga, como en todos os sitios, a suspender , adiar ou minimizar case calquera tipo de evento, o que supón un golpe económico importante para os segmentos da poboación relacionados co turismo e un golpe anímico tamén significativo para todas as persoas que vemos como a ansiada normalidade semella non chegar nunca. O ano pasado non quedou outra que suspender calquera actividade relacionada coas festas de agosto, desta volta o día grande, o 10 de agosto, vaise facer algo pequeno que cumpra estritamente os protocolos sanitarios e a intención do goberno municipal é reabrir a piscina e o ximnasio o antes posible. Agardemos que no verán do 2.022 Fornelos poida vivir as súas festas con normalidade e este pesadelo pandémico fique definitivamente esquecido. As festas de Fornelos constan de moitas actividades, unha delas é un campionato de tute de moita importancia que atrae a xogadores dos distintos concellos da contorna. Desta volta alén de conversarmos co alcalde fixémolo con Jorge, un veciño de Fornelos de 37 anos de idade, gañador de varios dos torneos de tute. Antes de ver o que deron de si ambas conversas permítome unha humilde recomendación aos lectores e lectoras que non coñezan Fornelos: visíteno se poden. É un pobo dunha beleza superlativa ateigado de currunchos máxicos nos que podermos atopar o acougo e a paz imprescindibles para combater as preocupacións cotiás da vida diaria.

Emiliano Lage , alcalde de Fornelos

A valoración positiva sobre o resultado final da remodelación da praza principal do noso pobo creo que é unánime na veciñanza de Fornelos”

O primeiro que me chama a atención, despois da última visita, é a praza principal do pobo .Désteslle unha remodelación importante?

Remodelar a praza era unha antiga ilusión que tiñamos, tanto eu persoalmente como o goberno que me honro en presidir, pero ata este momento non tiveramos a posibilidade económica para poder facelo. A nosa praza é un sinal de identidade do noso pobo un orgullo para toda a nosa veciñanza e desde logo debe de estar o máis bonita posible.

Como financiastes a actuación?

Grazas á axuda da DEP conseguimos mellorar non só a praza senón tamén a rúa das escolas. A DEP puxo arredor de medio millón de € e nós arredor de cen mil para sufragarmos o custe desta importante reforma. Eu creo que quedou moi ben

Que valoración escoitas pola rúa acerca do resultado final?

Moi positiva, polo menos a min ninguén me transmitiu queixas. Durante as obras recibiamos algunha suxestión e nós procuramos atendelas claro.

A día de hoxe, 9 de xullo, como está a situación da pandemia en Fornelos?

O día 8 temos constatados 3 casos de persoas censadas en Fornelos, co seu médico aquí, pero que non viven no noso pobo. A día de onte, que son os últimos datos dos que dispoño, que nós saibamos non hai ningún caso activo entre as persoas que residimos na nosa localidade.

A situación desas 3 persoas reviste gravidade?

Non, afortunadamente ningún precisou asistencia hospitalaria. Están gardando corentena nas súas casas.

En Fornelos, agás un brote puntual, podemos dicir que estes horribles meses de pandemia leváronse bastante ben, non alcalde?

Si levouse razoablemente ben. En efecto houbo un brote importante, e algúns casos illados pero non houbo nin falecementos nin casos moi graves entre a nosa veciñanza. Xa o dixen varias veces, e non me canso de repetilo, que estou moi orgulloso do nivel de responsabilidade que, en liñas xerais, amosa a sociedade fornelense

O Verán é unha época enormemente importante para Fornelos pois as súas festas atraían a gran cantidade de visitantes. Por desgraza o ano pasado non se puido facer nada. Que vai pasar este ano?

Este ano imos facer algo, si, o día do noso patrón San Lourenzo que é o 10 de Agosto. Pero será algo pequeno e cumprindo estritamente os protocolos sanitarios. Algo faremos seguro, pero o seu contido e a súa loxística está aínda en estudo. As festas gastronómicas e o festival folk de momento non van ser posible celebralas. O que si che podo anticipar é que en arredor de 10 días trataremos de reabrir a piscina e o ximnasio. Obviamente de maneira que cumpramos con rigor todas as esixencias que marca sanidade.

Outros alcaldes e alcaldesas cos que teño falado dinme que a pandemia multiplicou o número de familias que precisan da axuda dos servizos sociais do Concello para atender as súas necesidades máis básicas, incluso poder comer, en Fornelos pasou o mesmo?

Algo si, pero non dunha maneira moi relevante. Con toda a humildade dígoche que nós xa levabamos tempo facendo seguimento e axudando ás familias máis vulnerables. E si, algo aumentou pero non significativamente

O Tanatorio como está funcionando?

Como sabes é privado, fíxoo a funeraria Blanco. Nós axudamos en todo o que puidemos, pero foi un traballo dunha empresa local á que eu estou moi agradecido porque dá servizo á localidade. Funciona e faino ben.

Estamos xa no ecuador do mandato, dun mandato marcado pola pandemia sanitaria. Alén de xestionar esta terrible situación houbo espazo para a política Emiliano?

Espazo sempre hai, porque o Concello ten que funcionar e iso non é pouca cousa. Asemade seguimos asfaltando e arrombando camiños. Estamos cun proxecto para arranxar o tellado do pavillón, seguimos cos premios Lueiro de xornalismo e poesía. En definitiva , dentro do posible, procuramos que a situación se pareza o máis posible á normalidade. De feito quero facer unha galería de imaxes con todos os gañadores e gañadoras do premio e pendurala no multiusos

A situación aritmética do teu goberno é comodísima. Tes 7 concelleiros fronte a 1 do PP e a 1 do BNG, pero quero que me valores a oposición que che fan?

Mila, a concelleira do BNG fai unha oposición firme e rigorosa. É a oposición que teño en realidade, porque o concelleiro do PP o único que fai é ir aos plenos. Nunca presenta mocións

Nestes dous anos que quedan de mandato tes previsto algunha actuación que nos poidas adiantar?

Teño moitas cousas na mente, pero todo dependerá dos fondos dos que poidamos dispor

Hai algo que che ilusionaría facer especialmente?

O paseo a través do encoro de Eiras. E mellorar todo o que poida o saneamento de todas as zonas do Concello que se poida. Este problema para un concello como o noso que ten os núcleos de poboación tan espallados é realmente grave. E algo moi importante que non está moi lonxe é cambiar todo o sistema de iluminación municipal a LED que agardo nos proporcione un importante aforro nos custes da electricidade. Eu espero que para finais de ano comecen xa as obras

Rematamos alcalde, pronto haberá congreso do PSdeG, consideras a posibilidade de que se presente un candidato alternativo a Gonzalo Caballero?

Non o sei. Eu non desboto nada. Non teño ningunha información ao respecto. Eu só podo dicir que formo parte da executiva provincial que lidera David Regades e el é un home moi integrador que procura que todos nos sintamos cómodos e a min gústame moito esa forma de traballar e de entender a política interna. Xa veremos como se desenvolven os acontecementos

JORGE GARCÍA BOULLOSA GAÑADOR DE CAMPIONATOS DE TUTE

De que parte de Fornelos es?

De Pardalonga, un barrio de Traspielas.

A mocidade non o tedes doado en xeral e a do rural tédelo especialmente difícil para poderdes desenvolver un proxecto vital na vosa terra

Ben, as cousas melloraron moito. Eu traballo en Pontevedra e en 20 minutos de coche póñome no meu traballo. Eu estou moi a gusto e cómodo vivindo en Fornelos

En Fornelos hai unha tradición moi popular e importante dos campionatos de cartas verdade?

Abofé que si. Cando son as nosas festas patronais , as festas de San Lourenzo, soen facerse campionatos de tute que teñen unha enorme importancia

Desde hai canto tempo?

Non sabería dicirche. Eu levo participando arredor de media ducia de anos

Hai dous campionatos non?

Si, un que se fai todas as fins de semana un par de meses antes das festas. E outro moi bonito que se fai ao aire libre

Ti participas en ambos?

Si

Que modalidade xogades?

O tute arrastrado

Que cantidade de persoas poden participar?

Pois arredor de 50 parellas, tranquilamente 100 persoas

Cantos campionatos gañaches?

Creo que 3

Quen soe ser a túa parella de xogo?

Xogo con varios; Gabino, Viti, Sisi, Jose Manuel

Cales son os premios?

Pois distintos; porcos, bacallaus ….

Ven xente de fóra do Concello a participar?

Si, veñen de todos os concellos da contorna. Os campionatos de Tute son un atractivo engadido, cando tiñamos unha vida normal sen pandemia, para as nosas fermosas festas. Eu seguirei participando e animo a todas aquelas persoas que lean esta reportaxe e lles guste o tute a que , cando se poida, veñan compartir connosco estes campionatos tan emocionantes

Nestes tempos de pandemia segues a practicar?

Siii, de cando en vez doulle algunha clase aos meus rivais a ver se collen algo de nivel

Ha ha ha ha ha ha

-Remata a conversa coas protestas e os apupos dalgúns dos compañeiros e rivais nos campionatos de cartas aludindo algún deles ás supostas sinais que realiza o entrevistado nas partidas ou ao seu presunto costume de tratar de ver as cartas do adversario. Todo isto nun ambiente de cordialidade e de brincadeiras varias-