Deixáramos a Manuel Mariño en Barcelona o 06/01/1936, desfrutando dunha cea, agasallo da solidariedade dos emigrantes en Bos Aires. Seica tiñan, el e os seus acompañantes, fe no resultado do enfrontamento militar a favor da república, (un deles de apelido Candeira, referíase a Pastor Candeira Álvarez, de Ponteareas, cofundador xunto con José Antonio Fernández Vega e outros, da agrupación local de Izquierda Republicana. Viviu exiliado en México moitos anos. Cando regresou era un ancián case cego)1.
O certo é que na madrugada do 25 de xullo de 1938, dera comezo a famosa batalla do Ebro que rematara coa derrota do exército republicano o 16 de novembro de 1938. Isto deu paso a ofensiva sobre Cataluña entre decembro do 38 e febreiro do 39. Cando se difundiu a noticia da caída de Tarragona en mans do exército rebelde a retirada converteuse nunha fuxida caótica de republicanos de todas clases, autoridades políticas, funcionarios, civís comúns, mesmo soldados, fuxiron á presa deica a fronteira francesa. A noticia da evacuación do Goberno o 22 de xaneiro, foi o sinal para unha nova fuxida caótica de civís pouco menos que á carreira deica a fronteira francesa en todo tipo de vehículos ou simplemente a pe. Os funcionarios da República evacuaron aceleradamente as oficinas dende o luns 23 de xaneiro, grupo onde eu supoño iría Manuel Mariño e os seus compañeiros de infortunio. O 28 de xaneiro, Francia abriu a fronteira ós refuxiados republicanos que pronto foron establecidos en improvisados campamentos a beira do Mediterráneo, lugares cercados con arame de espiño e vixiados pola xendarmería francesa, carentes de suficientes alimentos e auga, expostos ao vento e á choiva, en malas condicións sanitarias. Foi así como deu comezo para moitos republicanos un longo e difícil exilio.2
Xa na acta da Asemblea Xeral Extraordinaria do Libro de Actas nº 2, da Asociación de residentes de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, de data 12 de marzo de 1939, páx. 27, recóllese, “tener consideración de la probable necesidad de socorro a los refugiados…”.
Manuel Mariño Méndez logrou chegar a Francia. Parece ser que foi recluído no campo de refuxiados de Argelès sur-Mer, alí recibiu axuda procedente do goberno arxentino por mediación de Manuel Puente. Como non¡, sempre Don Manuel, bo e xeneroso, empresario e dirixente da Sociedade Unión Progresista de los residentes de Salvatierra de Miño en Bs. Aires, a través do cal obtivo o permiso necesario para ingresar na Arxentina. Este comprometeuse ante o Director de Inmigración arxentino a proporcionarlle traballo nunha fábrica metalúrxica da súa propiedade ou, no seu defecto, no seu negocio de xoiería.
Arribou a Bos Aires no buque Formose procedente de Burdeos o día 19 de agosto de 1939.
O día 20 de agosto do 39, estaba celebrándose unha asemblea da Comisión Administrativa da Sociedade de residentes de Salvatierra de Miño en Buenos Aires cando, “llega Manuel Mariño en medio de la reunión acompañado de otros Camaradas y otros que estaban esperando al recién llegado. El Socio M. Domínguez hace moción para que se levante la Sesión en homenaje a los Camaradas, muy especialmente al Camarada Manuel Mariño Méndez, esta moción fué aceptada y levantada la Sesión siendo las 19.15 horas”. Debeu de ser un momento inimaxinable de emoción e satisfacción. Mágoa que na acta non consta ningún dos outros refuxiados que acompañaban a Mariño.
Na seguinte xuntanza da Comisión Administrativa de data 27 de agosto de 1939, recóllese na acta, “organizar un xantar de camaradería el 09 de septiembre, conmemorando el 18 aniversario de la Sociedad y en homenaje al Camarada Manuel Mariño Méndez…”. Neste xantar, que contribuíron a organizar a Xunta Executiva da Sociedade e a Comisión da Prensa, estivo tamén presente o ex-Deputado Antonio Alonso Ríos. 3
Na acta do 17 de setembro do 39, recóllese: “…se reunen la Comisión Administrativa y los miembros patrocinadores de la comida de camaradería y en homenaje al Sr. Manuel Mariño Méndez, a realizar el día 08 de octubre en la calle Iriarte 1385…”
Na acta de data 18 de novembro do 39, recóllese: “Informe de Sestelo que como se sabe fué comisionado para que informara a esta reunión de los gastos ocasionados por el viaje de M. Mariño Méndez desde Francia a esta, gastos que arrojan una suma de 999,30 pesos. Se resuelve en consecuencia que la Junta Ejecutiva haga efectivo el pago de ese dinero al Sr. Manuel Puente que como es sabido se le deben a él. Sestelo dice que Grandal tiene gastos que le fueron ocasionados por cuestiones de trámites relacionados con el viaje del Sr. M. Mariño, pero que no los cobra, que esto lo dona para la causa.”
“Se resuelve aceptar como Socio desde el 1º de septiembre a Manuel Mariño Méndez.”
Na acta da Asemblea Xeral Ordinaria da Comisión Directiva, celebrada en Bos Aires o 18 de febreiro de 1940, aparece rexistrado por primeira vez Manuel Mariño Méndez como vocal da citada C. D.
Na acta da Asemblea Ordinaria de data 22 de setembro de 1940, fica rexistrado, “..ayuda a refugiados, estando presentes en los actos organizados..” e “..donativos regalo de cigarros a los presos..”. A xenerosidade e solidariedade dos veciños de Salvaterra en Bos Aires, pertencentes a Asociación continuaba patente.
Mariño continuou durante varios anos formando parte da Comisión Directiva como vogal, polo menos durante os anos 1940, 1941, 1942 e 1943.
Regresou a Galiza en 1947 a idade de 65 anos aproveitando un indulto de Franco para aqueles que non tiñan delitos de sangue. Viviu silenciosamente na parroquia que o viu nacer, Fiolledo, até o seu pasamento acontecido o día 15 de febreiro de 1967, ós 85 anos de idade. Descansan seus restos no cemiterio de Fiolledo.
Xa para finalizar hai que dicir que durante a guerra morreu en Burgos o seu fillo Xosé en circunstancias nunca aclaradas.
1.- Información verbal fornecida por D. Fco. Candeira Mosquera, profesor e escritor.
2.- Fonte wikipedia.
3.- Universidade Nnal. de Bs. Aires, Facultade de Filosofía e Letras. Área de Historia. Doutorado da Universidade.
Salvaterra, a 19 de agosto do 2024
Primer comentario