Conversar co maxistrado xubilado , fillo e veciño de Redondela, Juan Manuel Alfaya é como ler a Luis Cernuda. A grande obra deste magnífico poeta sevillano é “ La realidade y el deseo”. Ali vemos como Cernuda, dunha maneira sinxela, accesible e elegante vaise achegando aos poucos a un profundo compromiso social cos que peor o pasan no contexto histórico tan difícil que lle tocou vivir. A medida que avanzaba a miña conversa con Juan Manuel a analoxía coa poesía de Cernuda ía conquistando a miña percepción do meu interlocutor. A nosa cita tiña por obxecto falarmos do desexo infantil, plasmado na exposición de xoguetes que , como seguro sabedes, el organizou en Redondela nestas pasadas semanas. Pero Juan Manuel, como Cernuda, dunha maneira sinxela , accesible e elegante ía facendo que nos mergullaramos na análise da realidade que nos tocou vivir .E fíxoo como o fan as persoas dignas : comprometido cos sus semellantes. Fíxoo como Cernuda cando escribía os seus inmortais versos:
“La realidad, si, la realidad un sello de clausura sobre todas las puertas del deseo”
“ A constitución española ten importantes carencias democráticas”
A constitución española é perfecta?
A constitución está sendo utilizada de maneira interesada en función de intereses políticos. Tan “constitucionalista” pode ser quen defende o texto tal como está, como o que defende que debe de ser modificado. Tratar aos que non concordan coa constitución como “ anti sistema” “ perro flautas”….ou de calquera outra maneira pexorativa non deixa de ser populismo e unha forma de manipulación política.
De feito a propia constitución recolle a posibilidade de que sexa modificada. E incluso che direi que a miña opinión é que a constitución española debe de ser modificada.
Por que?
Polos seguintes motivos:
-A constitución española é produto dun contexto moi complicado resultante do paso da ditadura á democracia.
-Ese contexto impedía dar un salto definitivo porque existía ruído de sables.
-Unha vez consolidada a normalidade democrática é necesario establecer unha constitución como ten que ser.
-A constitución ten 45 anos e tendo en conta que naquel momento só podían votala os maiores de 21 anos resulta que só as persoas que agora teñen máis de 66 votaron ese texto. É dicir, a inmensa maioría de españois non puideron opinar sobre un texto que, insisto, naceu nun contexto moi diferente ao actual.
-Ten carencias democráticas importantes como por exemplo nun estado que se di aconfesional non se pode mencionar explicitamente no seu texto constitucional á Igrexa Católica. Iso supón darlle a esa confesión en concreto unha preferencia que non pode ter.
En realidade houbo transición?
O que non houbo foi ruptura. Transición si, que é unha cousa intermedia. Pero naquel momento eu creo que non se podía facer outra cousa, pois nese contexto histórico o intento de facer algo máis, probablemente tivera desencadeado outra guerra creo eu.
E a forma de meternos ao rei no medio do texto, como o meteron?
Como che dixen antes é tan constitucionalista quen defende o texto tal como está, como quen defende que se modifique para que chegue a República.
Sobre a inmunidade do Rei que opinas?
É un defecto grave do texto constitucional. O xefe do estado non pode estar por riba da lei e se comete algún tipo de comportamento delituoso ten que someterse ao código penal como calquera outro cidadán.
Quen era a autoridade militar suprema que, no golpe de estado do 23 F ,anunciou Tejero que se estaba a esperar?
Desde logo que habería que sabelo, coñecelo e dicilo.
Sobre o populismo e a manipulación política que antes referías, como se debe de combater ao teu xuízo?
Primeiramente na escola. E cando somos adultos ensinándonos a importancia dos dereitos humanos, principios, valores e da xustiza social.
E sobre a función dos medios de comunicación?
En gran medida están ao servizo dos intereses do propietario do medio, que é quen manda. E a liberdade de comunicación para os medios de comunicación existe e está recoñecida pola constitución, pero a información ten que ser veraz. A información veraz non é compatible coa manipulación, e se a información que se transmite non é veraz e íntegra, o que a transmite está a enganar a quen a recibe.
A este respecto, coñecer a honestidade ou a falta dela, do medio, tamén é relevante a forma e o sitio no que se presentan as novas
Si, abofé que é así. Recordo o caso dun ex presidente do goberno que tivo problemas serios con facenda e que cando se coñeceu ese asunto, un importante periódico levou á súa portada :” El Madrid pasa a semifinais”
Outro exemplo : cando o anterior xefe de estado veu recentemente a Sanxenxo alguén lle preguntou se tiña pensado dar explicacións el contestou “ Explicacións de que “ pero engadiu “ ha ha ha ha” e iso último desapareceu de case todos os medios de comunicación. A manipulación informativa é moi grave.
Cal é a túa opinión sobre a nova lei de segredos oficiais?
Non a coñezo dabondo para para poder opinar con rigor. O que si teño claro é que os sumidoiros non poden existir e que calquera que delinque non pode ser ocultado.
Esta conversa tiña por obxecto falarmos da túa exposición de xoguetes pero imos ter que facer unha segunda parte porque é tan interesante conversar contigo que o é ía ser un breve limiar case vai acabar sendo o corpo central da entrevista
Ha ha ha ha. Moitas grazas
Falemos brevemente dos xoguetes
Ben, pois levo coleccionando xoguetes máis de 20 anos. Cada xoguete ten unha historia detrás e o xoguete reflicte á sociedade. E en grande medida en moitas ocasións a tipoloxía dos xoguetes é un espello do sistema de dominación do home sobre a muller.
Por exemplo?
Pois recordo un xoguete nos que un home é o científico e a muller mira para o home que fai ciencia. Logo están os xoguetes que reflicten estereotipos de sexo, así por exemplo as bailarinas son todas nenas, non hai nenos bailaríns. E así infinidade de cousas
Cantas pezas podes ter?
Arredor de 600
Que é o que máis che gusta do xoguete?
Os máis bonitos, ao meu xuízo, son os que mellor imitan á realidade. O mundo do xoguete é universal
Hai algún ao que lle teñas especial cariño?
Non, téñollo a todos e valoro todos por igual.
Como xurdiu a afección por coleccionar xoguetes?
Cando eu era o neno tiña un barco de vapor ao que lle tiña moito cariño, e perdino. Co paso do tempo vin un semellante, fíxome ilusión e compreino. E alí comezou todo. Fun comprando máis e máis xoguetes ata agora.
Na exposición como foi a reacción do público?
A verdade quedei moi contento. Os nenos e as nenas entusiasmábanse e algunha xente adulta tamén. A min coleccionar xoguetes gústame, amosalos tamén, pero quixera darlle un enfoque sociolóxico e crítico.