Pilar é unha veterana que leva toda a súa vida traballando polo ben común, tanto no eido da política como na acción social. Nese sentido está especialmente sensibilizada co voluntariado, coa participación da sociedade civil na vida do concello. Ela ten moitos proxectos en mente, e toneladas de ilusión en facelos efectivos para poder facer a vida de Redondela, especialmente dos colectivos máis necesitados, máis fácil e de mellor calidade. En definitiva para podermos ser máis humanos. Nós fomos coñecela.
“A oposición de Redondela deixa moito que desexar, é totalmente destrutiva”
Que áreas levas Pilar?
Maiores, infancia, medio ambiente e saúde.
Como chega unha médica pediatra , coma ti, ao mundo da política municipal?
Eu levo desde moi nova tratando de contribuír ao ben común. Esta non é a miña primeira experiencia na política, eu veño do PC e de Esquerda Unida. E esa maneira de formular a realidade: a contribución dun individuo ao ben colectivo, é a forma que entendo eu tanto a práctica da medicina, como da política.
Tampouco é a túa primeira experiencia como concelleira?
Non. Hai bastantes anos xa, estiven un tempo de concelleira co alcalde Xaime Rei. A verdade foi unha etapa bastante dura con algún episodio moi desagradable.
Apáñaste ben levando todas as áreas que tes?
Si. Neste goberno traballamos en equipo e a verdade iso facilita moito as cousas.
Ben, pois transmítoche unha queixa colectiva, para o conxunto do goberno, que chegou á nosa redacción: Recibimos diversas protestas de veciños de Reboreda dicindo que na súa parroquia,a diferenza de outras, non se roza. Iso é así ?
Pois resúltame estraño iso que me dis porque precisamente na época que me fas esta entrevista Reboreda está en festas, e creo que recibiu unha atención importante, de feito o que vin eu cando estiven por Reboreda estaba perfectamente rozado. Pero tratarei de coñecer o motivo desas queixas.
Como valoras a túa experiencia ata o momento no goberno de Digna Rivas?
A experiencia é positiva pero non nego que me atopei máis dificultades das que agardaba. Eu son unha persoa resolutiva que traballo para facer efectivos os programas concretos, para que a política poida ser unha ferramenta para mellorar a vida cotiá e ás veces é moi complicado. Hai programas moi importantes que custa moito que se concreten.
Por exemplo?
O programa de atención temperá. Non temos un local en Redondela que se poida adaptar para podérmolo desenvolver. Nestes momentos é inviable. Asemade este é un programa que ten unha duración limitada a seis anos e iso deberíase modificar porque logo deixas aos usuarios ou usuarias tirados.
Que opinas sobre as declaracións da alcaldesa, no número anterior da nosa publicación, nas que equiparaba a política comunicativa do PP de Redondela á de Goebbels?
Estou totalmente de acordo coa alcaldesa. Hai cuestións tan relevantes que non deberan ser obxecto da crítica política, toda a corporación deberamos remar na mesma dirección.
En que tema estás pensando?
Por exemplo no dos servizos sociais. O problema é que esta é unha competencia autonómica sobre a que o goberno da Xunta fai caso omiso da súa responsabilidade pasándolla aos gobernos municipais. E claro: eu non me ocupo das miñas responsabilidades, obrígote a que as asumas ti e logo critico se non están todo o ben que deberan de estar. Ese é o modus operandi do PP.
Explícanos en que consiste o teu modelo de voluntariado para Redondela?
Eu levo toda a miña vida , e non teño precisamente poucos anos, desde que era unha nena colaborando de maneira voluntaria no ben colectivo. Quixera que esa forma de entender a organización social se espallara en todos os sitios, comezando por Redondela claro. Que quede moi claro que iso non supón en ningún caso a perda de postos de traballo.
Cantos voluntarios e voluntarias ten Redondela nestes momentos?
30.
En liñas xerais que sensibilidade amosa o pobo de Redondela cara ao voluntariado?
O pobo de Redondela non coñece o suficiente o que é o voluntariado. É necesario darlle moita máis dimensión. O voluntariado é unha forma de traballar en común polo beneficio colectivo da sociedade. E iso non ten nada de malo, todo o contrario, só presenta aspectos positivos. Eu quero facer de Redondela unha vila ecolóxica e con saúde cardiolóxica, e o voluntariado pode axudarnos moito a logralo.
Ti traballas moito e tes unha morea de proxectos colectivos moi interesantes. Quixera preguntarte pola acollida que tivo un que a min me parece especialmente atractivo: como foi a acollida do curso de primeiros auxilios nos campamentos?
Xenial. Houbo moitos rapaces e rapazas que participaron. Incluso aos monitores veulles moi ben recordar as manobras básicas necesarias de primeiros auxilios. A cuestión é que cada vez esteamos máis capacitados para axudar. En Redondela aínda falta moito pero estamos a dar os primeiros pasos. Algo tan básico como isto debera ser asumido por todos e quedar fóra da discrepancia política. Pero por desgraza a oposición en Redondela deixa moito que desexar, é totalmente destrutiva. É lamentable a actitude do PP de Redondela, e non podemos esquecer que teñen un representante na DEPO e outro que é un alto cargo en Santiago.
A Xunta e a DEPO non tratan por igual aos Concellos que non son do PP?
Eu non podo falar polos demais concellos, pero si digo con claridade que a Redondela póñenlle paus nas rodas. A diferenza de trato co que recibe o concello de Mos, gobernado polo PP, é substancial.
En relación á atención ás persoas maiores que estades a facer?
Tratamos de descentralizar e ofertar axuda e obradoiros concretos en cada parroquia. Facemos Memoria, Taichí, Riso Terapia….e o que nos consta é que o nivel de satisfacción é moi elevado.
Que proxectos che gustaría ver rematados antes de que acabe o actual mandato?
-Empoderar á infancia desde o Concello. Pero facelo de maneira representativa coñecendo nos colexios as súas principais necesidades e problemas e actuando para tratar de solucionalas. Asemade quero que dos propios rapaces e rapazas podamos quitar as cousas que máis lles gustan para desde o concello podermos colaborar en potencialas.
-Mellorar substancialmente todo o relacionado co voluntariado, especialmente no que atinxa ás parroquias.
-Mellorar moito a atención temperá.
-Dar a coñecer o noso patrimonio arqueolóxico para que a veciñanza poida gozar dunha das cuestións que nos definen como pobo.
-Ampliar todos os paseos de Redondela facéndoos eco saudables.
Quixera facer moitas cousas máis, pero os cartos son os que son e chegan ata onde chegan.
Primer comentario