
Carlos é natural de Bora e leva máis de 30 anos vivindo na Lama, no lugar de Fontecova. El manifesta sentirse profundamente vinculado ao concello da Lama, na súas emocións máis íntimas, e entende que debe de dar o paso de liderar unha opción de cambio, que lle dispute a maioría social do pobo ao partido popular, para sacar ao concello da Lama da esclerose política e mala xestión na que ao seu xuízo o goberno local ten sometida a A Lama.
“ Se a maioría da sociedade da Lama me honra coa súa confianza a división entre veciños amigos e veciños non amigos acabouse para sempre. Todo o mundo vai ser tratado por igual de maneira xusta”
Queremos coñecerte un pouco máis Carlos?
Ben, eu traballo de representante comercial dunha importante compañía no sector da iluminación. Teño experiencia na política municipal pois no mandato do 2003, fun concelleiro de cultura no goberno de A Lama, e no 2007 estiven na oposición no concello de Pontevedra.
E despois do 2011, seguiches na política?
Non. Aí dou unha parada na vida política institucional aínda que sempre seguín con interese os acontecementos da política local, porque eu son un home que cree firmemente en que a participación veciñal da sociedade civil na toma de decisións políticas é a única forma de construír unha sociedade máis xusta. A situación do meu pobo está tan deteriorada. Veu deteriorándose aos poucos, durante todos estes anos, de tal maneira que me decidín a significarme publicamente e crear a agrupación local de Unión de Cidadáns Independentes que é a formación política coa que imos intentar dar un cambio profundo ás formas de goberno que padece A Lama.
Por que dis que a situación de A Lama está tan deteriorada?
Non é ningunha especulación. É un dato, por desgraza, obxectivo: O Concello de A Lama é o terceiro concello máis pobre de Galicia segundo o PIB. Un grupo de veciños coma min consideramos que isto hai que cambialo e volver convertelo nese concello de referencia que foi outrora.
Dime , de maneira sintética, cales son os principais problemas que padece A Lama?
-O principal é o desgoberno e a falta de rigor .Todos os anos fanse promesas, sobre todo en época de eleccións, que logo son incumpridas sistematicamente.
-A Lama carece de servizos básicos que permitan poder desenvolver un proxecto vital persoal no noso pobo.
-A situación do saneamento é lamentable.
-As inmensas potencias que ten o noso pobo para ser un atractivo destino turístico están desaproveitadas polo desleixo e mala xestión do goberno municipal.
Cal é a túa opinión en relación aos parques eólicos que queren montar no concello de A Lama?
A miña posición é estar inequivocamente, sen ambigüidades nin matices, ao lados dos veciños. Defenderémolos sen pausa ante a inxustiza de querer meterlle eólicos a tan pouca distancia das súas casas.
Iso non quere dicir que esteas en contra das enerxías renovables?
Non, claro que non. Eólicos si, pero non así. Non se poden poñer tan preto das casas, nós temos uns aquí no monte que de noite fan un ruído incrible e producen un son dunha frecuencia moi baixa, de menos de 20 Hz. Isto é moi prexudicial para os paxaros e para a saúde da xente.
Cal é a túa posición en relación á pretensión de augas de Galicia e o concello de Vigo de montar un encoro no río Verdugo?
Estamos totalmente en desacordo, se chego a ser alcalde opoñereime con toda firmeza a este proxecto.
Xa tedes a lista conformada?
Ao 99%, si.
Pero estás seguro ao cento por cento que che vas a presentar, non contemplas non presentarte?
Si, preséntome ao cento por cento. Houbo presións por parte do Goberno municipal á xente que vén comigo na lista para que non puidésemos formar candidatura.
Que tipo de presións?
Chamadas telefónicas á xente que pertencen a asociacións de calquera tipo ameazando con que se van na lista poderían cotárselles as subvencións.
Galicia ten un grave problema histórico que é o nepotismo. Cualifícase á xente en amigos e inimigos, nas administracións locais tamén pasa. No caso de que chegues a ser alcalde do concello da Lama, comprométeste a tratar a todo o mundo por igual?
Rotundamente si. Votantes, non votantes, xente que pertence a outras siglas políticas, neste concello imos ser todos iguais, imos gobernar para todos de igual maneira.
Cales son as expectativas realistas coas que te presentas?
Preséntome para gañar.
Como é o equipo de persoas que che acompañan na candidatura?
É unha candidatura xunguida por un sentimento en común: O amor a A Lama. A nosa é unha lista transversal formada por persoas que nunhas eleccións autonómicas poden votar desde o BNG ata ao PP. Pero que estamos concienciadas en que A Lama ten moitos problemas e necesita un cambio urxente. O noso é un compromiso pola eficacia, o rigor, a xustiza e como che comentei antes unha candidatura unida polo amor ao noso concello.
Cales son as primeiras medidas que implementarías no caso de gañar as eleccións?
-Optimizar todos os servizos que temos. Somos uns 2500 habitantes e temos traballando uns 40 funcionarios. Hai unha obvia sobre dimensión que nós aproveitaremos para dar uns servizos adecuados e suficientes aos nosos veciños e veciñas da Lama.
-Cambiar a imaxe do concello. Cando entras aquí parece que isto está abandonado, que non vive ninguén, está moi deteriorado.
-Xestionar adecuadamente os recursos económicos para non dilapidar os cartos no que non sexa estritamente necesario
-Fariamos dúas limpezas en profundidade do concello, unha antes do período de verán e outra antes do período de choivas para evitar que se formen charcos cos que se poidan provocar accidentes.
Que medidas levarías a cabo para atraer ao turismo ?
-Organizar rutas regulares de sendeirismo o máis atractivas que se poidan. Para iso hai que limpar e manter os camiños e corredoiras en bo estado de maneira regular.
-Pór en valor o noso inmenso patrimonio material e inmaterial, absolutamente infra explotado. E organizar visitas guiadas para que os visitantes poidan coñecer os nosos Canastros, Petos das Ánimas, a Ponte de Verducido………………
A situación aritmética actual da corporación actual é: O PP ten 7, 2 o PSOE, 1 Cidadáns e 1 BNG. Para que o PP perda a maioría absoluta tería que baixar dúas actas. Nun concello pequeno como este, iso non é fácil.?
Sabemos que non é fácil, pero percibimos entre os nosos veciños que hai pulsión de cambio. O noso logo é “Xuntos polo cambio”. A xente está cansada dunha forma de goberno que non pensa no ben común e nós temos a convicción de que este vai ser o ano do cambio.
No caso de que o PP perda a maioría absoluta é probable que teñades que pactar coas outras dúas forzas: o PSOE e o BNG. Como levas iso dos consensos?
Eu son un home dialogante e de consensos amplos. Non teño ningún problema por iso, todo o contrario.Se a situación aritmética resultante das elección así o esixise por suposto que negociaremos para construír unha maioría alternativa e acordar un goberno de progreso. Pero insisto en que nós imos a pola maioría absoluta.
Para acabar Carlos, que podería atopar un veciño ou veciña de A Lama en ti como alcalde?
-Sobre todo xustiza. Se a maioría da Lama me honra coa súa confianza a división entre veciños amigos e veciños non amigos acabouse para sempre. Todo o mundo vai ser tratado por igual.
-Comprométome a facer moito máis do que fai o goberno actual, que é ir zafando os problemas do día a día como boamente poden. Comprométome a ter un modelo de pobo con servizos e oportunidades suficientes para facer do noso querido concello un lugar atractivo para vivir. Voume deixar a pel día e noite para que a mocidade de A Lama non teña que marchar e poida, se así o desexa, desenvolver un proxecto vital no noso pobo.