O BNG alerta de que o Concello de Salvaterra “abusa” dos recoñecementos extraxudiciais para pagar facturas ordinarias

Logotipo BNG

A voceira Patricia Mariño advirte que parte dos gastos municipais por valor de 900.000 euros que se van aprobar este luns fixéronse de maneira irregular

A xestión económica do Concello de Salvaterra está a ser caótica. Así o asegura a voceira do BNG en Salvaterra, Patricia Mariño, quen critica que o goberno de Marta Valcárcel aprobará este luns en Pleno extraordinario un recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar facturas de enerxía, carburantes ou baleirados de fosas sépticas -entre outras- que ascenden a máis de 991.000 euros. A nacionalista subliña que a alcaldesa está a abusar dun mecanismo que debería ser excepcional para abonar actuacións diarias. A situación vén de ser criticada tamén polo propio servizo de Intervención municipal, quen ademais detectou que algúns dos gastos municipais fixéronse de maneira irregular por carecer de contrato previo, é dicir, por facerse “a dedo” saltándose os procedementos legais.

Mariño destaca que resulta “incrible” que un concello con maioría absoluta como o PP en Salvaterra teña os orzamentos prorrogados dende 2017 e non sexa capaz de xestionar o gasto municipal pola vía ordinaria, planificando con previsión as partidas necesarias para cada área de goberno. Subliña a nacionalista que acudir a fórmulas extraordinarias como os recoñecementos extraxudiciais de crédito, que deben ser puntuais, empeora aínda máis inestabilidade económica e pode levar a desaxustes financeiros, xa que se van utilizar recursos non autorizados de maneira formal para o ano en curso.

Outro dos problemas que presentan as facturas que se van aprobar este luns, apunta o Bloque, é que ademais son por pagos de servizos que, nalgúns casos, carecen de contratos previos. Isto supón que os subministros foron adxudicados directamente pola administración local sen a tramitación previa correspondente obrigada pola normativa.

O informe dos servizos de fiscalización municipais sobre as facturas que se van aprobar o luns, explica Mariño, alerta destas irregularidades mais, sen embargo, a alcaldesa levantou os reparos e seguirá adiante aplicando o ‘rodillo’ da maioría absoluta do PP no Pleno para seguir gobernando Salvaterra como se fose a súa casa”.

“Entendemos que hai que pagar polos servizos e subministros recibidos, porque teñen as empresas que cobrar e non teñen culpa, pero o PP ten que facelo sen agravar máis o caos económico de Salvaterra e sen favoritismos e irregularidades”, destaca Mariño, quen sinala que a política económica de Valcárcel , con estes movementos, “bordea límites delicados que comprometen a legalidade”.

Mariño destaca que o Concello de Salvaterra xa aprobou recentemente outro recoñecemento extraxudicial para pagar facturas por 1,1 millóns de euros, e aínda queda outra remesa por outro millón de euros. “Son tres millóns de euros de gastos correntes que non pasan o filtro. Deberían estar planificados e sen embargo páganse pola vía de atrás. Hai unha total falta de xestión e moitos vicios. Intervención alerta, pero a alcaldesa fai oídos xordos”, finaliza a nacionalista, quen destaca que a veciñanza de Salvaterra ten que estar informada de como está a gobernar o PP.

O BNG tamén lanzou críticas a Valcárcel pola convocatoria dun Pleno Extraordinario para aprobar as facturas. Destaca o Bloque que habendo un Pleno Ordinario o vindeiro día 26 é inexplicable o pago de máis asignacións económicas a toda a Corporación por asistir “cando se trata dun tema que perfectamente podería agardar unha semana e incluírse na orde do día como un punto máis”.

A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.