Dionísio Pereira e Lola Varela

Dionisio e Lola
Tino Lago e Marcos Santos

O pasado 14 de maio dous compañeiros de A Nova Peneira achegámonos ata o lugar de Vilar, na parroquia de San Martiño, no antigo concello de Cerdedo que despois da fusión con Cotobade converteuse no actual Cerdedo-Cotobade , para coñecer a Dionísio e a Lola. El é da Coruña e ela de Pontevedra pero xa levan máis de 3 décadas vivindo nesta zona da Terra de Montes. Dionísio é un historiador especialista en memoria histórica que ven de publicar o seu trixésimo libro neste caso sobre a resistencia no país galego á ditadura franquista. E Lola é, entre outra cousas, unha activista social que tirou o seu primeiro libro en solitario; “ Feminismo de proximidade”. Na conversa, supoño que impulsado polo mecanismo psicolóxico da asociación de ideas, viñéronme á mente Verissimo, o cura “ rojo” que chegou a ser alcalde das Neves, e Carmen Martín Gaite. El porque, cando na residencia de sacerdotes xubilados na que vive actualmente, me contou que na súa mocidade tiña que atender varias parroquias entre elas a de Cerdeira, probablemente o lugar máis elevado das Neves. Ao principio do seu sacerdocio non existía iluminación pública nos camiños e corredoiras da zona, e non sabe porque estraña razón á xente de Cerdeira dábaselle por morrer de noite co que o home pasaba atrancos moi serios para achegarse ás súas casas a administrarlles o rito cristián da extrema unción. O que o salvaba é que de cando en vez, moi de cando en vez, atopaba no camiño algún punto de luz illado nalgunha vivenda. Eses puntos de luz na escuridade do camiño eran os que lle permitían ir avanzando e sorteando as dificultades das negras e escuras noites de morte .Dionísio e Lola son como aqueles puntos de luz que de cando en vez, moi de cando en vez, un se atopa no páramo da escuridade e a da mediocridade e que permiten conservar aceso o facho da esperanza en que algún día a humanidade poida substituír o verbo competir polo verbo colaborar.

E ela, Carmen Martín Gaite, por aquelo que dicía de :”Non hai pracer máis elevado que a conversa cando quen fala ten gañas de falar e quen escoita ten gañas de escoitar”.

Pois tal cal. Velaí Vai

De maneira aproximada pódese dicir que en Galicia houbo arredor de 8.000 persoas asasinadas pola represión franquista”

Que leva a un mozo da Coruña e a unha moza de Pontevedra a vivirdes neste lugar tan bonito das profundidades da Galicia profunda?

A casualidade. Nós estabamos en Cambados e quixemos mercar , nese momento das nosas vidas, hai 30 anos, unha casa. Soubemos desta e aquí levamos desde entón. Por outra parte – di Lola– Dionísio sempre tivo aldea e el sempre soubo apreciar a importancia da vida no rural

A túa vocación é a de Historiador, Dionísio, pero profesionalmente fixeches moitas cousas diversas verdade?

Abofé. Eu estudei económicas, traballei nunha multinacional facendo cousas relacionadas cos meus estudos e logo participei en múltiples proxectos en campos diferentes

E ti, Lola?

Eu fun ensinante sempre. Dei clases en varios institutos incluso a miña vida profesional remateina sendo directora dun instituto español en Marrocos

Gústavos vivir aquí?

Foi das mellores decisións que tomamos nas nosas vidas

Na Galicia profunda unha parella nova pode desenvolver unha vida plena?

Se teñen fillos é complexo. De feito, no que se refire á nosa zona, moita xente cando os fillos entran no instituto marchan para Pontevedra ou para A Estrada. O peor dos servizos da Galicia interior é a situación da sanidade e que hai moi poucas posibilidades para poder traballar

En Cerdedo tedes PAC verdade?

Si, e tamén dá servizo a Cotobade e a Forcarei. O PAC funciona ben, o médico xa non tanto. No noso pobo para cubrir as necesidades primarias non hai problema. No que se refire ao traballo– apunta Dionísio- eu creo que na nosa zona se podería vivir das actividades agrarias. Hai xente que o intenta, sen ningún tipo de axuda.

Este Concello sofre o cancro que padece o país galego: o Nepotismo, a polarización da sociedade en amigos,para os que hai todo, e inimigos para os que non hai nada?

Si, tal cal o dis, é así. De feito no rural galego hai riqueza de abondo para que se poida vivir del, pero sen unha intervención adecuada das administración resulta moi difícil cando non imposible. E esta zona ten moi boas condicións para a gandería de carne e para a produción de madeira de cualidade

Cal é a vosa opinión sobre o resultado da fusión con Cotobade?

O resultado foi desastroso, di Lola. Eu non sería tan taxativo- opina Dionísio-

A calquera que lle pregunte de Cerdedo, síntese de Cerdedo, e a calquera que lle pregunte de Cotobade síntese de Cotobade?

Iso si é así desde unha perspectiva da identidade de cada un todas as persoas séntense do seu pobo orixinal. Non hai ninguén que se sinta de Cerdedo-Cotobade. Quen sae perdendo da fusión é claramente Cerdedo pois perde case todo os elementos de representatividade mesmo identitaria. Cerdedo queda en Ningures , nunha terra de ninguén, que non favorece para nada a continuidade da identidade que tiñamos.

Supoño que vivindo aquí tempo para escribir teredes?

Depende. Tampouco estamos sempre aquí. Procuramos facer actividades e participar en cuestións que nos gusten.

Feminismo de proximidade é o teu primeiro libro en solitario verdade Lola?

Si. Teño participado en algún traballo colectivo, un con Dionísio no que contamos a historia da Pandemia na Terra de Montes e outro tamén con Dionísio no que recuperamos algunhas historias de personaxes españois en Marrocos

Como naceu Feminismo de proximidade?

A raíz de volvermos de Marrocos comecei a escribir artigos para a prensa. Entón un día ofrecéronme colaborar de maneira estable con Nós Diario. Tamén publiquei noutros medios .En definitiva, a obra é unha escolma das miñas colaboracións en distintas publicacións

Editouse hai pouco tempo, un mes. Podes xa valorar a acollida que ten?

A verdade é que estou moi contenta. As presentacións que fixemos tiveron moito éxito

Como podemos facer para mercalo?

Está xa en varias librarías. Tamén o podedes adquirir na rede entrando en companha.gal e na libraría Abrente de Bueu pódese comprar de maneira física e tamén on line. A nosa idea –di Dionísio – e facer as presentacións dos nosos libros en cidades e vilas importantes

O teu libro, A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza, non é precisamente o primeiro, Dionísio?

Non, eu ando polos 30 libros e polas 350 publicacións. Dos libros máis ou menos a metade son compartidos fundamentalmente con Eliseo Fernández, un investigador de Ferrol co que traballo moito.

Un economista de formación coma ti ve agora mesmo algunha alternativa ao liberalismo económico que leva a millóns de persoas á pobreza máis absoluta?

Agora mesmo non.

Non digo na realidade práctica senón como construción teórica?

Ben, á humanidade sempre sente a inxustiza logo caldo de cultivo para que veñan as esquerdas e que se dediquen a falar coa xente de común e a traballar con seriedade si que hai

Ben, volvamos á Primeira resistencia. Cóntanos as súas principais características?

O que queriamos é confrontar coa visión dominante referente a que no noso país houbo unha retagarda sometida e domesticada e que a represión foi moi pouca. Esta última falacia xa está desmontada a partir dos traballos de moitos investigadores e investigadoras e en concreto de Nomes e Voces. E agora quixemos desmontar a visión de que aquí non houbo resistencia

E si a houbo?

Si. en moitas zonas de país e incluso con moita relación coas guerrillas Leonesa, Berciana ou Sanabresa

Ata que ano poderiamos dicir que durou a resistencia armada en Galicia?

Ben o último que morre é O Piloto en 1964.Pero realmente a resistencia armada non foi máis alá de 1955. Galicia é o lugar de todo o estado español que ten a guerrilla máis potente e de duración máis prolongada

Tedes constancia dalgún enfrontamento importante?

Si, houbo moitos. Hai confrontacións realmente de guerra. Por exemplo en Vilagarcía houbo en 1938 unha moi importante na que se empregou infantería, centos de soldados , artillería e incluso unidades navais para evitar a fuxida dos guerrilleiros

Este tipo de historia non se ensina nos institutos verdade Lola?

Non, nada de nada

E non se ensina porque non e coñecida ou porque non hai interese en ensinala?

Eu creo que polas dúas razóns que apuntas. Logo os profesores sofren a presión do programa que hai que cumprir. Asemade o nivel de compromiso do profesorado, ao meu xuízo, baixou. Por outra parte-indica Dionísio- o clima político non axuda e o profesorado teme sufrir algún tipo de represalia. Estes tempos –di Lola-lémbranme a cando eu comecei no ensino nos anos 80 pois tiñamos que andar con pes de chumbo para ver o que se podía e o que non se podía dicir

O compromiso baixou só no profesorado ou tamén na mocidade?

É certo, hoxe tamén hai na mocidade bastante menos compromiso pero non porque sexan peores cá nosa xeración senón porque o clima político non axuda en nada. Existe unha mocidade dinámica e combativa e sobre todo nas mulleres

Neste eido do clima política abafante ti tiveches un problema serio Dionísio?

No ano 2006 escribín un libro sobre a 2º República e a represión en Cerdedo no que falei de persoas que a sufriron e sobre quen estaba relacionado coa represión , entre os que estaba un antigo alcalde do pobo. Este señor ten unha rúa no pobo e o BNG sen que eu soubera nada decidiu presentar unha moción para retirarlla. E a familia decidiu presentarme unha demanda por un suposto atentado contra a súa honra

Canto tempo se prolongou algo tan desagradable?

Case tres anos

Que che pedían?

18.000€, retirada dos libros e retractación pública. Logo o dos cartos eliminárono. Iniciouse unha campaña moi potente con moitas persoas no ámbito académico e universitario apoiándome e os denunciantes comezaron a baixar o pistón

A túa tese baseábase fundamentalmente en fontes orais non?

Si. Pero no proxecto Nomes e Voces que, como sabes, ten un arquivo sonoro de testemuñas orais da represión consérvanse as de 3 persoas que falaban deste antigo alcalde falanxista como represor

Temos documentados casos de persoas deste pobo que foran asasinadas na época da represión?

En Cerdedo mesmo só houbo dous asasinatos pero coñecemos os casos de trinta e pico persoas naturais do pobo que foron asasinadas. E estou falando só do que se pode documentar porque Cerdedo é un dos sitios nos que o rexistro civil non rexistra nada

En Nomes e Voces documentastes cerca de 5.000 persoas represaliadas en Galicia?

Si, pero ese traballo só chega ata 1940. Logo hai bastantes máis, de feito podo dicir que aproximadamente o número de persoas asasinadas no país anda cerca das 8.000

8.000 persoas represaliadas?

Non, asasinadas, directamente asasinadas

Por que rematou Nomes e Voces?

Este foi un proxecto financiado pola Xunta do bipartito .O que pretendiamos era dar fe de todos os represaliados, cos seus nomes, as voces, co arquivo de historia oral, e os lugares. Pero logo cando chega o PP quita o financiamento co que é imposible seguir. Todo o material ficou custodiado no departamento de historia contemporánea da USC

Rematamos Lola, que proxectos tes para o futuro?

Eu dedícome ao tema da muller en sentido moi amplo: sexualidade, educación, a muller en Marrocos…. Eu penso seguir indagando e escribindo neste campo que me toca de maneira moi profunda tanto na miña sensibilidade como no meu activismo social. Seguirei defendendo os valores do feminismo

E ti Dionísio?

Teño o proxecto de investigar sobre as axitacións operarias na construción dos camiños de ferro entre Zamora e Ourense