Gustavo Barcia candidato do BNG á alcaldía de Mos

Gustavo BNG Mos

Estou convencido de que o PP vai perder a maioría absoluta”

Facemos esta entrevista pouco despois do multitudinario acto da presentación da túa candidatura. Como están os ánimos e as sensacións neste momento?

Estou emocionado e moi agradecido á veciñanza de Mos pola inmensa repercusión, e as enormes expectativas que está a levantar a candidatura do BNG. A presentación, co auditorio ateigado de xente e a ilusión tan grande que se respiraba no ambiente, é un indicio moi significativo do que pode acontecer nas eleccións de maio.

Preséntanos ás 7 primeiras persoas que che acompañan ?

Esta é unha candidatura que en liñas xerais está formada por mulleres e homes cun profundo compromiso emocional co noso concello e cun perfil social moi marcado.

No número 2 vai Sara San Martín natural de Pereira que traballa como avogada laboralista e está moi implicada nos movementos sociais e culturais.

No posto 3 vai Alberto Barreiro, de Louredo, unha persoa moi activa no tecido asociativo da súa parroquia.

No número 4 Esther Rúas , veciña de Torroso. Ela é autónoma , ten un negocio de artesanía, e é unha persoa moi relevante no comercio da nosa localidade.

No posto 5 temos a Carlos Villar ao que todo o mundo coñece por Cao de Mos. El traballa no metal e é xestor da sala Rebullón, unha das máis importantes de todo o país ,e un referente no universo cultural da comarca.

No número 6 está Sara Lorenzo unha rapaza moi nova veciña de Cela, graduada en psicoloxía que está a rematar o mestrado.

No número 7 contamos con Paco García, veciño de Mos, que como sabes é xornalista, profesor de gaita e tamén un home de enorme implicación coa vida cultural de Mos

No posto 8 está Ana Bar, unha muller de Tameiga, referente no eido do feminismo.

Cales son as expectativas realistas coas que vos presentades?

Non temos ningún tipo de límite. Saímos a gañar as eleccións

Faime unha valoración sintética do actual goberno de Mos?

O concepto que mellor o define é: desastre

-Desastre no que se refire á cuestión económica. O estado da economía do concello é crítico e non tiña por que selo. Éo porque o goberno o fai moi mal

-Desastre na xestión do día a día. É un caos , chapuceira e desorganizada. A modo de exemplo pois podemos citar o carril bicicleta entre Barreiros e Santiaguiño no que van ter que convivir bicicletas e persoas. E así infinidade de cousas…

-E a máis grave: Desastre no trato coa veciñanza. Este é un goberno cacique e sectario que trata de maneira diferente á veciñanza segundo as identifique como partidarios ou como adversarios. Iso é intolerable e tense que acabar dunha vez por todas.

GañaMós anunciou a súa decisión de non presentarse .Como a valoras?

A min non me corresponde opinar sobre as decisións doutras formacións políticas. O BNG estivo, está ,e estará sempre na defensa dos intereses das clases populares e agardo que as persoas que no seu día se sentiran representadas por GañaMós saiban e queiran valoralo. Eu quero amosar o meu total respecto pola persoa de Roberto, o actual portavoz de GañaMós no concello. Sobre persoas que practican o transfuguismo político prefiro non opinar.

Que podería encontrar unha veciña ou veciño de Mos en ti como alcalde?

Sobre todo e ante todo a vontade de tratar a todo o mundo por igual. A bipolarización da sociedade que practica esta alcaldesa é intolerable. E eu comprométome a desterrala da política local.

Logo traballo, traballo e traballo. Rigor e seriedade á hora de investir os cartos públicos para que non se gaste 1€ que non sexa estritamente necesario. Son un home que sabe escoitar e que teño capacidade para aprender .E desde logo Gustavo Barcia está namorado de Mos e non vai parar ata que este pobo teña un goberno xusto coa vontade de servizo público ao conxunto da sociedade.

Hai catro anos faltaron moi poucos votos para mandar a alcaldesa para a súa casa. Desta volta velo factible?.

Si, estou convencido de que o PP vai perder a maioría absoluta. E quixera que cada lectora e cada lector respondera a esta pregunta. Que fixo estes catro anos o goberno de Nidia Arévalo que lle faga merecedor de continuar?

A túa resposta?

É terrible: Nada