Mari Blanco pintora de Redondela

María Blanco Pintora

Mari é unha pintora da nosa vila, natural de Ponte Caldelas pero choqueira de adopción que ten un traballo de grande calidade e orixinalidade que A Nova Peneira non podía deixar de coñecer. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

As técnicas de pintura pódense aprender pero a capacidade para poder facelo é innata”

Malia que exerces de choqueira ti non es de Redondela verdade?

Non, eu nacín en Ponte Caldelas .Logo estiven tempo vivindo en Soutomaior e agora levamos xa 5 anos vivindo en Redondela. Pero levamos máis de 30 anos traballando na terra do choco

Canto tempo levas pintando?

Toda a vida. Xa desde moi nena foi algo que me chamou a atención e é unha das formas nas que me gustaba transmitir as miñas emocións. Algo que me tería encantado e que por desgraza nunca puiden facer foi estudar belas artes. Cando casei e tiven os meus fillos fixen uns cursos de traballos manuais nos que tamén se impartía pintura. Alí comecei a saber pintar. Fíxate ti se me frustrou non pode estudar Belas Artes que non desboto facelo cando me xubile.

A capacidade para pintar nace con un ou apréndese?

Eu creo que se nace con ela. Tiven un tío que morreu moi novo que era un pintor superlativo. As obras que lle deu tempo na súa corta vida a crer eran dunha beleza extraordinaria. De feito a primeira vez que expuxen na casa da Torre puxen tamén os seus cadros porque el era o meu referente.

Con que forma de pintar te identificas máis?

Traballo todo, pero creo que o pastel é o que máis mes gusta. Pero todo ten os eu encanto, por exemplo cando pintas ao óleo o resultado final pode non ter nada que ver coa idea que inicialmente quixeches plasmar

Tamén pintas lousa verdade?

Si. Foi un día que encontrei unha lousa pequena na praia e cando cheguei a casa collín os acrílicos e comecei a facer florciñas e a verdade gustoume moito como ía quedando. En realidade encantoume, tanto é así que cando imos de viaxe polas zonas de Lugo e Ourense e vexo algunha lousa polo chan non podo evitar parar a recollela

Tivo éxito a pintura en lousa?

Moito, todos aos que lla ensinaba dábanme opinións moi positivas. O efecto que produce o contraste do fondo negro coa cor da pintura é realmente bonito creo eu. De feito unha vez encargáronme unha para regalar nunha voda. A miña idea é facer unha exposición destas obras

Creo que a Pandemia foi unha etapa que che permitiu pintar de maneira moi intensa non?

A verdade é que nesa época do confinamento tiven ocasión de estar no cuarto no que pinto unha inmensa cantidade de horas e facer o que máis me gusta durante moito máis tempo do que habitualmente teño oportunidade

O feito de ter que estar no bar no que traballas unha enorme cantidade horas e non poder pintar debe de ser un tanto frustrante para ti?

Tanto é así que ás veces fago cousas alí cando teño algún tempo morto

Tes algunha web na que poidamos coñecer o teu traballo?

Non de momento non,Quen estea interesado en coñecelo pode facelo a través do meu facebook Mari Blanco o de meu instagram pero tampouco son moi fan das redes sociais

Vas facer algunha exposición proximamente?

Teño xa algún material preparado pero estou á espera de ter rematado algún máis

Pódese vivir da arte?

Non.