
O vindeiro día 18 de xullo de 2021 ás 12.00 h. terá lugar o acto de inauguración dun Espazo da Memoria Histórica en Salvaterra de Miño.
Este Espazo da Memoria Histórica, estará situado na fonte da Vila, no xardín que está diante da praza de abastos.
A Plataforma cívica creada o 19 de agosto do 2020 para a recuperación da Memoria Histórica do Concello de Salvaterra de Miño, naceu coa idea de acadar uns obxectivos concretos, ampliables nun futuro.
Estes obxectivos son:
- Erguer un monumento ás vítimas do golpe de estado de 1936.
- Lograr a exhumación e identificación dos restos de cinco asasinados soterrados no adro da igrexa de Cabreira.
- Fomentar a publicación dun libro do historiador e investigador Xosé Ramón Paz Antón, relacionado cos feitos.
- Intentar recuperar un baul con documentación persoal do Tte. de Alcalde asasinado José Domínguez González, soterrado nun lugar propiedade da familia, antes de que o detiveran.
- Traballar para que desaparezan os vestixios de exaltación fascista nas igrexas, cemiterios e monumentos das parroquias.
Esta Plataforma, en colaboración co Goberno Municipal, convida aos veciños e veciñas de Salvaterra de Miño e da contorna para a culminación do primeiro destes obxectivos, repetimos:
Erguer un monumento ás vítimas do golpe de estado de 1936.
A pesares do retraso imperdoable, é para nos un inmenso orgullo e unha enorme satisfación poder rematar a consecución deste obxectivo. Neste acto contaremos coa colaboración da historiadora e veciña da parroquia de Fiolledo Dona María del Rocío Pino Domínguez que procederá a lectura dun manifesto acaido.
ESQUEMA DO ACTO:
1º.- Presentación do acto por parte dun membro da Plataforma.
2º.- Lectura do manifesto por parte de Rocío Pino.
3º.- Descubrimento da placa e inicio acto musical, marcha antiguo Reino de Galiza.
4º.- Despedida.
Este Espazo que inauguraremos, pon punto final a 85 anos de espera e ten que estar vivo, punto de encontro que temos que encher con actividades. Non teñen por que ser maxestuosas, teñen que ser actividades. Adiante, seguro que entre todos e todas o logramos.