Antón Lorenzo “Xaque” presenta o seu libro:

O Crime de Salvaterra”

Ao longo dos camiños da vida cruzámonos con persoas que presumen de estudos e títulos que non teñen, e tamén con quen non quere ser cualificado cos méritos que ten amosado sobradamente que si posúe. Un destes homes é o noso prezado colaborador e querido amigo, Anton “Xaque”. A súa proverbial humildade, e a súa teimuda modestia fanlle sentir mal cando alguén o describe como historiador, e en realidade “ Xaque” é un dos historiadores máis rigorosos que coñezo. Antón é un estudoso incansable. Nunca desiste na pescuda de datos e información que lle poida permitir á súa oceánica curiosidade atopar os motivos que desencadearon os distintos episodios históricos que investiga coa mesma paixón ca calquera namorado demostra, cando lle fai ás beiras á súa namorada.

Froito do amor de Antón pola historia xorde o seu primeiro libro” O Crime de Salvaterra”.Este traballo refire o asasinato de Francisco Rodríguez “Pancho” que aconteceu na vila natal de Xaque, Salvaterra, no ano 1911.

Pancho era un líder agrarista local que tratou de acadar melloras para os campesiños que na inmensa maioría de casos eran explotados polo grande cancro que ven padecendo Galicia desde a noite dos tempo: O caciquismo.

O libro de Xaque xorde despois de moitos anos de traballo e buscas incansables por distintas fontes de información que incluso lle permitiron atopar a un bisneto do asasinado, Nicolás Vigarelli, que é quen prologa este traballo sobre a figura do seu bisavó

“ O Crime de Salvaterra” está escrito nun estilo áxil e dinámico, cada unha das súas teses está avalada por toneladas de documentos e datos obxectivos. A obra está contextualizada de maneira adecuada no tempo histórico no que o asasinato tivo lugar, e describe alén do asasinato de Pancho a vergonzosa sentencia absolutoria que beneficiou a quen o asasinou. Non sabemos se os xuíces que a emitiron tiñan algún tipo de relación familiar co xuíz Peinado, pero o que parece evidente é que as cousas non mudaron moito no universo da xustiza española. Poderemos gozar tamén de numerosas reproducións de xornais da época que nos serven para ver como a prensa do momento enfocou o asasinato no tempo no que se produciu.

O libro de Xaque é un traballo necesario para pór luz na escuridade dun crime que levou por diante a vida dun mozo que aínda non tiña 30 anos, e cuxo único pecado foi tratar de acadar unhas condicións máis xustas para os campesiños. Desde A Nova Peneira recomendamos a súa lectura para coñecer un episodio apaixonante na historia de Salvaterra.

Quen teña interese en adquirir o libro pode facelo por dúas vías:

-No teléfono 609867359

-No correo antonxaque@gmail.com