Helena Pousa, 27 de agosto de 2025
Presentáronse onte en Salceda de Caselas os resultados das análises efectuadas no laboratorio de Verín por Fernando Serrulla. Os restos óseos encontrados na foxa de Soutelo (Salceda de Caselas) corresponden a dous varón, un deles máis novo, duns 25 anos, e outro de máis de 30. Falta a súa identificación por medio de probas de ADN. Unicamente temos familiares de dous deles para poder facer no futuro as probas de ADN, xustamente de dous dos máis novos do grupo de 7 que buscabamos, de Severo Boente, do Porriño, e de Antonio Dalmiro Domínguez, de Tui.

Foxa de Soutelo/ foto Víctor Urtiaga
As escavacións realizadas a inicios de xullo para a localización da foxa de Soutelo no adro da igrexa de San Vicente de Soutelo, en Salceda de Caselas, tiveron como primeiros resultados o achado, a un nivel máis superficial, de varios restos óseos descontextualizados, moi remexidos, ademais dos restos dun home e dunha muller, veciños da parroquia. Unha neta, que se achegou á escavación, solicitou a comprobación de se o varón alí enterrado, ao que lle practicaran a autopsia, era o seu avó Manuel. Agora os seus familiares, tralas probas de ADN positivas, xa pode recoller os seus restos e trasladalos ao panteón familiar xunta a súa muller. Segundo comenta o arqueólogo Breogán, a presenza de varios enterramentos no mesmo lugar non resulta estraño pois os adros foron sempre utilizados como camposantos desde a Idade Media. Aínda a finais do século XX era unha práctica ben habitual en moitos deles de Galicia, especialmente naqueles en que non se iniciara a ampliación do cemiterio coa construción de nichos.
A busca das 7 vítimas paseadas proseguiu durante o resto dos días da escavación na primeira semana de xullo. No xoves, a nun nivel máis profundo, os arqueólogos localizaron unha nova fosa paralela á parede da igrexa. Nela apareceron os restos de dúas persoas. Fernando Serrulla tras unha primeira análise in situ concluíu que poderían ser dúas das vítimas buscadas pois presentaban signos de violencia na tampa dos miolos. Despois das análises no laboratorio xa puido precisar con máis detalle que en ambos cranios había o furo de unha bala, dun calibre (de 9mm e 7 mm) que se corresponde coas armas utilizadas no 36 nas mortes extraxudiciais.
Tralo traballo arqueolóxico vén o traballo no laboratorio de Verín. E o antropólogo forense, Fernando Serrulla, concluíu que ambos os dous eran varóns, un deles menor de 25 anos e o outro duns 30 anos de idade. Un deles dunha altura superior á media naqueles anos e outro dunha talla máis común de aproximadamente 1, 64.
Unindo as investigacións do laboratorio coas investigacións do informe histórico, chegouse á conclusión de que un deles podería ser ou Severo Boente, de 25 anos, ou Antonio Domínguez, de 26 anos, pois ambos son os máis novos do grupo. Descartouse, aínda que non totalmente, a Leoncio Muíños, de 24 anos, natural de Tui, que viviu na Guarda e logo no Porriño, porque quedara coxo despois dun accidente, e os restos óseos das pernas non presentaban signos de fracturas.
As vítimas da foxa de Soutelo representan un cifra insignificante se temos en conta o grande número de paseados e paseadas en Galicia e no resto de España. Estes asasinatos, ou máis tecnicamente “mortes extraxudiciais”, sempre as executaban nun lugar afastado, e despois, para escarmento da poboación, os mortos quedaban á vista dos veciños. A diferenza doutra vítimas aparecidas noutras foxas, onde os botaban directamente ao buraco sen ningún tipo de decoro, uns por riba doutros, amontoados como sacos de patatas, as da foxa de Soutelo, que foran trasladadas ao cemiterio de Soutelo por orde xudicial, e carretadas por un veciño, tiveron un enterramento seguindo as normas das prácticas cristiás pois apareceron dentro duns caixóns, e colocados con certa dignidade. Segundo comentou Fernando Serrulla, isto é posible porque neste caso non foron, coma noutros lugares, os vitimarios os que se encargaron de soterralos. Nos primeiros meses do terror aínda se seguiron uns determinados protocolos nos enterramentos, se os facían os veciños, unhas normas que segundo vai avanzando a guerra e a dura represión se esquecen totalmente. Neste caso o propio cura da parroquia deulles enterramento e apuntou os seus nomes no libro de defuntos con todos os detalles dos seus familiares e da súa procedencia. Grazas a iso e ás actas do Rexistro Civil, coñeciamos os seus nomes desde as primeiras investigacións.
Agora, tras desta primeira fase, faltan as probas de ADN. Hai dúas posibilidades, a de Severo Boente e a de Antonio Domínguez, mais cómpre ir con cautela porque para as futuras probas de ADN os parentes de ambos os dous cos que contamos xa son moi afastados (sobriños netos) e non podemos asegurar se se poderá concluír sen dúbida ningunha a cal deles dous pertencen os restos do máis novo.
